Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

5-5-2008 Editorial: Os Cazadores de Mitos de Hattrick

Hai un par de semanas que na Conferencia Global propuxémonos un proxecto inspirados no programa de televisión Cazadores de Mitos. Pedímoslle á comunidade que nos enviasen os meirandes mitos de Hattrick que querían que fosen comprobados, e entre eles escollemos catro. Máis adiante atoparedes o informe completo, pero aquí tendes un pequeno resumo:

- Os Clowns (xogadores con bo carácter e liderado alto) fan que o espírito se manteña máis alto - Desmentido!
- Os fisioterapeutas non fan nada - Desmentido!
- A actitude do equipo inflúe na probabilidade de marcar gol unha vez que xa se ten unha ocasión - Desmentido!
- A confianza ten un maior impacto do que reflicten as regras - Confirmado!
Para mellorar a nosa comunicación con vós faremos de cando en vez algún proxecto semanal na conferencia Global (English). Os temas que tratemos poden variar, dende algúns moi concretos (como definir un mecanismo do xogo en particular) a outros máis amplos (como un proxecto de “Pregúntalle a un HT”). Dedicarémoslle a cada un arredor dunha semana e o propósito principal sempre será que tanto vós coma nós obteñamos tanto coñecemento como comprensión mutua.

O primeiro proxecto que preparamos foi Os cazadores de mitos, inspirado no programa de televisión co mesmo título. Hattrick está cheíño de mitos e pensamos que sería divertido e útil ver se algún deses mitos ten algunha base verídica ou se podemos desmentilos por completo. Desgraciadamente non puidemos empregar, como os cazamitos reais da televisión, ningún tipo de explosivo e non lle puidemos dar uso aos nosos dummies polo que o noso traballo non foi tan divertido. É máis, agora estamos nun período moi intenso de traballo ao reescribir tódolos códigos das páxinas (ler o editorial sobre a puntonetificación para ter máis información) e nin sequera puidemos ter tempo abondo para facer grandes simulacións. Así que tivemonos que conformar con algo máis modesto, os Cazamitos: cousas que puideramos verificar rapidamente no código – o que tamén afectou ao tipo de mitos que podiamos elixir. De tódolos xeitos, invitamos a toda a comunidade para que nos enviase os seus mitos e entre eses escollemos tres. Engadimos tamén un cuarto como bonus. Estes son os resultados da caza de mitos:

Mito: Os Clowns soben o espírito do equipo – Desmentido!
O mito dos mitos amosouse falso, a pesares de que incluso as regras dicían o contrario. Dicíase, segundo o mito, que o xogador do equipo con máis alto liderado influía no espírito do equipo co seu carácter, de xeito que se tiña un carácter afable o xogador melloraba o espírito. Como se cría que soamente por estar no teu equipo para ver os seus efectos, a xente mercábaos – o que moitas veces significaba que a xente tiña xogadores que eran inútiles no campo, e que non eran outra cousa que pallasos, ou clowns, en inglés.

Pois non demos atopado nada no código que lixeiramente puidese confirmar a existencia dos Clowns. O mito será definitivamente erradicado. Os Clowns non existen e a referencia das regras que lles podía aludir foi eliminada. Non sei realmente como puido aparecer nas regras, pero este mito é moi antigo (de cando Hattrick tiña soamente un par de miles de usuarios en Suecia e os programadores desenvolveron o xogo no seu tempo libre). Pode ser que se planeara facelo e por iso se metera nas regras e despois nunca se levou a cabo. Algo deste tipo non podería ocorrer agora mesmo, agora temos uns procedementos de traballo completamente distintos. Na actualidade estamos reescribindo as regras para facelas máis sinxelas de entender e nese proceso, naturalmente estamos comprobando que o seu contido é correcto.

Mito: Os fisioterapeutas non fan nada – Desmentido!
Algunha xente dicía que os fisioterapeutas non reducían o risco de lesións, pero cando quixemos comprobalo atopamos rapidamente que o mito non era máis que iso: un mito. Puidemos ver que tiñan a súa función, e esta era a desexada. Os fisios reducen o risco de lesións, pero non teñen ningún efecto (e non deberían facelo) na lesión unha vez que se produce.

Mito: A actitude do equipo ten un impacto na probabilidade de marcar gol unha vez que xa se ten unha ocasión – Desmentido!
Segundo o mito, a actitude do equipo (xogar relaxado, etc.) non soamente afectaba ao mediocampo (a posibilidade de obter unha ocasión de gol) senón tamén influía na probabilidade de marcar o gol unha vez que se obtivera a ocasión. Para ser iso certo, a actitude do equipo debería ser tida en conta nos cálculos de ataque-defensa, pero non era así, polo que puidemos desmentir tamén este mito.

Mito: A confianza ten un maior impacto do que reflicten as regras – Confirmado!
Engadimos tamén este mito porque había xente que falaba e estudaba isto antes do proxecto dos cazamitos, e pensabamos que sería unha boa idea aclaralo. O mito dicía que a confianza do equipo afectaba ao ataque dalgún xeito máis ao que se reflectía nas cualificacións. Para que fose verdade tería que usarse no calculo do ataque pero (tamén) fóra do cálculo das cualificacións. E abofé que así era! A confianza se emprega no cálculo do ataque, pero o curioso é que se emprega dúas veces – unha nas cualificacións e tamén outra fóra delas. Isto significa que a confianza ten un efecto oculto, e maior do que se pode ver nas cualificacións do partido.

Actualmente estamos pensando en como arranxar este tema da confianza no futuro, e hai varias solucións diferentes que se poden tomar. O que é evidente é que queremos facer que a confianza sexa máis visible do que o é hoxe en día.

Algunhas palabras finais…
Permitídeme deixar isto claro: foi moi divertido desmentir algún mito incluso se non empregamos os explosivos (e polas reaccións da comunidade nas conferencias non fomos os únicos que pensan o mesmo). Algúns dicían que o feito de existir estes mitos facían que todo (incluso un xogo) fora máis divertido, e quizás estean no certo. Pero a realidade é que nunca daremos comprobado tódolos mitos que poden saír, polo que estou seguro de que pode haber algún outro proxecto cazamitos no futuro. Espero que poidamos ser quen de facer incluso algunha simulación de verdade, para mostrarvos realmente que os nosos métodos son os axeitados.

Pero teremos que agardar… e os proxectos semanais non teñen que ser soamente sobre cazamitos, así que a próxima vez faremos algo distinto. Vémonos para entón!
 
Server 070