Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

11-27-2006 Editorial: Trocos para a vindeira tempada

A nova tempada está a piques de comezar e traerá consigo unha serie de trocos. Algúns dos trocos son agardados, xa que a Asociación de Fútbol de Hattrick xa anunciara esta mesma tempada algúns trocos económicos, namentres outros son novos do trinque. Desta vez tamén haberá algunhas novas estatísticas para os Supporters, e unha función totalmente nova: os Logros.
Sempre hai unha tensión especial ó inicio da nova tempada. Algúns acadáchede-lo ascenso e estades a analiza-los equipos no voso novo grupo para planifica-la vosa nova estratexia, algúns estaredes a escribir unha mensaxe da conferencia cunha análise da vosa liga, ou pode que esteades a mercar ese xogador estrela que vos fará se-lo equipo revelación esta tempada. Todos estes plans e pensamentos fan do inicio da tempada algo especial, e por suposto – moitas veces hai novas cousas sobre as que pensar que fan o inicio de tempada aínda máis especial. Esta tempada non é unha excepción, hai unha chea de trocos, algunhas novas estatísticas para os Supporters e tamén unha función totalmente nova.

Deixa que empecemos polos trocos económicos que a AFH anunciara á metade desta tempada, xa que recibimos deles unha carta con tódolos detalles do novo acordo:
“Como informamos hai algunhas semanas haberá tres trocos económicos para a vindeira tempada. Como xa sabedes, asinamos un novo acordo cun fabricante de ordenadores e os cartos irán directamente ós equipos de Hattrick. Concretamente, isto significa que tódolos equipos terán un aumento dos seus ingresos por patrocinadores dun 4%.
En segundo lugar, a Organización Global de Axentes acordou reduci-las súas comisións nun 2%. Teredes que paga-las mesmas comisións ó club nai e ó club anterior, e a cantidade exacta seguirá a depender de canto tempo leva o xogador no voso equipo. Pero agora podedes levar ata un 95% dos cartos do traspaso no canto do 93%.
O último cambio para esta tempada é que en cooperación co Banco Central de Hattrick (HCB) reduciremo-las intereses dos cartos no banco á metade.

Tras unha reunión co HCB gustaríanos tamén aproveitar esta oportunidade para anunciar algúns trocos económicos para as vindeiras tempadas:
Para a tempada trala nova (comezando en Marzo): Redución das intereses á metade (de novo) e tamén redución do ingreso máximo por intereses á metade.
Dentro de 2 tempadas (comezando en Xullo): Retirada das intereses dos cartos no banco definitivamente.

A razón destes trocos é que o HCB pensa que os cartos deberían circular, e non estar amoreándose no banco.
Finalmente, gustaríanos aclarar que nós, a HFA e o HCB, estamos sempre a mira-la economía global de Hattrick para asegurarnos de que medra lentamente. Pero é importante entender que non nos preocupan demasiado os prezos do mercado de transferencias, o que nos preocupa é a economía de fondo e especialmente a cantidade de cartos por equipo. O novo acordo de patrocinio cubrirá a perda de ingresos por intereses globalmente, de feito fará algo máis que cubrilos. Todos xuntos, estes acordos aseguran que a economía xeral segue a medrar”.

Ademais dos trocos anunciados pola HFA, tamén faremos algúns pequenos axustes no motor do xogo a vindeira tempada:
- A habilidade de balón parado comezará a baixar coa idade, como o resto das habilidades.
- Os xogadores perderán habilidades pola idade un pouco máis rápido que antes.
- O nivel máis baixo para a habilidade de resistencia será nefasto (baixo).
- Os trocos de adestrador nas seleccións nacionais xa non afectarán ó espírito do equipo.

A vindeira temparada verá tamén o inicio dunha nova función alternativa: Os logros. A triste realidade é que non todo o mundo pode gaña-la copa ou a primeira división en Hattrick, así que pensamos que é importante que exista a posibilidade de centrarse nunha carreira alternativa. As carreiras alternativas (canta máis masa mellor se pasa!) aportanlle profundidade ó xogo, e todo o mundo poderá ter unha mellor experiencia no xogo. Algúns queren ser os mellores adestradores de dianteiros, outros prefiren coleccionar bandeiras e outros centrarse en ser membros activos da comunidade, por exemplo. Agora engadimos outra posibilidade de carreira, os logros.

Sendo breves, esta función implica que gañarás puntos por distintas cousas que acades no xogo. Gaña-la túa liga ou pasar algunhas roldas na copa daranche por ejemplo algúns puntos, do mesmo xeito que acadar un número de estrelas nun encontro. Ademais recibirás puntos por outras cousas no xogo como fundar unha Federación, mercar/vender un xogador, escribir unha mensaxe na conferencia, subir no ranking ou ser seleccionador nacional. A maioría dos logros serán coñecidos, pero haberá tamén algúns logros ocultos que deberedes procurar.
Os vosos logros serán visibles dende o voso menú e a vosa páxina de usuarios. Amosaranse os puntos que levades e o máximo número de puntos que podedes acadar.

A última cousa neste paquete é para os nosos Supporters amantes das estadísticas: Estatísticas dos encontros. Agora poderedes ver, tempada a tempada, como marcou os teus goles o teu equipo, de que xeito se mancaron os teus xogadores e estatísticas sobre cartóns.

Resumindo, o noso principal obxectivo desta vez foi unha nova oportunidade de carreira, e a economía. Tamén incluimos algunhas boas estadísticas e pequenos axustes, entre os que o máis importante é a maior velocidade de baixada das habilidades, xa que aínda temos un exceso de xogadores é a baixada de habilidades tarda moito tempo hoxe en día. Ademais, xa estamos a traballar no novo sistema de xuvenís e tamén atopamos algo de tempo para traslada-los nosos servidores como xa sabedes. :)
De parte do equipo de HT e da HFA agardamos que vos gusten estes trocos.
 
Server 071