Novas
6-10-2008
Editorial: Substitucións programadas para os equipos xuvenís
E logo? Nunca quixeches cambiar a un defensa por un dianteiro se ías por debaixo no marcador? Ou mudar o teu equipo completamente ofensivo nun muro defensivo se ías por diante? Pois con esta nova ferramenta de substitucións que vos presentamos, agora xa podedes facelo!
Hoxe estreamos as substitucións programadas nas Academias de Xuvenís nun período de probas. Máis tarde, esperamos poder ofrecérvolas tamén para os primeiros equipos. Le o
manual para aprender a utilizar esta ferramenta. Se queres saber máis do proceso que levou o desenvolvemento e as razóns de ser desta ferramenta, segue lendo este editorial.
Durante todo este tempo que levo xogado ao Hattrick (que é arredor dun terzo da miña vida) sempre desexei a posibilidade de facer cambios tácticos dependendo do que sucedía no partido. Ser quen de pechar o partido ao catenaccio se ía gañando ou mandar a todo o equipo ao ataque se precisaba marcar desesperadamente. Xa non lembro a de veces que sentei diante da pantalla do ordenador vendo o partido e dicir “Eh! Árbitro! Quero facer un cambio!” Penso que preparar as substitucións é unha parte máis da labor dun manager, e seguramente moitos de vós estades de acordo comigo. Fai que a sensación de ser o mesmo adestrador do equipo sexa máis realista e incluso máis viva, e isto é quizais máis importante aínda que as opcións tácticas que as substitucións abren no xogo.
Pero inda que esta era unha das peticións que máis nos faciades e que sabiamos que melloraría o xogo moitísimo, hai que ter en conta tamén que é una ferramenta moi difícil de preparar. Isto fixo que tiveramos moitas veces que deixala de lado, dedicando o noso tempo a outras cousas, porque non tiñamos tanto tempo e recursos como para meternos nun proxecto desta índole. Ás veces, pensabamos tamén que o motor do partido no seu estado actual non podería ser capaz de soportalo. Pero ás veces, os milagres suceden, os soños convértense en realidade… A min pasoume unha mañá de inverno de 2007, cando Daniel me espertou ben cedo, chamándome por teléfono:
- Ola! Fixen o das substitucións.
- Que fixeche-lo que??
- Onte tiven unha idea de cómo arranxar o tema das substitucións. Estiven traballando toda a tarde e mesmo tiven unha noitada con iso! Inda estou sen durmir, pero xa o teño.
Dicir que este foi un momento memorábel no Hattrick é un pouco unha ironía, por suposto, os cambios nos partidos aínda non estaba preparados de todo (de feito estaban bastante lonxe diso) pero os elementos básicos da estrutura do motor dos partidos estaban aí… Despois de todo, os cambios eran posibles! Non poderíamos telo feito se non reescribíramos por completo o motor dos partidos para as Academias de Xuvenís... podemos dicir que isto é unha consecuencia da apertura das Academias!
Se preparar o motor dos partidos para as substitucións foi máis sinxelo do que pensabamos, polo contrario deseñar un método para presentar e planificar os cambios que fora lóxico e sinxelo foi moito máis difícil do que puideramos pensar ao principio. Non estabamos preparados para darvos a coñecer nada do que non estivéramos seguros de que era axeitado, así que preferimos pospoñer a súa estrea algún tempo.
Os nosos motivos
Deixando dun lado os meus soños persoais, a nosa intención básica coas substitucións dende o principio foi que debías poder substituír a un xogador canso por un máis fresco. Soamente con isto xa se abriría o abano de posibilidades das tácticas e estratexias dos partidos, como poder tirar vantaxe de ter un equipo máis numeroso, por exemplo. Pero despois dun tempo, sentíamos que non podíamos quedarnos soamente con iso, queríamos ampliar aínda máis as opcións tácticas do xogo. Por iso engadimos a posibilidade de preparar unhas ordes por anticipado, dependendo de cómo fora até o momento o partido, incluso se un xogador vía un cartón vermello!
