Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

2-21-2008 Editorial: Obxectivo: Puntonetificación!!!

O proxecto máis importante para nós este ano é reescribir todas as páxinas web. Hattrick ten chegado a un punto onde o seu vello código é ineficaz e cada nova cousiña que lle engadimos faino máis difícil de entender e de traballar con el. Ao reescribilo, empregaremos unha mellor plataforma web que ao final mellorará a realización do traballo e fará máis rapido e sinxelo o desenvolvemento de novas funcións.

A parte negativa deste proxecto é que mentres non se remate o traballo seguramente teremos que soportar máis bugs do normal. Isto xa se viu nestes últimos tempos, xa que temos comezado co proceso o ano pasado. De todos os xeitos, algúns destes bugs non son tales en realidade e quizabes se coñecemos as razóns dalgúns deses problemas e o ben que este proxecto lle fará a Hattrick, poida que aumentase un chisco a nosa paciencia. Eu non son unha persoa técnica e quero compartir a miña experiencia persoal con vós, sabendo o que me pasou a min.
Os meus colegas de oficina son moi agradábeis e simpáticos, pero de cando en vez síntome coma un completo intruso. Isto é porque son uns frikis informáticos (ao meu arredor, todo o que traballe como programador é un friki), e eu non son (tan) friki. Eles falan na súa friki-linguaxe, unha linguaxe de programadores que non entendo. A pesar diso, hai veces que non podo evitar aprender algo novo. Ultimamente teñen conseguido engadir unha nova palabra ao meu vocabulario: a “Puntonetificación”. Dubido que sexa unha palabra que poidades atopar nun dicionario (para ser honestos, estou seguro de que non estará), pero os meus benqueridos colegas informáticos emprégana todo o tempo dun xeito que poderiades pensar que están a falar do mesías.

Mirando nun dos seus libracos, vin que en realidade queren dicir .NET (e a “Puntonetificación” sería o proceso de cambiar a .NET). Eles cren que é fantástico, pero eu case que soamente vexo problemas relacionados con iso. Sei que non son o único usuario de Hattrick que se sinte enfastiado e frustrado por estes problemas ultimamente. Pero os meus colegas non son idiotas e entendo que deben levar algo de razón, que o .NET debe ser algo bo, inda que nunca entendín porque era tan bo e porque o precisabamos. Cando me dixeron que ao final todo estaría feito en .NET, comprendín que non tiña máis remedio que aprender que raios era iso do .NET.

ASP e .NET
Cando se fixo a última versión de Hattrick, a finais do 2000, todas as páxinas estaban feitas en ASP. Nun idioma que todos poidamos entender, ASP (Active Server Pages) é unha plataforma sobre a cal se constrúen as novas páxinas web. .NET é o que eles chaman un “framework”, que segundo o meu dicionario sería “unha estrutura en forma de esqueleto deseñada para soportar ou pechar algo”. O ASP.NET é un tipo de "framework" máis novo e mellor que o ASP. En ASP todas as páxinas son como unidades autónomas, mentres que no .NET todas as páxinas están conectadas entre elas e traballan xuntas.

Razóns para o proceso de cambio a .NET
Os meus colegas dixéronme que temos chegado a un punto onde as páxinas precisan ser reescritas. Hai partes do código que foron escritas hai varios anos e que agora se podería facer dun xeito máis eficiente. Ademais, co paso do tempo, ao crear novas funcións, engadíronselle novas partes de código e cada nova parte que se metía facíaas máis difíciles de entender e de traballar con elas. Reescribir agora todas as páxinas en ASP.NET mellorará o nosa experiencia. E aínda máis importante, contaremos con unha plataforma estandarizada coa que será máis sinxelo desenvolver novas funcións e que nos permitirá que esas funcións teñan un mellor aspecto – e ademais todo isto con menos traballo do que ata agora.

