Novas
11-22-2006
Editorial: Novo sistema de xuvenís
Estamos orgullosos de informarte sobre unha nova mellora. A tempada despois da vindeira (a finais de Marzo) sairá á escena un sistema de xuvenís novo e máis interesante. HT-Tjecken faiche un adianto neste editorial.
Unha das poucas cousas que non se tocou dende o comezo de Hattrick no ano 97 é o sistema de xuvenís. Aínda que o deseño da canteira é moi sinxelo e non require ningunha habilidade real, moitos usuarios pensan que sacar un xuvenil da canteira é un dos mellores intres cada semana. Isto non é ningunha sorpresa, xa que está claro que é divertido gañar na lotería, e esta é unha das razóns polas que o sistema non se tocou neste tempo. Pero para os que queredes algo máis haberá un sistema de xuvenís novo do trinque na tempada seguinte á vindeira (a finais de Marzo).
A mellora do sistema de xuvenís foi moi demandada pola comunidade de Hattrick e tamén foi un dos temas máis debatidos polo equipo de HT. Por iso alédame dicir que axiña será realidade. O deseño da nova canteira é unha mestura de diferentes ideas da comunidade, ideas nosas e tamén algunhas cousas que sentiamos que faltaban no xogo. Pódese dicir que o novo sistema de xuvenís baséase nos seguintes puntos:
1. Debería conter aínda algún tipo de lotería, porque sería duro elimina-la emoción da lotería despois de todo.
2. Debería ofrecer maior profundidade e máis retos que o sistema actual, e crear ligazóns máis fortes cos teus xogadores.
3. O xeito en que os xogadores evolucionan e o bos que poden ser debería ser menos predecible que hoxe.
4. A posibilidade de xogar encontros de xuvenís sempre que queiras. Isto permitirá torneos/ligas dentro do xogo entre amigos, compañeiros de traballo, etc.
Resumindo, funcionará deste xeito:
Para atopar xuvenís ti contratas olleadores. Só poderás contratar un número limitado de olleadores. Podes dicirlles que procuren todo tipo de xogadores ou un tipo especial de xogador (defensa, medio, etc). Tódalas semanas cada olleador ofréceche un xogador, un olleador/oferta ó mesmo tempo. Poderás escoller un xuvenil á semana, así que se acepta-la primeira oferta non verá-las demais e se rexeitas a primeira oferta non poderás aceptala logo. Paga a pena mencionar tamén que se o teu olleador busca algo en concreto ten unha menor probabilidade de atopar un talento excepcional.
Cando un xuvenil chega ó teu equipo de xuvenís el terá 15-16 anos, pero non poderás pasar un xogador ó primeiro equipo ata que teña certa idade. Tamén haberá un número máximo de xogadores e unha idade máxima para o equipo de xuvenís.
As habilidades dos xuvenís non teñen un valor fixo, serán variables. Isto implica que terás que explora-los teus xogadores e por medio das calificacións nos encontros ver en que posición xogan mellor. As habilidades serán máis exactas canto máis adestres e explore-los teus xogadores, pero o valor exacto non o saberás ata que os subas ó primeiro equipo. Ademáis das habilidades normais, os xuvenís terán valores para potencial e carácter.
Os teus xuvenís formarán un equipo, que xogará os seus propios encontros. Ti poderás crea-la túa propia liga e tamén poderás escolle-la hora do teu encontro semanal pola túa conta. Periódicamente a liga terá un parón e poderás xogar contra os equipos de xuvenís que escollas.
O motor dos encontros de xuvenís será parecido ó motor de encontros actual, pero algunhas cousas cambiarán un pouco. O adestramento, como sempre, dependerá do que adestres e da posición na que o xogador estivo no seu último encontro, pero tamén recibirás puntos extra (dependendo do que teñas feito na última semana e tamén dos resultados do teu primeiro equipo) que podes usar para adestrar algo máis a algúns xogadores. Pero non poderás gastar tódolos teus puntos nunha soa cousa.
Haberá, como ata o de agora, un nivel máximo para a calidade que pode acadar un xogador nunha determinada habilidade. Teremos dous sistemas paralelos (o antigo de "lotería" e este novo) e non sería xusto que os xogadores puidesen ser mellores nun sistema que no outro. Aínda así, co novo sistema terá-la vantaxe de deseña-los teus propios xogadores e face-los mellores nas súas habilidades secundarias. Así que, se por exemplo tes un dianteiro e notas que a súa habilidade de anotación non pode mellorar porque está preto do máximo, podes escoller darlle adestramento de pases para que sexa aínda mellor. Noutras verbas, este novo sistema favorecerá o adestramento de diversas habilidades e os xogadores "multiskilled", e probablemente os xogadores co novo sistema sexan mellores (nivel similar de habilidade principal, pero mellores habilidades secundarias).
Penso que con isto xa sabedes por onde van os tiros. Ó final da vindeira tempada teredes unha descrición máis detallada da implementación máis grande en Hattrick en moito tempo. Unha implementación que paga a pena agardar, e que dalgún xeito estou desexando que chegue. Confío en que vos tamén.