Novas
12-17-2007
Editorial: Vindeira Tempada: Novas fórmulas para os seareiros
Este editorial será un avance das nosas novas funcións para a vindeira tempada. Tamén vos adiantaremos unha pequena posta ó día da economía de Hattrick.
Vindeira tempada: Expectativas dos seareiros
Os seareiros son arestora unha parte importante do xogo, xa que controlan os ingresos por entradas dos vosos equipos. Aínda así, non estamos demasiado satisfeitos do funcionamento das fórmulas dos seareiros, e iso é algo que trocaremos ó comezo da vindeira tempada.
O principal problema cos seareiros é que non teñen memoria - só reaccionan en base ó derradeiro encontro. Isto pode producir efectos raros e drásticos. Por exemplo, se vés de ascender os teus seareiros agardarán que gañes tan a cotío como na división inferior, aínda que a oposición sexa máis dura. E se es capaz de gañar uns cantos encontros na nova división, os seareiros axiña subirán o seu ánimo e comezarán a agardar grandes resultados cada semana. Cando chega unha grande derrota, os seareiros reaccionan esaxeradamente, non lembrando o teu heroico comezo de tempada. Estas reaccións dos seareiros poden ter consecuencias moi importantes na economía do equipo.
No canto diso, queremos que os seareiros lembren o contexto de cada encontro mellor e dun xeito máis razoable. Ó darlle memoria os seareiros tamén estaremos a crear un incentivo natural para que os equipos melloren constantemente. Os seareiros premiarán ós equipos que ascendan ou que o fagan ben na Copa.
O principal novo concepto no novo sistema serán as expectativas dos seareiros. Ó comezo da tempada, os seareiros diranche o que agardan do equipo. Será algo do estilo de "Agardamos pasalo mal para quedar nesta división", ou "Agardamos un ascenso doado".
As expectativas para a nova tempada dependerán principalmente do que pasou a tempada anterior, do que agardaban os seareiros e cal foi o resultado.
Un equipo que veña de ascender terá un comezo tranquilo na nova división, xa que os fans aínda non terán subido as súas expectativas incluindo vitorias na nova división. Xa estea o equipo subindo ou baixando no sistema de ligas, os seareiros irán pouco a pouco afacéndose a cada nova situación. Pero se quedas na mesma división ano tras ano, os seareiros terán unha tendencia a agardar un pouco máis cada vez. Será máis complicado compracelos se gañas a liga tódalas tempadas pero nunca ascendes.
As expectativas da tempada influirán nas expectativas para cada encontro. Xogarás contra un dos teus principais rivais polo título de liga? Ou será o vindeiro encontro unha derrota segura contra os líderes da liga?
Na nova páxina de seareiros, poderás ver o que os teus seareiros agardan para cada encontro. A posición na liga e as expectativas da tempada dos dous equipos serán tidas en conta. Os seareiros poden agardar que gañes, perdas, ou xogues un encontro igualado - incluso poden agardar unha vitoria ou derrota por unha certa marxe.
Cumprir as expectativas dos seareiros será importante, xa que manterá alto o estado de ánimo dos afeccionados e a venda de entradas. Ó comezo da tempada, os seareiros basean as súas expectativas para cada encontro no que agardan para o conxunto da tempada. Co paso da tempada, a posición actual na liga será máis importante para a reacción dos afeccionados. Ou sexa, se estás a facer unha mala tempada, os seareiros iranse afacendo e moderarán as súas expectativas sobre o equipo. Neste punto importarán tanto a posición na liga como os puntos acadados. Os seareiros non farán moitas distincións entre a 2ª e a 5ª praza na liga, se tódolos equipos teñen a mesma cantidade de puntos.
Agora non só os resultados no campo decidirán o que os afeccionados pensen de ti. A quen lle gosta un equipo que non da todo o que ten? Ó contable pode que non lle importe, pero a un verdadeiro seareiro si.
Ós teus afeccionados halles importar a actitude do equipo. Se dis ós teus xogadores que "Xoguen relaxado" ou o "Encontro da Tempada", influirá na reacción dos seareiros co resultado do encontro. Ordear "Xogar relaxado" incrementará os efectos negativos de perder, e reducirá os efectos positivos de gañar. Usar "Encontro da Tempada" fará que os seareiros aprecien máis as vitorias, e reaccionen de xeito menos negativo coas derrotas. Nos dous casos, o efecto está moi limitado se o resultado do encontro estaba preto do que agardaban os seareiros. Se o resultado é moi distinto do agardado, o efecto será enfatizado ou eliminado respectivamente. Se ti "Xogas relaxado" nun encontro no que os seareiros agardan que gañes, e rematas perdendo, os afeccionados perderán a fe en ti. Noutras verbas, o seu ánimo caerá.
