Novas
7-16-2007
Editorial: Novas na Resistencia e Evolución dos Xogadores
Esta é a continuación da editorial de hai uns días, e presenta unha mirada nos trocos da vindeira tempada e tamén nos retos a longo prazo (e as oportunidades!) que vemos para o desenvolvemento de Hattrick.
En Hattrick, hai dous recursos que definen se os equipos acadarán éxitos: os xogadores e os cartos. Os dous están moi conectados co resto de cousas no xogo e poderíase dicir que o problema real na economía de Hattrick hoxe non é a falta de ingresos, senón o feito de que hai demasiados xogadores adestrados de máis e con altos salarios dentro do xogo.
Hai poucos gastos ligados á fichaxe e o adestramento de xogadores en Hattrick, así que é algo que facemos moito. Ademais, cando un usuario deixa Hattrick moitos dos xogadores que adestrou durante eses anos quedan no sistema, aumentando pouco a pouco os niveles medios de habilidade máis axiña do que se “consumen”.
O adestramento non é malo en si mesmo, xa que é unha parte importante do xogo e algo que non queremos destruir. Pero a longo prazo, necestiamos reduci-la oferta de xogadores de calidade, aumenta-la súa demanda, ou incluso aumenta-lo tempo de adestramento necesario para producir un grande xogador. Tamén poderiamos considerar novos xeitos de eliminar xogadores do sistema con mecánicas do xogo, para reduci-la oferta de xogadores. Controla-lo suministro de xogadores será unha parte máis do noso deseño do xogo de agora en adiante.
Como xa indicaramos nun editorial hai algúns meses, estamos a facer trocos no sistema de resistencia de Hattrick. A resistencia terá un papel máis importante no xogo, tanto no campo como na evolución do xogador no tempo. En relación con isto hai varios trocos na fórmula de salarios e na de baixada de habilidades.
• A resistencia será importante para tódalas posicións dos xogadores (Isto será implementado a vindeira tempada).
• A resistencia será adestrada tódalas semanas, como unha porcentaxe do adestramento total do equipo. A eficiencia do adestramento de resistencia baixará nos niveis de intensidade máis altos – é mellor adestrar un pouco tódalas semanas que unha morea de vez en cando. Os donos dos equipos terán que atopar a cota de adestramento de resistencia axeitada para o seu equipo e ambicións concretos. (O novo adestramento de resistencia será implementado a vindeira tempada, para reduci-lo impacto negativo nos equipos tódolos xogadores serán enviados a un campamento especial antes da vindeira tempada para poñerse a tono físico).
• A idade será un factor moito menos importante nas baixadas de habilidade, pero como ata o de agora as baixadas de habilidade non comezarán ata que estean preto dos trinta anos. Os xogadores vellos poderán manter un nivel razonable de habilidade durante moitos anos, pero terán problemas para mante-lo seu nivel de resistencia. As baixadas de habilidades serán máis previsibles, menos aleatorias do que son hoxe. (Isto será implementado a vindeira tempada).
• O nivel de habilidade será outro factor nas baixadas de habilidade, facendo máis difícil manter niveles moi altos de habilidades sen adestramento extra – especialmente en niveis por riba de divino (Isto será implementado a vindeira tempada).
• O “desconto por idade” para xogadores vellos será reducido, pero paseniño. Os xogadores vellos terán maiores salarios que hoxe en comparación cos máis novos. (Isto será implementado a vindeira tempada).
• Ter un nivel razonable de resistencia será necesario para que un xogador sexa capaz de adestrar outros tipos de adestramento. Os xogadores con baixa resistencia non recibirán demasiados beneficios do adestramento de habilidades tradicional. (Implementado a vindeira tempada).
• Reduciremos ou eliminaremo-la posibilidade dos adestradores de resistencia e balón parado de adestrar un plantel completo de xogadores, incluso os que non pisan o céspede. Na liña coa actualización da importancia das secundarias e da resistencia, o balón parado converterase nunha habilidade máis valiosa (Implementado a vindeira tempada).
• Os tempos de recuperación das lesións diminuirán un pouco con respecto ós niveis de hoxe, e dependerán menos da idade. Pero as lesións serán afectadas pola resistencia no campo. Un xogador esgotado terá máis risco de mancarse. (Implementado a vindeira tempada).
• As baixadas de resistencia agora serán calculadas ó mesmo tempo que o adestramento, non como ata hoxe que o facían na actualización dos Luns. O efecto do adestramento será o resultado do adestrado e o perdido. (Implementado inmediatamente).
Por que facemos estes trocos?
Por varias razóns, claro! O sistema actual de resistencia falla en realismo e como experiencia de xogo, e coas sustitucións a piques de entrar no xogo queriamos que a resistencia contase para tódalas posicións, para que os trocos non se convertisen nunha cuestión só de centrocampistas. A resistencia tamén nos ofrecía un xeito de diminuir lixeiramente o adestramento de habilidades, e ó mesmo tempo nos aportaba un modo máis realista e estratéxicamente interesante de planifica-lo desenvolvemento e a configuración do voso equipo. Arestora, os xogadores vellos son moi baratos de empregar e moitos equipos teñen xogadores moi vellos. Necesitamos incentivos para que os xogadores se retiren, ou alomenos que os xogadores vellos deixen de ser titulares. Pode que continúen a ser útiles un par de tempadas como suplentes (cousa que farán moito mellor que hoxe, xa que as súas habilidades principais serán máis altas pero a súa resistencia máis baixa non lles permitirá xogar moito tempo seguido).
Estes son os trocos para a vindeira tempada, dos que moitos deles comezarán a funcionar de aquí a unha tempada. O troco máis importante ademais da resistencia e a evolución dos xogadores serán os trocos no motor dos encontros, para promove-los xogadores con múltiples habilidades. Presentaremos este troco con detalle durante a tempada que entra.
Na nosa lista de revisión tamén están as fórmulas dos seareiros, ou sexa, o xeito en que os seareiros en Hattrick reaccionan ante os éxitos e fracasos dos vosos equipos. Aquí hai espazo dabonbo para mellorar, os seareiros deberían ter máis memoria e tamén debería ser posible para ti como manager poder interactuar máis directamente cos teus afeccionados. En relación cos seareiros, tamén lle botaremos unha ollada ós efectos no xogo dos ascensos e descensos.
Facemos mención a isto porque tentaremos abrirnos máis sobre o que estamos a traballar, non só adiantar o que podería acontecer no xogo nas vindeiras tempadas, tamén escoita-las vosas ideas e opinións sobre todos eses temas.
Finalmente, somos conscientes de que estas son moitas novas dunha soa vez, pero pensamos que os trocos a longo prazo son razoables e non farán de Hattrick un xogo máis complexo. Queremos que Hattrick sea doado de usar, pero ó mesmo tempo mantelo como un xogo no que se profundice na interacción e a estratexia.
Grazas pola vosa atención!