Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

12-9-2008 Editorial: Benvidos ao mundo moderno!

A nova imaxe para o 2008 de Hattrick está por fin aquí. É limpa e directa, pero ten o seu aquel, cun deseño discreto e moderno... e aínda conserva o encanto de Hattrick! Está preparada para as pantallas máis largas de hoxe en día, cun tamaño de letra máis grande e máis fácil de ler.

Estivemos moi implicados na navegación polo sitio e a usabilidade, e tanto unha como outra teñen mellorado substancialmente. O menú da esquerda ten menos opcións e está sempre expandido, co que moverse polo sitio é máis sinxelo. Como un dos nosos probadores dixo: "É moi intuitivo, despois de cinco minutos sentes como se o tiveras empregado toda a túa vida."

Por outra banda, non puidemos resistirnos a engadir un bo feixe de novas cousiñas na nova páxina e unha actualización do paquete de Supporter, como por exemplo unha fantástica ferramenta para deseñar os uniformes dos equipos. Esperamos que non vos importe moito.
Levamos traballando xa algún tempo no novo deseño e na puntonetificación e agora séntese un realmente ben de chegar ao final do camiño. Durante todo este tempo temos recibido opinións realmente boas dos nosos probadores e da comunidade en xeral, cando amosábamos capturas de pantalla do novo deseño. Sempre, dende o primeiro día, houbo un espírito positivo acerca da nova imaxe e este espírito medrou aínda máis durante todo o proceso.

A primeira vez que nos centramos no deseño
A razón de que o novo deseño gustara a tantos tan rapidamente non é quizais tan estraña. Esta foi en realidade a primeira vez na historia do Hattrick na que realmente vimos o deseño como unha prioridade, pensando tódalas páxinas dende cero. O resultado é que agora temos unha estrutura da páxina moito mellor e que a fixemos pensando nas ideas que nun futuro poderían mellorala. Por outra banda, tódalas imaxes e iconas foron feitas polo mesmo artista, asegurando así que todos os elementos da páxina teñan o mesmo estilo e casen uns cos outros.

Como xa mencionei máis arriba, isto significa o final do proceso de reescritura do código da páxina: todo está agora en .NET. Isto significa tamén o final das irritantes perdas de sesión que estivemos sufrindo cada pouco, e para nós significa tamén que agora será máis fácil engadir novas ferramentas. Porque si, a nosa intención é mellorala aínda máis, incluso despois deste lanzamento.

A lóxica tras do menú superior
A columna vertebral desta nova estrutura é o menú superior, dividido en seis categorías e onde cada unha delas abre un menú da esquerda diferente, con cadansúas opcións: En O meu Hattrick, atoparás todo o relacionado contigo mesmo e coa comunidade; en O meu Club, verás todo o que precises sobre o teu equipo; na sección de O mundo amosarémosche o mundo que hai arredor de ti e do teu equipo, tanto no teu mesmo país como no estranxeiro; Conferencias e Tenda son categorías que se explican por elas mesmas, e finalmente tamén terás Axuda, onde atoparás esa axuda que todos precisamos de cando en vez.

Dúas peles polo prezo de unha
O novo deseño está dispoñíbel en dúas diferentes aparencias ou skins, a standard e a simple e teredes aínda máis posibilidades no futuro. A versión simple está especialmente deseñada para pantallas pequenas e conexións de internet máis lentas, pero a aparencia coa que ao final vos quededes tamén pode ser simplemente unha cuestión de gusto!

Novas cousiñas aquí, acolá e por todas partes
De feito, hai algo novo en máis ou menos cada páxina, así que tendes moito por descubrir. A primeira cousa na que repararedes son quizais os novos debuxos, amosándoche o estado de ánimo dos teus seareiros e patrocinadores, e por suposto tamén as caras dos xogadores (ou as siluetas). As caras xogarán agora un papel importante á hora de mostrar se un xogador está lesionado, á venda ou ten un cartón vermello.

Podes escoller entre ver as habilidades dos teus xogadores dun xeito gráfico, con barras, ou ao xeito máis clásico. As barriñas poden ser de especial axuda para os novos usuarios, que aínda non se aprenderan de corrido os nomes dos diferentes niveis. Podes escoller o xeito que prefiras na páxina de preferencias.

Os que non sexan Supporters, tamén teñen catro iconas de acceso rápido na parte superior da páxina, facendo máis sinxelo acceder á túa caixa do correo, ao HT Live, ás páxinas do mercado de traspasos e á ferramenta de busca. Tamén atoparás que agora hai algunhas estatísticas dos xogadores do equipo dispoñíbeis para todos e, na páxina do teu grupo de liga, verás que podes engadir tódolos partidos da seguinte rolda ao HT Live dunha soa vez, e estes partidos que engadas non desaparecerán se por calquera cousa perdes a conexión á nosa páxina! Outras cousas que agora non desaparecerán, son as poxas que fixeras por un xogador; aínda que xa non teñas a oferta máis alta poderás velas na túa páxina de traspasos.

