Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

4-22-2008 Editorial: Cambios á metade da tempada: seareiros, economía e outros

Neste editorial de metade de tempada queremos informarvos acerca duns pequenos axustes que temos feito para mellorar o novo sistema do comportamento dos seareiros. A AFH tamén está preparando tres cambios económicos para a próxima tempada para arrefriar a economía. Tamén vos damos un pequeno informe sobre os próximos cambios en balón parado e o bloqueo de adestramento.

Primeiro achegámosvos un pequeno resumo para que comprendades máis rapidamente os cambios e, para os que queirades saber os detalles e razóns que nos levan a facelos, a continuación, tendes un artigo máis extenso, xunto cun informe máis detallado sobre a economía do xogo.
Axustes no comportamento dos seareiros
O novo sistema dos afeccionados deunos unha nova dimensión ao xogo. Conséguense os mesmos cartos que antes, incluso se as asistencias ao campo descenderon un chisco. Inda así pensamos que se precisaban uns pequenos axustes para facer que o seu comportamento fora mellor aínda. Como consecuencia engadida, estes trocos daranvos uns ingresos lixeiramente máis altos.

- Ampliamos a escala de expectativas dos encontros. Dividimos "Talvez gañemos" e "Talvez perdamos" en dúas denominacións cada unha.

- Os seareiros reaccionarán dun xeito un pouquiño máis forte nas pequenas vitorias/derrotas e un pouquiño máis suave ante as grandes vitorias/derrotas que antes.

- Seralles máis difícil acadar e permanecer nos niveis de ánimo extremos, altos ou baixos (estes último en especial).

- Os teus seareiros non perderán o seu estado de ánimo co final da tempada. Moveranse cara o punto medio, pero só a metade do camiño.

Le máis acerca destes axustes aquí.

Cambios económicos para a vindeira tempada
Os prezos dos traspasos dos xogadores subiron rapidamente e agora están nun nivel que non é bo a longo prazo. Por iso a Asociación do Fútbol de Hattrick e o Banco Central de Hattrick cren necesario arrefriar a economía un pouco e anunciaron tres cambios económicos para a próxima tempada (que comeza o 16 de xuño):

- Tódolos equipos recibirán un 3% menos de ingresos por parte dos patrocinadores.

- A resistencia xa non será un factor no salario dos xogadores.

- O salario dos especialistas subirá e custaranvos 1 800 € á semana.

Dependendo de como sexa o comportamento do mercado no que resta de tempada a AFH e o BCH poderían facer algún pequeno cambio máis (nunca un grande).

Podes ler máis sobre os motivos deste cambio aquí.

Pospóñense as novas aplicacións do balón parado
As novas aplicacións de balón parado por desgracia terán que ver a luz máis tarde do esperado. Planeamos introducir os saques de falta indirectos nos amigábeis durante esta tempada, mentres que a táctica de disparos de lonxe será utilizábel nos amigábeis nalgún momento durante a próxima tempada. Ámbalas dúas características estarán dispoñibles para os partidos oficiais para a tempada despois da seguinte (Outubro 2008). Isto asegúranos que todo o mundo poida probar estas tácticas antes de utilizalas nos partidos oficiais.

Bloqueo de adestramento
Arredor do final da presente tempada teredes á vosa disposición excluír a xogadores do adestramento de habilidades, incluso se xogaron un partido. Inda así, recibirán o adestramento de condición e a actualización de forma. Isto permitirá utilizar xogadores cunha habilidade moi alta sen incrementarlles as súas habilidades e por tanto os salarios.

Axustes no comportamento dos seareiros
O novo sistema de expectativas dos seareiros está funcionando bastante ben en xeral. Os ingresos medios por equipo non mudaron moito comparado co vello sistema: aínda se conseguen os mesmos cartos debido ao aumento de prezos das entradas, inda que vaia menos xente ao campo. Pero hai pequenos problema que queremos arranxar para facer o sistema aínda mellor e que fará que teñades uns ingresos lixeiramente máis altos.

Novas denominacións para as expectativas dos encontros
Para que poidades comprender mellor o que os vosos afeccionados esperan que consigades temos expandido a escala de denominacións xusto por riba e por debaixo do punto medio. Dividimos "Talvez gañemos" e "Talvez perdamos", que eran demasiado amplas e as diferenzas neses niveis eran difíciles de ver. Aclaramos que este só é un cambio na forma de presentar os niveis.

Reaccións dos seareiros aos resultados dos partidos
As pequenas vitorias/derrotas tiñan un impacto moi leve no estado de ánimo dos seareiros, especialmente os partidos con moitos goles pero cun só gol de diferenza. Por outra banda, unha gran diferenza de goles producía un enorme efecto. Dende agora, esas pequenas vitorias ou derrotas xerarán unha reacción máis importante. Isto será máis palpable nos partidos que rematen en 5-4, 4-3, etcétera. Gañando (ou perdendo) por unha gran marxe, polo contrario, terá un impacto máis reducido, inda que iso non se cambiou tanto.

O campo de reacción dos seareiros viuse reducido: seguirán reaccionando dun xeito forte, pero non tanto como no pasado.

