Novas
7-13-2007
Editorial: A Economía de Hattrick – Revisión e Accións
Nos últimos meses pasamos moito tempo analizando o mundo de Hattrick e o seu desenvolvemento, especialmente en termos de economía e desenvolvemento dos xogadores. Para moitos é evidente que algo non vai ben – especialmente se se mira ó mercado de traspasos, cada vez máis colapsado – e houbo moitas teorías sobre a causa dos problemas, e das potenciais solucións para eles.
Escoitamos atentamente os debates nas conferencias, e comprobamo-las teorías cos datos e estatísticas de que dispoñemos. Tamén recibimo-la axuda de dous estudos independentes, un deles feito por dous economistas nacionais na Universidade de Estocolmo, aplicando unha perspectiva estritamente científica para o desenvolvemento da economía de Hattrick, e outro por un usuario experimentado de Hattrick que analizou os mesmos datos, pero dende o punto de vista da experiencia no xogo.
A conclusión dos dous estudos é moi similar na descrición dos problemas que ten Hattrick por diante.
En resumo, o equilibrio a longo prazo entre os costes e os ingresos dos equipos rompeuse, causando que cada vez desaparezan máis cartos de Hattrick. Un factor importante aquí son os salarios, relacionados cun grupo de xogadores que cada vez son máis grandes, máis adestrados, e polo tanto, máis caros de manter.
No curto prazo, necesitamos inverti-la tendencia no xogo que fai que a economía global diminúa, causando o colapso do mercado de traspasos e mandando a moitos equipos á ruína.
Tamén o máis axiña posible, necesitamos comezar cun troco a longo prazo para dar a Hattrick unha economía e un mercado de xogadores máis estables. Este troco reducirá ou eliminará por completo as nosas intervencións directas na economía do xogo. Algúns destes trocos xa están en funcionamento, ou influiron nas decisións no xogo do pasado ano.
Entre os nosos obxectivos están controla-la creación e retirada de xogadores, reducindo o nivel adestramento global (sen face-lo xogo menos divertido e interesante), mellorando o motor do xogo para os xogadores con múltiples habilidades, voltando á idea de que os mellores xogadores teñen que ser os máis caros no mercado, asegurándonos de que Hattrick segue a ser un xogo que manteña a interese para o xogador ocasional e tamén para o “intensivo”.
O que vemos hoxe e pensamos que pode ser arranxado movéndonos nesta dirección é, por exemplo, o mercado de traspasos que actualmente está roto, a baixa motivación para os plans de adestramento a longo prazo, e a existencia de equipos granxa e kamikazes.
Hai moito por facer, pero pode ser feito e pensamos que moitas cousas medrarán de xeito natural se atallamo-las causas de raíz, todas elas conectadas coa entrada e saída dos recursos principais en Hattrick: cartos e xogadores.
A cotío falouse, tamén por parte do equipo de HT, que Hattrick ten unha economía que pode e debería regularse por si mesma. Se os salarios son demasiado altos, os usuarios poderán adaptarse. Isto é verdade ata certo punto, e é dabondo para que os equipos poidan decidi-lo seu propio futuro. Pero non é dabondo para invertir unha tendencia global da economía que non funciona, posiblemente porque despois de todo Hattrick é máis que un simulador económico, é por enriba de todo un xogo, e é a nosa tarefa actualiza-los parámetros do xogo para asegurar que funciona ben como xogo e como reto.
1.- Medidas a curto prazo: Aporte de cartos
De xeito sinxelo, a actual recesión en Hattrick débese ó feito de que os custos estiveron a crecer paseniño durante moitas tempadas, mentres os ingresos mantivéronse fixos. O aumento nos gastos débese sobre todo ó incremento nos salarios, xa que cada vez máis xogadores entran no sistema e son adestrados cada vez máis.
Un equipo promedio perde cartos e non pode compensa-las súas perdas co adestramento e os traspasos como no pasado. Como os equipos como media perden cartos, os cartos saen da economía global de Hattrick. De feito, temos visto tendencias parecidas durante moitos anos pero a economía global era alimentada polo aumento de usuarios que metían cartos frescos no xogo. Como a tasa de crecemento baixou, agora hai menos cartos e tamén unha menor demanda de xogadores de baixo nivel. Iso é totalmente correcto, pero implica que teñamos que axusta-lo aporte de cartos en Hattrick doutros xeitos para mante-la saúde do xogo.
Para mellora-la entrada de cartos a curto prazo, os ingresos por patrocinadores de tódolos equipos aumentarán en 10.000 € á semana. Xa anunciamos antes que a tasa de interese nos cartos aforrados sería eliminada, pero á luz da nosa análise parece unha medida negativa, así que manteremos unha pequena interese nos aforros á metade da tasa actual. Tamén baixaremo-las intereses nos cartos prestados nun tercio.