Hai máis xente ao teu arredor
Se algunha vez sentiches que estabas só neste xogo, verás que estabas equivocado: Hattrick é un xogo social e dende agora poderás ver máis a actividade que hai no sitio, facendo do xogo algo máis vivo. Na páxina do teu equipo e do teu grupo de liga poderás ver os máis recentes visitantes, e para os Supporters, amosaranse os equipos que cada un apoia como seareiro e os que o apoian a un (se sentes que isto non é do teu agrado podes activar as opcións de privacidade nas preferencias da páxina). Na páxina do teu grupo de liga tamén poderás ver os usuarios que estean conectados e atoparás novas do grupo como os anuncios de prensa, traspasos de xogadores, cando é que cada un prepara as ordes para os seus partidos e aínda máis cousas.

Unhas novas conferencias, deseñadas tanto para os usuarios ocasionais como para os máis experimentados
Neste lanzamento atoparás tamén un noviño sistema de conferencias. Está feito de xeito que sexa máis sinxelo de entender tanto para os novos como para os usuarios ocasionais, pero aínda conserva a complexidade que precisan os usuarios máis activos nas conferencias. Le máis sobre as novas conferencias e como utilizalas no seu propio editorial, pensamos que merecen un completiño de seu!

Unha incrible ferramenta para deseñar os uniformes e outras actualizacións para os Supporters
Se es Supporter agora disporás da quizais máis fantástica das novas ferramentas que inclúen o novo deseño, que permitirache deseñar os uniformes do teu equipo. As palabras non lle poden facer xustiza a esta novidade que vos presentamos, é mellor que a vexades por vós mesmos, aínda que podemos dicir que veremos uniformes para os equipos cos que non podiamos máis que soñar nun pasado. E inda por riba, é bastante sinxelo de utilizar: escolle a forma que queiras, arrástraa poñéndoa enriba do teu uniforme e axusta o seu tamaño e cor. Non esquezas gardar os cambios cando remates!

Os uniformes estarán visíbeis na páxina do equipo e no informe dos partidos pero tamén nas páxinas dos xogadores! Isto nos leva ás novas e feitiñas caras que teñen agora os xogadores dos nosos equipos, feitas exclusivamente para Hattrick polo artista Beach, quen xa nos fixera outros debuxos no pasado, así como para o noso xogo de mesa. As novas facianas dánlle a Hattrick e aos seus xogadores moito carácter, aínda máis do que as antigas lle daban. Están baseadas nas características fisiolóxicas que xa tiñamos, pero como agora hai aínda máis variacións (máis tipos de pelo longo, curto, máis cores de pelo dispoñíbeis, etc.) algunhas caras poden parecer un tanto diferentes. Naturalmente, se non queres ver as facianas, tes a opción de ocultalas nas túas preferencias.

Como Supporter, agora podes ter unha imaxe persoal, o teu propio avatar ao xeito de Hattrick, que tamén se verá nas conferencias. Nesta primeira versión escóllese unha cara ao chou cada vez que cambias de avatar, pero temos en mente facer nun futuro unha segunda versión na que cada un poida crear a súa aparencia persoal escollendo entre os diferentes elementos dispoñíbeis. Repara en que se tes nas preferencias desactivada a opción de ver as caras dos xogadores non poderás crear o teu avatar.

Na páxina de cada xogador poderás ver a súa última actuación no terreo de xogo, os detalles do seu adestramento e un simplemente brillante post-it onde podes deixar as túas notas. Se engadimos a iso que agora disporás dunha icona de acceso directo á páxina dos teus seareiros, con melloras no seu contido, e unha mellor páxina de coleccionar bandeiras, eu creo que podemos dicir que temos unha gloriosa actualización do paquete de Supporter.

O primeiro paso na integración de Alltid
Incluído no novo deseño, publicamos o primeiro paso no proceso de integración da páxina de estatísticas de Alltid. Os membros do Alltid Plus teñen agora acceso ás estatísticas de Alltid dentro de Hattrick, empregando a icona de Alltid nas páxinas onde estea dispoñíbel. As estatísticas de Alltid estarán dispoñíbeis para todos máis adiante cando deamos os seguintes pasos neste proceso, o que nos pode levar aínda varios meses de traballo.

Fai os teus propios descubrimentos
Aínda que o tentáramos, é imposible falarvos de todos e cada un dos pequenos detalles do novo deseño. Ademais cremos que é máis divertido atopar por un mesmo algúns destes detalles, descubrir cales son os teus favoritos e deixar algún espazo para a sorpresa e para un sorriso. Así que aconsellámosche lle botes unha ollada a este novo mundo de Hattrick que se abre agora e nos digas nas conferencias cales son as cousas que máis che gustan. As conferencias son tamén un excelente lugar onde preguntar calquera cuestión que poidas ter sobre o novo deseño.

Un agradecemento especial
Finalmente, gustaríanos enviarlle un agradecemento especial aos nosos probadores do novo deseño: os colaboradores (GM/LA/Mod/CHPP), o noso grupo de referencia GUI, tódolos usuarios do Stage e mesmo aos usuarios suecos que xunto cos seus amigos que non xogaban antes ao Hattrick fixeron unha proba nas nosas oficinas. Grazas por toda a busca de bugs, polas vosas opinións e suxestións, e especialmente, por manter o noso espírito, a nosa motivación e enerxía no estado máis alto posíbel. Isto sinxelamente tería sido imposible sen todos vós.
 
Server 070