Como todo o que facemos, estivemos a cavilar moito tempo sobre como engadir os trocos sen facelos moi complexos. Despois de todo, Hattrick é un xogo bastante simple e gústanos que sexa así. Cando engadimos novas ferramentas sempre queremos darlle máis profundidade ao xogo, pero non facelo máis complexo. As substitucións, definitivamente daranlle ao xogo máis profundidade, ao facer que a experiencia de controlar o equipo sexa máis viva e o partido máis interactivo. E se ben é imposible ao final evitar por completo algo de complexidade, pensamos que así é como deben ser as substitucións ao estilo de Hattrick.
E que pasa coas lesións?
Comezamos a ver como podiamos engadir a posibilidade de reaccionar tamén ás lesións, pero desgraciadamente era complicado de máis para o motor actual dos partidos. A parte máis problemática era que de seguir por aí teriamos que deseñar e programar un sistema de substitucións automáticas completamente novo. Tamén había un par de aspectos que nos tería gustado que se puideran facer, pero ao final decidimos parar o desenvolvemento da ferramenta para evitar que crecera de máis nesta etapa inicial, ou non poderiamos rematala nunca. Por iso decidimos que polo momento manteríamos o actual sistema de trocos para as lesións, deixándoo completamente automático, como ata agora. Isto quere dicir que consideramos esta que vos presentamos a primeira versión das substitucións, e non a versión final.
A parte máis difícil
O motor dos partidos de Hattrick está construído arredor do clásico 4-4-2, e se queres outras formacións terás que mover aos xogadores da súa posición inicial, o que chamamos reposicionalos. Ademais, non lles podes dar unha orde de comportamento a estes xogadores reposicionados, por exemplo, o teu defensa central extra non pode xogar defensivo ou cara ao lateral. A súa orde individual é xogar como un "defensa extra". De feito, este "defensa extra" está reposicionado dende outra parte do terreo de xogo. E como agora teredes a posibilidade de cambiar a orde de comportamento individual dese xogador durante o partido, tendes que ter en conta que por exemplo, se lle dicides ao voso "defensa central extra" que no minuto 60 cambie o seu comportamento individual para que comece a xogar "ofensivo", non se converterá nun "defensa central ofensivo extra", senón que de feito deixará de ser un "defensa extra" e comezará a xogar en ofensivo na súa posición orixinal, onde queira que sexa no terreo de xogo.
Cambiar un xogador por outro é algo sinxelo, pero se queres cambiar a orde individual de comportamento dun xogador reposicionado, tes que darte conta realmente o que estás a facer. Por iso a parte máis difícil foi deseñar a forma na que se poden facer os cambios para que puidera ser entendida por todos. Para ser honestos, a mellor solución das que atopamos, non é para nada perfecta, pero o propio motor dos partidos limítanos ao estar construído arredor do 4-4-2, calquera outra formación en realidade é soamente unha versión do 4-4-2 para os seus ollos...
Por que un período de probas para as Academias de Xuvenís?
Cando estreamos as Academias de Xuvenís hai xa máis dun ano, xa dixemos que as empregaríamos para probar novas ferramentas que poderían ou non ser despois trasladadas ao Hattrick "real". Así que de feito é natural que se probe este sistema primeiro nos equipos xuvenís. Nós xa fixemos moitas probas con esta ferramenta, pero inda así sabemos que se podería xerar algún erro que non se amosara durante a fase anterior de probas. Poden aparecer problemas con algúns navegadores web, ou tamén problemas que soamente aparecen cando hai un tráfico moi pesado de información (cando haxa moitos usuarios conectados á vez vendo os seus partidos, por exemplo). Por outra banda, gustaríanos saber o que pensades sobre esta ferramenta antes de pasala aos primeiros equipos. Despois de todo, este é un cambio moi grande e moi importante.
Esperamos que gocedes con esta nova ferramenta (eu sei que o farei!) e estaremos moi atentos e agradecidos polas vosas opinións nas conferencias. Como xa dixen ao principio, por favor, lede o novo capítulo do manual para entender como funciona todo o asunto.
Boa sorte, meus! Até a próxima chamada nunha mañanciña de inverno!