Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O encontro: Tácticas

En tódolos partidos podes ordenarlle ao teu equipo que empreguen unha táctica determinada. Cada táctica ten as súas vantaxes e as súas desvantaxes, polo que terás que escoller con tino. Hai seis tipos de tácticas diferentes dispoñíbeis (ademais da normal). Se non especificas táctica algunha sempre xogarás "normal".

Nivel das tácticas

A influencia da táctica no encontro virá determinada polo nivel que acaden os teus xogadores para esa táctica en particular. Este nivel determínase polas diferentes habilidades dos xogadores, xunto cunha bonificación pola súa experiencia.

Como de efectivas son as túas tácticas tamén depende de como de bos sexan os xogadores sobre o terreo de xogo. Canto mellores sexan os xogadores sobre o terreo de xogo, precisarás un mellor nivel de táctica para conseguir a mesma eficacia. Na práctica isto significa que necesitas mellor nivel na táctica nas división máis altas que nas máis baixas, xa que os xogadores das primeiras divisións teñen maior nivel nas súas habilidades.

Presión

Presión significa que os teus xogadores centraranse máis en destruír as oportunidades do teu contrincante máis que en crear as súas propias ocasións. Pode ser unha boa opción cando te sintas inferior ao teu rival e queiras que o marcador se manteña baixo.

Vantaxe: Podes reducir o número de oportunidades potenciais para o partido (para ámbolos dous equipos).

Desvantaxe: A resistencia dos teus xogadores diminuirá máis rápido do normal.

A ter en conta: O teu nivel de táctica na presión calcúlase tendo en conta o total de nivel de defensa e o total de nivel de resistencia de tódolos teus xogadores. Se un xogador é de especialidade "Potente" a súa defensa contará o dobre. Canto máis cansos estean os teus xogadores peor será a súa capacidade de presionar aos seus opoñentes.

Sempre que se corte unha oportunidade de gol por un equipo que emprega a táctica de presión infórmase no resumo do partido. Nunca saberás cal dos dous equipos tería obtido esa ocasión. Se ámbolos dous equipos empregan esta táctica o efecto verase dobrado. Ademais, ao xogar contra un equipo cunha táctica centrada nos tiros de lonxe, un equipo presionante ten unha alta probabilidade de previr unha oportunidade de tiro de longa distancia.

Contraataques

Significa que voluntariamente deixas que o teu contrincante teña o control do balón para, tan pronto como o perdan nun dos seus ataques, saír rapidamente ao contragolpe. Xogar contraataques pode ser unha boa idea se tes unha moi boa defensa e ataque e un medio malo, especialmente se isto se combina con que o teu opoñente teña un ataque moi pouco efectivo.

Vantaxe: Podes conseguir oportunidades de marcar gol adicionais cando a túa defensa consiga parar un dos ataques do teu rival.

Desvantaxe: Perdes un 7% da túa capacidade no medio do campo.

A ter en conta: O teu nivel de táctica no contragolpe calcúlase tendo en conta a suma total das habilidades de pases e defensa dos teus defensores. Para estes cálculos pases ten o dobre de importancia que defensa.

Soamente o equipo que non domina o medio do campo no momento de errar unha ocasión de gol ten a posibilidade de obter os beneficios desta táctica (ten en conta que tes que perder o medio do campo antes de aplicar a desvantaxe do 7%). Se dominas o medio do campo soamente obterás as desvantaxes. Tódolos contragolpes aparecen mencionados nos informes dos partidos. Cada vez que se recive un, a probabilidade de recibir outro diminúe.

Atacar polo medio

Atacando polo medio (Attacking in the middle ou AIM en inglés) significa que o teu equipo buscará a maioría das súas ocasións polo centro do campo, descartando moitas veces atacar polas bandas. Noutras palabras, cambias ataques polas bandas a cambio de ataques polo medio. Cada vez que ocorre esta redirección, as probabilidades de unha segunda diminúen.

