Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

Xogadores: Outros atributos

Idade

Podes ver a idade exacta dos xogador na páxina do xogador. Un ano en Hattrick son 112 días, o que significa que tódolos xogadores teñen a súa idade (en número de anos) e ademais de 0 a 111 días.

Personalidade

Tódolos xogadores teñen a súa personalidade. Poden ser populares ou porcalláns, líderes ou solitarios, rabudos ou calmos. Arestora, a personalidade case que non afecta ao xogo, pero por exemplo é atinado nomear un capitán de equipo cunha habilidade de liderado boa. Para máis información sobre como afecta a personalidade ao xogo, lede o capítulo de psicoloxía.

Experiencia

A experiencia simula que un xogador máis vello conseguiu aprender cousas que non están directamente relacionadas coas súas habilidades. Esta experiencia afecta positivamente ás súas accións no campo.

Lealdade

Os xogadores cunha lealdade alta renden mellor no campo. A lealdade aumenta co tempo de permanencia no club.

Hai dous tipos de lealdade:

Bonificación pola lealdade do xogador

Por cada día consecutivo que conserves un xogador no teu equipo, estará un pouco máis unido a el e será máis fiel ó teu club. E canto máis fiel sexa un xogador, mellor xogará no teu equipo.

A lealdade aumenta rápido ao principio, mentres que despois, faino máis devagar. O máximo de fidelidade alcánzase tras tres tempadas no club, pero o punto medio alcánzase ás 12 semanas.

Bonificación máxima: +1 nivel en todas as habilidades (agás a resistencia)

Exemplo: Santiago Pemán ten nivel bo en xogadas e aceptable en defensa, e ten o máximo nivel (caralludo) en lealdade. Renderá coma se fose un xogador con nivel excelente en xogadas e bo en defensa (e isto reflectirase na súa valoración de estrelas).

Cando un xogador alcanza o nivel caralludo de lealdade, obtén a máxima bonificación. Os xuvenís da túa canteira comezan xa cun nivel caralludo de lealdade.

Por favor, ten en conta que un xogador perde a súa lealdade ó teu club se o vendes a outro equipo. Así que se o recompras de novo máis adiante, terás que recuperar a súa lealdade empezando desde cero.

Bonificación do club de orixe

Os xogadores que xoguen no seu club de orixe, como os teus xuvenís, e o fixesen durante toda a súa carreira, sempre renderán un pouco máis sobre o terreo de xogo, xa que xogan para o equipo que levan no corazón.

Bonificación: +0.5 nivel en todas as súas habilidades (agás a resistencia).

Os xogadores que xogasen para o seu club de orixe toda a súa carreira terán un icono indicativo na páxina do xogador. Por favor, ten en conta que calquera xuvenil que vendeses e despois recomprases non terá esta bonificación.

Obtendo as dúas bonificacións

É perfectamente posible que un xogador obteña ambas as dúas bonificacións. Así pois, cando promoves un xuvenil (naturalmente, non importa que sistema de xuvenís utilices) ao primeiro equipo, obterá unha bonificación de +1.5 niveis en todas as súas habilidades (agás a resistencia) ata que o vendas.

Índice Total de Habilidades (TSI)

O Índice Total de Habilidades é un xeito de medir as habilidades que un xogador ten. O TSI aumenta co adestramento e tamén pode medrar (ou baixar) coa forma.

Forma

Canta mellor forma teña un xogador, mellor renderá. Non é polo contexto físico, xa que non se refire a se un xogador está ben adestrado. A forma en Hattrick reflicte unha combinación de aspectos que fan posíbel ou evitan que un xogador acade o seu máximo potencial, como por exemplo a súa vida privada nese momento.

Na páxina do xogador podes ver a súa forma actual, que será a que teña durante os encontros. Un xogador excelente coa forma en nefasto é normalmente peor que un xogador pasable con forma en bo, por poñer un exemplo.  A forma actual vese afectada negativamente pola porcentaxe de adestramento de resistencia do equipo. A máis resistencia, máis negativos serán os efectos sobre a forma.