Os seareiros tamén serán influenciados polas reservas de cartos do teu equipo, básicamente demandando un equilibrio entre o éxito actual e o éxito no futuro.
Os afeccionados dun equipo rico serán algo máis esixentes. Reaccionarán con máis forza ante unha derrota e con menos ante unha vitoria que os afeccionados dun club pobre. Canto máis cartos teña o teu equipo, estes sentimentos serán máis significativos.
O mecanismo é importante por dúas razóns. Primeiro, danos unha ferramenta para regular con suavidade a máxima cantidade de cartos no xogo - como o tipo de interese inflúe na mínima cantidade de cartos no xogo. Segundo, fai que algunhas tácticas extremas sexan menos boas, como manter o equipo nunha división baixa só para aforrar cartos, mercar de súpeto un grande equipo e gañar a Copa chegando dende ningures.
Non tentamos "matar" ós equipos que acumulan unha morea de cartos, nin moito menos. Só lles daremos a opción de usar esos cartos para acadar éxitos, ou vivir cun estado de ánimo dos seareiros algo máis baixo ata que se decidan a empregar eses cartos. Tamén, este efecto será moi gradual e non se notará para a maioría dos equipos no xogo.
Tamén trocaremos a fórmula do público. Con choiva e tempo nubrado, venderanse moitas máis entradas baixo teito, no canto das descubertas. Seguirán a venderse menos entradas, pero o prezo medio por entrada será superior e rebaixará os efectos negativos do tempo chuvioso e nubrado que temos hoxe. Isto podería levar incluido un troco nos prezos para algunhas categorías de entradas.
Finalmente, o cálculo da asistencia local e visitante será separada. Cada conxunto terá o seu propio comportamento. A asistencia de seareiros de cada equipo será importante, xa que crearemos unha nova ligazón entre a vantaxe de ser local e a cantidade real de seareiros de cada equipo no estadio.
Faremos posible que os seareiros do equipo local decidan cantas entradas queren deixar dispoñibles para o equipo visitante. Isto básicamente permitirá ós managers escoller se maximizar os ingresos ou maximizar a vantaxe de xogar como local. En certos encontros, como nas promocións, será obrigado dar ós afeccionados visitantes unha grande cantidade de entradas.
Enviar entradas ó teu opoñente pode aumentar as túas vendas de entradsa, pero pode afectar á túa vantaxe como equipo local. Se non envías ningunha entrada, probablemente rematarás cuns ingresos menores por entradas dos que tes hoxe. A opción por defecto será atender calquera necesidade do equipo visitante (normalmente, moito menor ca dos afeccionados locais) e vender o resto ós seareiros locais.
As función das expectativas dos afeccionados será activada no comezo da vindeira tempada, que comeza en Marzo. Se ben agardamos que sexa bastante avanzada en termos de lóxica e fórmulas "tralas cámaras", terá un uso sinxelo para os managers. Os seareiros diranche o que queren, e será cousa túa trocar o teu comportamento para satisfacelos ou non. Se segues a manexar o teu equipo como sempre o fixeches, os seareiros manterán un comportamento racional.
Actualización da Economía
Houbo moito debate sobre a economía en Hattrick este ano, e en poucas semanas sacaremos un editorial que resume o que sucedeu ata o de agora e o que faremos no futuro.
A historia en breve é que ó comezo deste ano Hattrick estaba nun estado de estancamento económico crónico. Rompimos o ciclo económico negativo baixando os custos e aumentando os ingresos por entradas. Estas medidas drásticas tiveron os resultados agardados, os prezos de traspaso pararon de baixar e comezaron a subir de novo - e bastante axiña a dicir verdade.
Agora hai unha tempada diso, e é hora de calmar a feira. Isto será feito en pasos. En Aninovo, publicaremos un editorial completo sobre a economía de Hattrick e como a temos en conta cando tentamos desenvolver o xogo.
Tamén queremos deixar claro que a nosa meta a longo prazo é que a economía de Hattrick sexa capaz de funcionar ben, e como poderiades agardar, sen intervencións directas dos programadores. Esta é a perspectiva que temos en conta en todo o traballo de desenvolvemento que facemos, pero chegar a iso levará o seu tempo.