Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

Editoriais

A túa guía persoal para o novo Mundial


2021-01-10 21:13:00

Tras varios meses de traballo, o sistema do futuro Mundial está listo e cargadiño de novidades: un formato máis flexible, permitindo competir ás 144 ligas existentes, así como novos campionatos continentais para Europa, África, as Américas e Asia-Oceanía.


O obxectivo xeral foi facer as seleccións nacionais máis divertidas de seguir e participar para tódolos usuarios, tanto se adestras xogadores para a seleccións, axudas ó scouting de seleccións rivais coma se es un seareiro virtual de fútbol que se emborracha cos partidos da súa selección! Se aínda non es un seguidor das seleccións, esta semana é un bo momento para engancharte. Hai eleccións e hai tomate!

Xa choveu dende que as seleccións chegaron ó Hattrick. O primeiro mundial xogouse en 2002, e Suecia gañou 6 das 7 primeiras Copas do Mundo. Co tempo, os demais países espabilaron, e hoxe en día a Copa do mundo éche ben competida—polo menos ata que volva a lendaria tartaruga andina.

Co novo formato, queremos mellorar os aspectos máis molóns das seleccións, e enganchar tamén a novos seareiros. Xa lanzamos algunhas destas novas funcionalidades, como a lista de futuribles para seleccións. Outra cousa chula que fixemos foi darlles un futurible a todos os mánagers que volveron coa última campaña de nadal. Este futurible ten nacionalidade dunha das 16 novas ligas, e está bastante potenciado para que teña opcións de selección, e deste xeito contribuír ó progreso dos novos equipos nacionais.

Pero o gordo está por suposto na reforma do sistema de competición. No canto dunha cualificación longa para 128 países seguida dunha Copa do Mundo de 32, a partir de agora todos os 144 países do Hattrick van participar. E tamén entrarán directamente os novos países cando fagamos expansións.

As seleccións competirán polas novas Copas Continentais—Eurocopa, Copa África, Copa América e Copa Asia e Oceanía—durante a primeira das dúas tempadas do ciclo da selección. Outra novidade é que non todos os partidos xogaránse ó horario clásico—20.00 hora HT—, senón dependendo dos horarios locais.

Ó final da primeira tempada, daranse as Copas Continentais e as 96 mellores seleccións irán para o Mundial—xa sexa directamente ou por repesca.

Os grupos sortearanse tendo en conta o ránking. O sorteo o imos retransmitir en directo—espero que ninguén se emborrache durante o mesmo e comece a invitar ós parroquiáns a un cocido.

Bótalle un ollo ó novo calendario no manual—fixemos algúns cambios dende que o publicamos.

Imos lanzar os cambios en fases. Esta tempada hai eleccións para a U20, que xa pasarán ó novo sistema. Para a seguinte, entrará a absoluta. E para a seguinte, a U20 pasará a ser U21, podendo xogar rapaciños de ata 21 anos.

As eleccións tamén levan un bo lavado de cara. Para evitar movidas nos países pequenos, imos tomar varias medidas:

- As votacións serán ponderadas. Segue o requisito de levar co equipo mínimo unha tempada para poder votar, pero agora co tempo o teu voto verá aumentada a súa ponderación—facendo que o teu voto valga máis co dun novato. Tamén aumentará a ponderación dos usuarios que estiveron activos na última tempada no seu equipo.

- Para arranxar a vulnerabilidade das ligas máis pequerrechas onde só hai uns poucos xogadores locais, imos darlle ós usuarios cun equipo extra no estranxeiro o dereito a votar no seu país de adopción—ademais de no seu país orixinal. Este voto terá unha ponderación menor ca dos usuarios locais, pero dabondo para evitar chanchullos con contas locais falsas.

- Como usuario só emitirás un voto por cada liga na que xogues, pero dependendo da túa veteranía, este terá máis ou menos peso na conta final. Os usuarios locais disporán dun primeiro voto ó cumprir a súa primeira tempada, e disporán de votos adicionais despois de 5, 10 e 15 tempadas. Os usuarios dun equipo extra disporán do voto despois de 2 tempadas, e disporán dun voto extra cando leven 10 tempadas no mesmo país.

- Cada usuario recibirá ata dous votos pola súa actividade. Non imos dicirche como se calcula isto—para evitar manipulacións—, pero están deseñados para seren doados de acadar para un equipo activo, pero moi traballosos se tes o equipo só para votar nas eleccións. Ten en conta que como usuario non saberás o peso exacto do teu voto, só che imos explicar os principios do sistema.

Dous exemplos rapidiños:

* Es un usuario local de Xamaica. Cada noite, despois de botarlle un longo sorbo ó teu mojito, entras ó Hattrick dende a túa choza de madeira na Bahía Príncipe para sacar uns cartos co step. Despois da túa primeira tempada, o teu voto valerá 1. Despois de 5 tempadas, valerá 2, despois de 10 tempadas valerá 3, e despois de 15, valerá 4. Se fuches activo, valerá outros dous máis.

* Tes un equipo adicional en Mongolia, de onde é a túa moza. Despois da túa segunda tempada, o teu voto valerá 1, e despois de 10 tempadas valerá 2. Se fuches activo, valerá outros dous máis.

Os usuarios con equipos extra non poderán votar máis dunha vez no mesmo país—aínda que tivesen máis dun equipo nel. Terán a ponderación do seu equipo máis antigo.

Resumindo, que é xerundio:

As eleccións tiñan os seus defectos, e eran fáciles de manipular—e logo non había home bisonte que o arranxara. Despois das eleccións do verán fixemos unha análise de todos os votos—co historial do usuario, IP's, etc.—e vimos que o problema era serio, non era cousa de dous curmáns. Polo que aproveitando o cambio á copa do mundo, puxémonos ó allo.

Con este novo sistema, non só imos aumentar a base de votantes de confianza—na nosa opinión o punto máis crítico—senón que ademais rebaixamos o voto dos equipos feitos só para amañar eleccións. A partir de agora para amañalas vai facer falta algo máis que ter moitos curmáns ou aínda algo máis que ser un vello tolo coa pel laranxa e o Twitter aberto. E se fai falta iremos engadindo máis regras e filtros nun futuro.


E ti, a que estás esperando? Vai directo ó fío das túas eleccións favoritas e comeza a debater cun ton sosegado e responsable, e contaxiate do ambiente de fraternidade e harmonía que rodea ó mundo das seleccións!


HT-Johan
Lista de todos os editoriais

Reaccións da comunidade

Ninguén emitiu aínda un comunicado de prensa sobre isto.

 
 
Server 080