Vantaxe: Ao redor dun 15-30% dos teus ataques polas bandas serán convertidos en ataques polo medio.

Desvantaxe: A túa defensa lateral polas dúas bandas empeora un pouquiño.

A ter en conta: O teu nivel táctico en ataques polo centro calcúlase tendo en conta o total do nivel de pases de tódolos teus xogadores de campo.

Cando un ataque é modificado da banda ao medio amosarase no informe do partido.

Atacar polas bandas

A táctica "Atacar polas bandas" funciona do mesmo xeito que “Atacar polo medio” pero ao contrario; é dicir, que consegues dirixir as túas ocasións ás bandas. Como normalmente hai menos ataques polo medio que polas bandas, a porcentaxe de ataques que se converten é algo maior neste caso. Cada vez que ocorre esta redirección, as probabilidades de unha segunda diminúen.

Vantaxe: Ao redor dun 20-40% dos teus ataques polo medio serán convertidos en ataques polas bandas.

Desvantaxe: A túa defensa central perde algo de eficacia.

A ter en conta: O teu nivel táctico en ataques polas bandas calcúlase tendo en conta o total do nivel de pases de tódolos teus xogadores de campo.

Sempre que un ataque pasa de ser polo medio a ser polas bandas quedará rexistrado no informe do partido.

Xogar creativamente

Xogar creativamente (XC) significa que os teus xogadores tentarán aproveitar máis as súas especialidades e doutras habilidades.

Vantaxe: Increméntanse as oportunidades de que ocorran eventos especiais durante o partido para os dous equipos, pero o teu terá máis probabilidades de conseguilos (tanto positivos como negativos).

Desvantaxe: O teu equipo defende un pouco peor neste encontro.

A ter en conta: Xogar creativamente (XC) require un bo nivel de pases e experiencia—sendo pases máis importante. Se un xogador de campo é imprevisible, a súa aportación ó nivel da táctica será do dobre. Para facer bo uso desta opción, é recomendábel ter un equipo optimizado para eventos especiais—por exemplo un con moitos xogadores con especialidades, e coas habilidades adecuadas.

Tiros de lonxe

Cando se xoga coa táctica de tiros de lonxe (LS en inglés) os teus xogadores reciben instrucións de facer un xogo máis directo cara a portería tentando máis tiros de lonxe en vez de rematar as ocasións cun ataque máis elaborado. Noutras palabras, cámbianse ataques que serían polas bandas ou polo medio por tiros de lonxe. O tiro de lonxe enfronta aos disparadores contra o porteiro. Isto pode ser útil se tes dificultades en marcar atacando polo medio ou polas bandas, pero tes a disparadores decentes.

Vantaxe: A táctica de tiros de lonxe transforma até ao redor dun 30% dos ataques polo medio e polas bandas en tiros de lonxe.

Desvantaxe: Os teus ataques polas bandas e polo medio, ao igual que o medio do campo, serán un pouco peores.

A ter en conta: O nivel de táctica en tiros de lonxe calcúlase tendo en conta o nivel de anotación e de balón parado dos xogadores de campo. A anotación é tres veces máis importante que o balón parado.

Cando un ataque se converte nun disparo de lonxe, calquera equipo defensor que utilice a táctica de presión ten a posibilidade de evitar o lanzamento. Se o disparo non se evita, un xogador de campo (os medios e os extremos teñen o dobre de posibilidades) realiza o disparo. A calidade do disparo depende das habilidades de balón parado e anotación do lanzador, mentres que o porteiro tentará parar o tiro usando as habilidades de balón parado e portería. Tanto para o que dispara coma para o porteiro é necesario un pouco das dúas habilidades, sendo mellor que teña algo das dúas que só moito de unha.

Tódolos tiros de lonxe son informados durante as crónicas dos partidos, incluíndo as oportunidades desperdiciadas.

 
Server 071