Ademais disto, o prezo de construir novas localidades nos estadios baixará un 25 por cen. Isto permitirá ós novos equipos aumenta-los seus ingresos máis axiña, a medida que acadan máis seareiros. Para compensar ós equipos que hai pouco aumentaron os seus estadios baixo as vellas regras, farase un ingreso de 25.000 € a tódolos equipos que ampliaron o seu estadio no pasado ano real.
Tódolos xogadores de Hattrick aceptaron unha redución dos seus salarios de 250 € á semana, en un novo acordo coa Unión de Xogadores, arranxáronse os pagos de salarios anuais para que a derradeira semana de cada tempada sexa libre de pagos para os Clubs. Ademais diso, os prezos das entradas aumentaron sobre un 20 por cen.
Tentamos que este paquete de estimulación sexa razoable e que afecte por igual a tódolos equipos dun modo xusto. Dámonos conta de que só meter cartos no sistema non arranxará os problemas a longo prazo de Hattrick, pero AXUDARÁ a estimula-la economía mentres as outras medidas fan efecto. E isto é necesario.
2.- Medidas a medio prazo: Mercado de traspasos
O mercado de traspasos é a faciana máis visible dos problemas económicos de Hattrick, simplemente porque é o único xeito de que dispoñen os equipos de Hattrick para interactuar económicamente entre eles. Neste apartado, os traspasos teñen un papel moi importante, xa que permiten ós equipos especializa-lo seu adestramento, contrui-los equipos imaxinativamente e demais.
Pensamos que hai varias razóns para os baixos prezos no mercado hoxe: o exceso de xogadores de alto nivel, a falta de cartos no sistema, os poucos novos equipos que teñen demanda de xogadores e a baixa motivación para retirar xogadores vellos, así como o feito de que os altos grandes salarios dos xogadores adestrados nunha soa habilidade estragan o modelo de valor do mercado, facendo que os mellores xogadores sexan moi baratos de mercar, pero imposiblemente caros de manter.
Estas valoracións raras fan máis difícil planea-lo adestramento, que é o ingrediente clave de Hattrick. Outros efectos negativos inclúen a posibilidade de estratexias a curto prazo que non son divertidas, nin realistas e ás veces son destrutivas: “divine tricks”, equipos kamikazes e demais.
Pero tamén sabemos que mentres ese xogadores ultra-caros son moi visibles e irritantes no mercado hoxe, moi poucos xogadores están a ser adestrados ata eses niveis agora – a maioría de usuarios danse conta dos salarios extremos e paran de adestrar a tempo. As excepcións son os adestrados para as seleccións nacionais, e cos trocos no motor do xogo o obxectivo das seleccións nacionais debería variar no futuro.
O que é preocupante é que hai un efecto parecido de cese de adestramento está a ocorrer tamén en niveis nos que os salarios non son tan extremos – os niveis de habilidade para os que o adestramento faise non rentable están a baixar pouco a pouco, o que significa que se non tomamos medidas, poderíamos afrontar unha situación nunhas poucas tempadas na que NINGÚN adestramento fose rentable. Esta tendencia é moito máis importante e está conectada coa economía global, o adestramento e a creación de xogadores.
Recoñecemos que é importante reducir estes efectos no valor dos xogadores, pero non queremos facelo de golpe, é algo que agardamos que vaia medrando gradualmente. O importante agora mesmo é romper esta espiral negativa.
O método fundamental para restaura-lo prezo dos mellores xogadores será a través do motor do xogo, facendo que as habilidades secundarias sexan máis importantes que hoxe.
(Presentaremos os trocos, e faremos posible que os managers proben o motor do sistema corrixido nos encontros amigables antes de que sexa implementado en Liga e Copa).
Tamén introduciremos un novo factor de nivel na fórmula de baixada de habilidades, facendo que sexa máis difícil mante-los niveis de habilidade extremos – isto será especialmente apreciable en niveis por riba de divino. Tamén estamos a considerar outros trocos para disuadi-los seleccionadores nacionais de escoller xogadores cunha soa habilidade extremadamente alta, facendo que os obxectivos das seleccións nacionais sexan os xogadores con múltiples habilidades. O efecto que tratamos de acadar é que os xogadores con altas habilidades, non importa como sexan istas, sexan os máis procurados no mercado. Pero os mellores xogadores, os que terán os maiores prezos de mercado, e os que serán candidatos para xogar nas seleccións nacionais, serán os que teñan múltiples habilidades.
Esta tempada tamén introduciremos algúns conceptos que agardamos que movan a Hattrick na dirección axeitada a longo prazo; un novo sistema para a resistencia e tamén trocos no xeito en que os xogadores evolucionan no tempo. Estes trocos serán presentados na nosa nova editorial, que ten prevista a súa publicación o luns. Alí indicaremos algunhas ideas para as vindeiras tempadas.