Será máis difícil alcanzar os niveis de estado de ánimo extremos
Será máis difícil alcanzar (e manterse) nun estado de ánimo extremadamente alto ou baixo. Era moi difícil ascender dende o nivel máis baixo e fácil de máis manterse no nivel máis alto. Dende agora, soamente uns malos resultados constantes levarán aos seareiros aos niveis baixos, e para manterse nos máis altos precisarás uns resultados mellores que antes.

Reinicio parcial do estado de ánimo dos seareiros ao final da tempada
Teremos un reinicio parcial do estado de ánimo ao final da tempada: moverase a metade do camiño entre o seu estado nese momento e o punto medio (o valor orixinal de reinicio). Co novo sistema xa non é preciso un reinicio total e poderedes aproveitarvos desta forma do sistema.

Ollada xeral da economía
Coa finalidade de comprender o porqué destas modificacións necesitades ter algúns coñecementos de como funciona a economía do xogo e de como nos afecta a todos, e tamén o estado da economía a día de hoxe.

Estado actual
Xa pasaron dúas tempadas e media dende que comezamos a introducir máis cartos co obxectivo de parar a evolución negativa dos prezos no mercado. Os prezos subiron, e arestora a maioría de vós tedes a sensación de estar nunha situación económica mellor. Non é de estrañar, agora existen 2,5 veces máis de cartos no sistema que antes e esa cantidade medra cada semana. Alguén podería pensar que esa inxección de cartos foi grande de máis, pero por outro lado algúns feitos tamén amosan que foi un mal necesario.

A taxa de abandonos duplicouse durante a deflación
A taxa de abandonos (usuarios que deixaron o xogo) foi o dobre durante os peores días de deflación comparada con datos deste intre, e ademais medraba rapidamente. Tamén houbo un gran número de crebas. Ademais moitos usuarios sentían que era ridículo que os seus xogadores perderan valor nos traspasos a pesar de adestralos durante varias tempadas. Todo isto foi devastador para o xogo e moitos usuarios non tiveron unha boa experiencia co xogo.

Os prezos elevados fan do adestramento unha necesidade
O empurrón á economía cambiou esa situación, pero fixo saír novos problemas. Así como os prezos moi baixos son negativos para o xogo, tamén o son os prezos altos de máis: quítanlle importancia a tódolos outros custos e fan que o xogo sexa unidimensional. Tamén fai que os adestramentos sexan unha necesidade. Se non adestrades aos vosos xogadores (por exemplo se a vosa competición de Liga incita a non facelo) cos prezos altos, ao final non poderedes permitirvos substituír a un xogador vello por un máis novo, o que imposibilita manter o nivel do equipo. E se sentides que tedes un equipo peor provocará ademais que se reduza moito o voso interese en xogar.

Os usuarios actúan de xeito emocional
Alguén podería dicir que isto non é un problema xa que tódolos usuarios teñen a mesma posibilidade de adestrar aos seus xogadores correctamente. Iso é verdade, pero tamén presupón que tódolos usuarios actúan racionalmente. Pero iso non é así, a realidade é que a maioría dos usuarios actúan de xeito emocional. Por exemplo, cando estabamos en tempos de deflación moitos usuarios foron á creba xa que non quixeron vender aos seus mellores xogadores. Non importaba que a solución racional para evitar a bancarrota fora doada, eles non elixiron esa opción.

Resumo e futuro
En definitiva, os prezos extremos (tanto altos coma baixos) son negativos para o xogo. Ata que teñamos un sistema económico no cal podamos ter en conta tódalas reaccións dos usuarios (tanto racionais como emocionais) e que se equilibren por si mesmas, necesitaremos controlar a economía e facer cambios para conseguilo se é necesario. Estes cambios non son do noso agrado (e sabemos que tampouco do voso) pero ás veces non queda outra. Estase a traballar nun sistema económico reformulado, pero levará algún tempo poder rematalo.

O efecto das modificacións
A inflación dos prezos está facéndolle dano ao xogo e isto non pode continuar. Coa actual oferta de xogadores estimamos que podemos reducir a liquidez un pouco e manter un nivel de prezos estábel. Isto pode significar unha lenta deflación (baixada dos prezos), o cal é aceptábel agora mesmo (ata un 10% por tempada). Non sería de estrañar (esperemos que non se produza) que se creara unha inesperada suba dos prezos por un efecto psicolóxico a estas modificacións.

Cambio nos ingresos dos patrocinadores
Tódolos equipos obterán un 3% menos de ingresos dos patrocinadores. No sucesivo isto incrementará ademais a importancia do resultado dos encontros.

A día de hoxe, a resistencia afecta só aos salarios dos medios, o cal é moi ilóxico xa que tódolos xogadores necesitan resistencia nestes momentos. Por esta razón eliminamos a resistencia como un factor para o salario. Os medios cunha resistencia moi baixa manterán o seu salario actual. Os xogadores cunha resistencia mellor baixarán o seu salario e os xogadores coa resistencia máis baixa sufrirán unha suba. Ademais esta modificación está en liña coa pasada declaración de aumentar os salarios dos xogadores máis maiores, pero non agardamos ningún gran cambio nos seus salarios.

O efecto total será un incremento do salario ao redor do 2%, sen importar a categoría. Non obstante, pode esperarse un impacto máis grande nas mellores divisións.

Aumento de soldo dos especialistas
Cada especialista terá un aumento de soldo de 300€, o que significa que cada especialista custará a partir de agora 1 800€.
 
Server 070