Tamén din que é moito máis interesante traballar en .NET: “Traballar en ASP é como ter unha discusión diaria e sen fin sobre o “daytrading”, mentres que traballar en .NET é como discutir novas ideas para o motor do xogo”. A verdade é que non podo discutir con eles disto…

.NET para o Hattrick
A finais do ano 2006 foi escrita a nosa primera páxina en .NET. Dende aquela todas as novas páxinas foron escritas en .NET e tamén cambiamos algunhas páxinas antigas. A Academia de Xuvenís, a lista de encontros e favoritos son exemplos de páxinas en .NET. Podes ver de xeito moi doado que páxinas están escritas en .NET e cales están escritas en ASP, xa que tódalas páxinas con extensión ".asp" están en ASP, e as que teñan extensión ".aspx" están en .NET.

Ao .NET semella gustarlle a páxina de inicioNon existe nada semellante á palabra amor na xerga informática, non obstante, o .NET semella estar namorado da páxina de inicio. Non podo lembrar a de veces que quixen ver o listado de encontros ou a Academia de Xuvenís e fun enviado no seu lugar á páxina de inicio.
Cando entrades no Hattrick facédelo en ASP. Asemade tamén facemos un login "falso" en .NET, e por culpa dese login en ocasións o .NET perde a conexión. Normalmente (se perdestes a conexión de ASP) obteríades un erro de "time-out" (tempo límite excedido) e necesitaríades entrar de novo, pero agora sodes reenviados á páxina de inicio coma se non tiverades perdido a conexión ASP.

Antes de que coñecera a explicación, isto era aínda peor que obter un "time-out" normal, pero agora xa non me amola demasiado. Dito isto, como é lóxico tentaremos dar o mellor para minimizar estes problemas. Pero desafortunadamente os erros non serán arranxados ata que a web completa sexa convertida a .NET (isto levará probabelmente todo o ano, pero a maior intensidade será durante a primavera).

É problemático o .NET?
Tería sido doado botarlle a culpa ao .NET de todo tipo de problemas, pero inclusive unha persoa que non controle de temas informáticos coma min comprendería que iso non é verdade e ademais non solucionaría nada. Nun continuo proceso de cambio e desenvolvemento do Hattrick é inevitábel que se produzan algúns problemas debido ao mal funcionamento do hardware ou do software, ou unha combinación de ámbolos dous. Agora creo que a maioría dos usuarios de Hattrick aceptan estes problemas, pero co tema da páxina de inicio que se falou antes e outros problemas semellantes os usuarios poden chegar a sentirse un pouco anoxados. Pero se sodes coma min, cunha pouca de sorte chegaredes a estar algo menos anoxados agora que sabedes a razón.

Rachou algo...
...é unha mensaxe que non nos presta nada e faremos todo o posíbel para que esas mensaxes diminúan. Agora fixemos algúns cambios estruturais no sistema os cales farannos estar preparados para cargas de traballo máis altas na web e manter a calidade do servizo nun bo nivel de rendemento. Ademais os cambios na estrutura do sistema van dirixidos cara a un servidor a maiores para usar nas probas do proceso de cambio a .NET (un amigo incluso dixo que xa estaba previsto!). Unha vez que unha páxina sexa cambiada a .NET primeiro pasará polos nosos traballadores voluntarios para probala durante algún tempo antes de facer o cambio definitivo para o resto da xente.

As probas non son infalíbeis
Desexaría poder dicir que as probas que se fixeron son a proba de balas, pero non é así. Hai veces nas que un bug escápase e non é detectado nas probas. A razón disto é a miúdo o uso de diferentes navegadores (e extensións dos mesmos) e os problemas que por algunha razón unicamente aparecen en ocasións ou momentos específicos ou unha combinación de moitos elementos diferentes e concretos.

Promesas dun xardín de rosas
Tentarei non facer ningunha promesa en vano que saiba que non serei capaz de cumprir, e se cadra os meus compañeiros están dacordo. O tema está en que o proceso de cambio a .NET probabelmente provocará a aparición duns poucos bugs máis. Tentaremos dar o mellor para evitalos e no caso de que aparezan solucionalos o máis rápido posíbel. Pero tamén temos a esperanza de que seredes capaces de levalos do mellor xeito agora que coñecedes o que está a ocorrer e cal é o obxectivo final: un Hattrick mellor e máis rápido.
 
Server 070