Adicionalmente, existe unha forma oculta que é usada para valorar cara a onde tende a forma actual. Cada semana, durante o adestramento, a forma actual de cada xogador cambiará, tendendo cara a esa forma oculta.  A forma actual non cambia de golpe á forma oculta. O cambio prodúcese por pasos en varias semanas, non obstante, canto máis lonxe estea da forma oculta máis grandes serán eses pasos.

Despois de que a forma actual cambie durante o adestramento existe a posibilidade de que tamén cambie a forma oculta para cada xogador individualmente. Tódolos xogadores teñen a mesma probabilidade de ter un cambio na forma oculta e non hai nada no que poidas intervir para modificar esta probabilidade.  De todas formas, cando se establece que vai variar a forma oculta, hai varios factores que poden influír en cal será esa nova forma:

  • Se o xogador participou nun encontro durante a semana. Isto é moi importante!
  • Intensidade de adestramento - canto máis forte adestres, mellor forma en xeral terás.
  • O teu adestrador - canto mellor sexa a súa habilidade de adestrador, mellor forma en xeral
  • Preparador físico - un Preparador Físico está especializado en mellorar a forma.
  • Adestradores auxiliares - tamén axudan a subir a forma

Especialidade

En torno á metade dos xogadores teñen unha característica chamada "especialidade", que afecta aos partidos. Hai 5 especialidades principais dispoñibles: "Técnico", "Rápido", "Xogo aéreo", "Potente" e "Imprevisible".  Tódalas especialidades principais teñen un lado bo e outro malo, como se explica no capítulo dos Eventos Especiais. As especialidades poden ser moi útiles para certo tipo de tácticas, como se explica no capítulo de Tácticas.

Dúas inusuais especialidades conviven coas típicas: "Rochoso" e "Patrón". Os xogadores coa especialidade Rochoso recupéranse das lesións lixeiramente máis rápido que o resto de xogadores e son máis resistentes ás que poidan sufrir durante os encontros. Os Patróns tratan de axudar ós compañeiros que teñen máis preto no campo. Se todo sae ben, farán que os xogadores das zonas contiguas rindan mellor. Se o evento non ten éxito, podería provocar unha caída na organización do equipo.

Lesións

Ás veces, os xogadores máncanse. Pode chegar o caso, salvo que a lesión sexa moi leve, de que un xogador teña que perderse varios partidos a causa do tratamento. O perigo de lesións aumenta se o equipo aumenta a intensidade dos adestramentos ou se contratas adestradores auxiliares.

Os xogadores máis vellos tardan máis tempo en curarse. Podes contratar doutores que axuden os teus xogadores a repoñerse antes. Os doutores tamén axudan a reducir o risco de lesións. Con todo, os xogadores que andan cerca dos 40 anos teñen moito máis difícil a súa recuperación. Lembra tamén que o tempo de lesión é soamente unha estimación - se o teu dianteiro estrela ten unha lesión dunha semana poida que tarde 8 ou 9 días en recuperarse de novo.

Cartóns amarelos e vermellos

O árbitro poden amoestar ou expulsar aos teus xogadores durante os partidos. Os máis agresivos (especialmente se son tamén pouco honestos e teñen pouca experiencia) reciben máis amoestacións que o resto. Dous cartóns amarelos durante un partido levarán automaticamente a que o xogador sexa expulsado. Se un xogador é expulsado perde o seguinte partido oficial por sanción.  Un xogador será tamén suspendido por un partido se acumula tres amoestacións en partidos oficiais durante unha tempada. As amoestacións recibidas na liga, na copa ou nos partidos de promoción se contan todas xuntas. Se un xogador viu xa dous cartóns amarelos en partidos de liga e recibe un terceiro cartón en copa na mesma tempada, perderase o seguinte partido oficial, sen ter en conta se é un partido de liga, de copa ou de promoción.

Podes comprobar na lista dos teus xogadores cantas amoestacións teñen acumuladas antes dun partido. Se un xogador ten xa 3 amoestacións aparecerá cun cartón vermello, para indicarche a súa suspensión.  Despois dun partido oficial tódolos xogadores suspendidos serán perdoados. Tódalas amoestacións son perdoadas tamén ao final dunha tempada. A efectos de sancións, non se contan os partidos amigables, nin para sumar amoestacións nin para perdoar suspensións.

 
 
Server 081