Aliñación: Experiencia e confusión

Experiencia nas formacións

O teu equipo pode xogar coa formación que prefiras, pero os teus xogadores poden estar confusos e xogar por debaixo das súas capacidades se decides empregar unha formación que non coñezan o suficiente. Coller experiencia coas formacións e así evitar que se produza confusión simplemente é cousa de práctica. Gañarás experiencia nunha formación cada vez que a empregues (os partidos oficiais e os amigables teñen a mesma influencia; pero os torneos, escadas, pachangas ou a Hattrick Masters non contan). A cantidade de experiencia que consegues con cada formación depende dos minutos que xogases con ela (cun máximo de 90 minutos por partido), exactamente igual que co adestramento de xogadores. Se gañas por incomparecencia do rival, recibirás os 90 minutos de experiencia na formación sempre e cando a túa aliñación para ese encontro tivera polo menos 9 xogadores.

Con todo, gañar experiencia faise mais difícil nos niveis altos. Se non xogas cunha determinada formación, a experiencia desa formación irá diminuíndo co tempo. Existe tamén o risco de perder experiencia nunha formación en calquera momento cando vendes un xogador.

Confusión

Se os teus xogadores non teñen a práctica suficiente coa formación empregada, arríscaste a provocar certa confusión que afectaría negativamente ao seu rendemento no terreo de xogo durante calquera momento do partido. Un nivel excelente de experiencia na formación (ou mellor) é suficiente para estares seguro. Para niveis máis baixos, o risco de provocar confusión aumenta canto máis baixo é o teu nivel de experiencia na formación. Se o teu equipo tivese unha experiencia total elevada (ler máis abaixo) o risco de sufrir confusión diminuiría.

No caso de confusión a experiencia da formación tamén inflúe no nivel de confusión dos xogadores. A menor nivel de experiencia da formación máis confusos estarán os xogadores. Cando o teu equipo teña confusión durante un encontro informarase do nivel de organización co que estea a xogar en cada momento. Un evento que diga que o nivel de organización do teu equipo é "feble" significa que é bastante baixo, porén, se di que é "bo" terá un efecto menor no rendemento do equipo. Se a confusión chega antes do descanso (ou antes da prórroga) o teu adestrador tentará solucionar a situación cun repaso á táctica nos vestiarios.

Experiencia individual dos xogadores

A experiencia afecta ás actuacións dos xogadores no campo. Conséguese xogando partidos. Os partidos da Copa Nacional e Divisional dan o dobre de experiencia que os encontros de liga. Os encontros das copas satélite e consolación dan a metade de experiencia que os encontros de liga. Un amigable internacional dá arredor dun quinto da experiencia que se pode obter cun partido de liga; nun amigable cun equipo do teu país conséguese arredor da metade da experiencia que nun amigable internacional. Os encontros de seleccións son os que reparten máis experiencia, seguidos dos da Hattrick Masters.

A cantidade de experiencia que gaña un xogador depende dos minutos que tivese xogado, ao igual que o adestramento. Un xogador non pode obter máis de 90 minutos de experiencia por partido.

O capitán e a experiencia total

Podes elixir o capitán do equipo para cada partido. Para escollelo debes reparar na súa experiencia e liderado, posto que os niveis do capitán nesas dúas habilidades contan máis á hora de calcular a experiencia total do equipo – o que pode previr ao teu equipo tanto de sufrir confusión como de poñerse nerviosos en partidos importantes e dramáticos. Nalgunhas ocasións, o equipo con menor experiencia total pode poñerse nervioso, e isto soamente acontece nas roldas finais da copa ou nos partidos de promoción. Se un equipo se pon nervioso, a diferenza entre os niveis de experiencia dos dous equipos determinará o nivel de nerviosismo. Este fenómeno nunca poderá aparecer nos encontros de liga nin nos amigables.

O capitán ten que estar na aliñación coa que comezas o partido. Se non seleccionaches un capitán os xogadores farano por ti rifándoo xusto antes de comezar o partido.

Lanzadores de penaltis

Os partidos de copa e os de promoción poden rematar cunha rolda de penaltis se despois da prórroga aínda hai un empate no marcador. Ti elixes os lanzadores a través dunha pestana no formulario da aliñación. Cando os elixas lembra que non hai unha situación con máis tensión que unha rolda de penaltis e que cada penalti, a diferenza do que ocorre no tempo normal do partido, é unha proba para os nervios e a experiencia do tirador. Ademais da experiencia tamén inflúen nestas situacións límite tanto a anotación como a habilidade en balón parado. Tamén inflúe favorablemente se o xogador é técnico. Para os gardametas, tan só e importante a habilidade de portería e a especialidade rápido.

 
Server 070