Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

Axuda »   Manual »   Traspasos 

Traspasos

A páxina de Traspasos é o lugar onde podes mercar novos xogadores e onde podes vender aqueles xogadores que xa non queres manter no teu equipo. Permítense 50 xogadores ao mesmo tempo no equipo. A páxina de Ofertas dáche unha visión global sobre tódolos xogadores que esteas a vender ou polos que a túa poxa sexa a gañadora polo momento. Tamén aparecen os xogadores que estiveran no teu equipo anteriormente e polos que debas recibir cartos polo seu traspaso.

Vender a un xogador

Para vender un xogador hai que poñelo no mercado de fichaxes, e para facelo tes que ir á páxina do xogador que queres vender. Indicar o prezo que pides por el e por último colócalo no mercado. Para ter unha idea do valor do xogador, podes usar a ferramenta "Comparación de traspasos" onde se nos suxerirá un prezo realista. Para poder vender un xogador, ten que ter disputado como mínimo un partido co teu equipo e non podes poñelo á venda máis veces que partidos tivese xogado. Esta limitación non se aplicará a xogadores promovidos da túa canteira ou a xogadores que xa estaban no teu equipo cando te fixeches cargo del. O xogador estará no mercado de fichaxes durante 3 días, e despois iríase ao club que ofrecese máis cartos por el, sempre e cando alguén poxase por riba do teu prezo inicial. Un xogador vendido é transferido inmediatamente ao seu novo club cando a poxa remata, a non ser que un dos equipos implicados estea xogando un partido nese momento, en cuxo caso, chegará en canto remate o partido. Se non se encontra comprador, o xogador queda no teu equipo. Recorda, unha vez posto un xogador á venda non podes cambiar de opinión e retiralo do mercado. Non obstante, se despois de todo decides que necesitas o xogador, sempre tes a opción de comprarcho a ti mesmo.

Mercar un xogador

Para mercar un xogador visita o Mercado de fichaxes baixo o menú de O meu club, ou a través do menú O mundo, ou na icona da esquina superior dereita. Procura o tipo de xogador que queres e, para facer unha oferta, introdúcete na páxina do xogador premendo no seu nome. Debes superar a poxa como mínimo en 1 000 US$ ou nun 2%, a cantidade que sexa maior das dúas. Se non hai ningunha poxa actualmente, podes igualar o prezo solicitado, sempre que ese sexa igual ou superior a 1 000 US$. Tes que ter en conta que a suma das túas poxas máis os soldos dos xogadores polos que estás a poxar (sempre se paga o primeiro salario inmediatamente despois da merca) non poden superar os 200 000 US$ de débeda.

Podes poxar por un xogador ata que remate o prazo. Se alguén fai unha oferta a menos de tres minutos do límite, este prazo amplíase por outros tres minutos desde o momento no que se fixese a poxa.

Unha gran axuda cando queres mercar un xogador é a información relativa ás súas habilidades, personalidade, etc. Podes tamén usar a páxina de "Comparación de Traspasos" para ver xogadores semellantes que foran vendidos recentemente.

Poxas automáticas

As poxas automáticas funcionan da mesma forma que calquera poxa normal. Se estableces unha poxa máxima, o sistema automaticamente poxará por ti cando sexa necesario, sempre aumentando a poxa anterior na cantidade mínima posible (un 2%, 1 000 US$ mínimo).

Podes cambiar (tanto incrementar coma diminuír) a túa poxa máxima en calquera momento, pero, por suposto, non podes eliminar a túa poxa (máis alta) actual. A túa poxa máxima só pódela ver ti, os demais mánagers só poden ver a poxa actual.

Só podes ter unha poxa automática á vez. Se a túa poxa máxima alcanzou o seu máximo, xa non contará como poxa automática e poderás establecer outra distinta se queres.

Para casos especiais (como cando dous equipos fan a mesmo poxa automática ou cando dous poxadores automáticos se enfrontan entre si), construímos unha especie de lóxica intelixente, aquí hai algúns exemplos que che axudarán a entender esta lóxica.

O axente, o club de orixe e as taxas de traspasos

Poñer un xogador á venda custa 1 000 US$. Despois de rematada a poxa, o axente do xogador, o club de orixe, e o anterior equipo do xogador recibirán todos a súa parte do prezo final. Na páxina do xogador podes ver sempre canto poderías conseguir se vendes ao xogador. Aquí están os básicos:

A cantidade que se leva o axente depende de canto tempo leva o xogador no teu equipo.

O club de orixe sempre se leva o 2% do prezo da venda. Cando es o club de orixe sempre se recibe ese 2% cada vez que o xogador é vendido.

O equipo anterior do xogador lévase sempre o 3% do prezo da venda. Cando o teu club é o equipo anterior os cartos que recibes dependen do número de encontros que disputou o xogador no teu equipo.

Olla o Apéndice 4. Taxas nos traspasos do manual para ter máis información.

Cando vendes un xuvenil o teu equipo non é considerado o equipo anterior. Pero a vindeira vez que cambie de equipo si que se te consideraría equipo anterior, sempre e cando xogara algún encontro co teu primeiro equipo.

Os traspasos poden afectar ao espírito do equipo.

Sempre que vendas ou merques un xogador corres o risco de baixar o espírito do equipo. Ese risco medra cando vendes un xogador popular ou cando mercas un xogador porcallán. Non hai risco de que baixe o espírito do equipo se a venda se efectúa nos seis primeiros días posteriores á chegada ao primeiro equipo.

Caídas dos servidores

A data de finalización dos traspasos pódese prolongar (procurando ser o máis xusto posible) no caso dunha caída dos servidores. Ten en conta tamén que o servidor pode ter unha caída cando se estea achegando esa data. Un traspaso só se da por completado cando o xogador chega efectivamente ó seu novo club, e só entón xa non poderá ser suxeito de máis extensións.

Por tanto, estarás tentando á sorte se agardas ata o último momento para facer o teu movemento. Aconséllase poñer os teus xogadores á venda por un prezo razoable, co fin de evitar calquera desgusto, xa que corres o risco de vender o teu xogador por menos do esperado por culpa dunha caída inesperada do servidor.

Xogo limpo no mercado de fichaxes

Ter bos xogadores e ter cartos son aspectos básicos en Hattrick, o que fai que sexa moi importante que ningún equipo saque un beneficio anormal das súas actividades no mercado de fichaxes. Isto significa que está prohibido mercar xogadores a prezos inflados, así coma calquera outra actividade dirixida a proporcionar a un equipo calquera tipo beneficio anormal. Tan só os atributos do xogador, como son as habilidades, a idade, as peculiaridades, o potencial para ser seleccionado polo Equipo Nacional ou o Sub20 e todo o que teña influencia no xogo, será o que determinará o seu valor no mercado.

Os GameMasters están plenamente autorizados para cancelar ou axustar traspasos con prezos anormais, poñer multas aos equipos implicados ou incluso para expulsar aos seus donos do xogo. Se recibes unha destas poxas desorbitadas por algún dos teus xogadores, contacta cos GM inmediatamente. Para contactar cun GM fai o favor de visitar a nosa páxina de contacto.

 
 
Server 081