Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

6-5-2007 Editorial: O xuvenil de hoxe

O 26 de marzo abrimo-las portas da academia de xuvenís, agora dous meses máis tarde hai máis de 550.000 equipos de xuvenís en Hattrick – Incrible! Durante os pasados dous meses pasamos moito tempo nas conferencias respostando cuestións, explicando algunhas dúbidas e deixando as cousas algo máis claras. Neste editorial tentarei resumi-lo lanzamento da academia de xuvenís, o que dixemos nas conferencias e algunhas outras cousas que deberiades saber sobre a academia de xuvenís.
Cando lanzamo-la academia de xuvenís, estabamos moi excitados por ve-la vosa resposta. Agardabamos e pensabamos que vos gustaría, pero iso é unha cousa que non se pode asegurar de antemán. Agora, máis de 550.000 equipos despois, penso que podemos estar bastante satisfeitos. Os números non o din todo e aínda hai moitas cousas que tedes que explorar – así que agardaremos un pouco para face-la queimada. Pero iso non fará que non sigamos a engadir novas opcións para a academia de xuvenís; algunhas grandes, algunhas pequenas e algunhas para os nosos Supporters. Dixemos que cando comezasemos coas academias aproveitaríamo-la oportunidade para probar ideas na academia e experimentar máis do que o facemos no motor principal do xogo, e é unha promesa que queremos cumprir. A vindeira gran opción que vai aparecer son as xa anunciadas sustitucións, e un feixe de outras pequenas opcións que verán a luz antes diso.

No capítulo 27 das regras dise que “ás veces teñen lugar eventos non planificados, como bugs”, e por desgraza a academia de xuvenís non estaba totalmente libre de bugs. Penso que por moito que probes un sistema – e especialmente un tan grande como este – sempre terás bugs, do mesmo xeito no que un entorno de proba e o entorno real nunca serán exactamente iguais. A academia de xuvenís foi probada por membros do staff durante algún tempo a un ritmo esaxerado antes da apertura. Tamén invitamos a algúns usuarios suecos a facer unha proba cega para ver e estuda-lo seu comportamento e asegurarnos de que lles gustaba o sistema. Pero aínda que estabamos ben preparados, sabiamos que atopariamos algúns problemas no entorno real e é difícil simula-la carga de 60-70.000 usuarios conectados ou a lentitude nalgunhas outras partes do sistema de Hattrick por exemplo. Tamén é a razón pola que só algúns usuarios puideron activa-la súa academia os primeiros días, queriamos mante-la carga no sistema tan baixa como fose posible.
Dito isto, atopáronse máis bugs dos que agardabamos e iso é algo do que non podemos estar orgullosos porque os nosos traballadores voluntarios tiveron un aumento da súa carga de traballo e moitos clientes quizais perderon algo de confianza en nós. Temos que mellorar nesa área, iso está moi claro para nós. Pero penso que ninguén pode negar que traballamos arreo para arranxar tódolos problemas, comezando cos máis importantes e seguindo cos máis pequenos/individuais, e hoxe a lista de bugs está preto de estar baleira.

A posibilidade de desactiva-la academia de xuvenís tamén estaba na lista de cousas por facer, e alégrame dicir que iso xa é posible! Poderedes desactiva-la vosa academia de xuvenís entre tempadas de xuvenís ou se non pertencedes a ningunha liga de xuvenís, pero tedes que manter activa a vosa academia por un mínimo de seis semanas. A razón é que non nos gustaría a posibilidade de abri-la academia unha semana, pechala á seguinte e logo abrila de novo – queremos que as academias sexan un compromiso a largo prazo. Ademais non queremos carga-los nosos servidores sen motivo.

Nas conferencias viviuse ó inicio un intenso espíritu pioneiro, como debería ser! Hoxe é máis unha mestura de análise e aventura, e por suposto non é tan intenso como as dúas primeiras semanas. Os resumos dos adestradores foron un dos temas máis discutidos nas conferencias, especialmente porque non contiña demasiada información para moitos usuarios. Unha razón para isto foi que os xogadores recibiron menos adestramento do agardado ó inicio, pero tamén hai algunhas explicacións naturais de por que non tivestes demasiados eventos nos resumos. Hai unha morea de eventos de adestramento distintos que poden saír no resumo, e hai unha probabilidade para cada evento. Algúns serán máis comúns, e outros menos. A(s) habilidade(s) dun xogador son un factor importante na maioría dos eventos, o que explica a falta de eventos mentres a maioría dos vosos xogadores eran rapaces do barrio que tiñan de todo menos talento. Cando teñades máis xogadores xuvenís reais recibiredes máis novas. Ademais incrementamo-la probabilidade de que teñan lugar algúns eventos.

Outro tema nas conferencias foron as estrelas azuis, xa que parece que non se comportan do mesmo xeito que nos equipos dos maiores. En realidade si que o fan, as estrelas din que tal o fixo un xogador en concreto nun encontro en particular. Pero hai dúas diferencias: As estrelas (obviamente) usan unha escala diferente, xa que os xogadores xuvenís teñen como promedio menos calidade que os maiores, e faise necesario un maior nivel de detalle para segui-lo desenvolvemento. E en segundo lugar, as estrelas azuis teñen máis variación entre os encontros, simplemente porque as actuacións dos xuvenís varían máis entre encontros. Cando un xogador xuvenil xoga ben nun partido, sabes que pode chegar a ese nivel de rendemento se adestra ben. Pero non podes contar con ese mesmo nivel de rendemento no vindeiro encontro. Aínda así, a mecánica das estrelas e a mesma que a que houbo sempre.

Xa para rematar gustaríanos aproveitar esta oportunidade para agradecer a tódolos membros do staff polo seu fantástico traballo antes e despois do lanzamento. Como entenderedes houbo unha enorme cantidade de traballo que facer, así que moitas grazas ós LAs, GMs e Mods polas súas traducións, notificación de bugs e axuda ó xogo.
 
Server 070