Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

12-9-2008 Editorial: As novas conferencias, máis doadas de usar

Escríbense ao redor de 100.000 mensaxes tódolos días nas conferencias de HT, e cun total de 178 millóns de mensaxes as nosas conferencias son un dos máis grandes foros de internet do mundo. Agora fixémolas conferencias máis atractivas e divertidas. As novas conferencias son agora máis doadas de usar e de comprender, e se o deseño conta, certamente mellorou moito!

As conferencias estarán a partir de agora moi unidas ao xogo, e inda que entres nas conferencias poderás seguir navegando pola web. Ademais, agora non vén en dúas partes, a vella sección de "Ollada Rápida" integrouse na propia conferencia. E inda sabendo que as conferencias fixéronse moito máis atraentes para os novos usuarios, os usuarios "vellos" seguirán atopando a maioría das funcionalidades que fixeron grandes ás antigas conferencias, e tamén atoparán novas funcionalidades moi útiles. Segue a ler a guía das novas conferencias.
Hai un vello dito que di "o que non se publica nas conferencias de HT non paga a pena sabelo". Si, acabamos de inventalo, pero ben que podería existir! En xeral, as conferencias son un lugar fantástico, cun ambiente cálido e amigábel. E ata semella que hai outras cousas na vida das que pague a pena falar que non sexan o HT, porque as nosas conferencias non son só usadas para falar sobre temas vinculados ao HT. En realidade case que se fala máis de cousas que non teñen relación co HT.

As antigas conferencias eran do agrado dos usuarios máis veteranos. Pero ao mesmo tempo aos novos usuarios ou incluso aos usuarios ocasionais, resultáballes moi difíciles de usar e entender, polo que desafortunadamente só unha minoría dos nosos usuarios as frecuentaban. As novas conferencias parécense máis aos foros que existen por internet e foron especialmente deseñadas para facerlle a vida máis doada a eses usuarios que non as visitaron nos seus inicios no xogo. Ademais tamén temos os comentarios positivos dos usuarios veteranos durante a fase de proba, xa que baixo a nova faciana os usuarios atoparon moitas das funcionalidades causantes da súa adicción ás antigas conferencias.

Unha guía para as novas conferencias
Se é a primeira vez que entras nas nosas conferencias, explícanse por elas mesmas... Como xa dixen antes, aseméllanse e compórtanse como calquera outra conferencia que xa coñezades. Pero no fondo, hai algunhas ferramentas e preferencias que poden facer a experiencia nas conferencias aínda máis gozosa. Así, que para vós aquí tendes unha guía completa ás novas conferencias. Se pola contra es xa un usuario experimentado de Hattrick, recomendámosche que saltes directamente ao capítulo chamado "Cousas que deben saber os usuarios máis experimentados."

A páxina principal das conferencias
Na páxina principal poderás ver inmediatamente as mensaxes que che escribiran. Terás unha ligazón para ir directamente a esas mensaxes, ou simplemente botarlle unha ollada por enriba. Máis abaixo, terás os fíos que visitaches recentemente, facendo máis doado lembrar onde deixaras de ler. Tamén atoparás a función de Busca de conferencias e algunhas suxestións.

O menú da esquerda
Cando abres as conferencias podes ver todas as que segues no menú da esquerda. Podes ordenalas segundo o teu gusto nas Preferencias das conferencias (O meu Hattrick > Preferencias). Cando expandes unha desas conferencias, ves todos os fíos que hai nela. Para cada fío verás o número total de mensaxes e, en laranxa, o número de mensaxes que aínda non liches. O menú da esquerda ten tres pestanas principais, entre as cales tamén podes seleccionar a túa preferida.

Novas mensaxes amosa os fíos nos que se escribiu ultimamente nas túas conferencias, sempre seguindo a orde que estableceras nas túas preferencias.
Atallos amosa os "Fíos nos que teño participado" (fíos nos que publicaras algunha mensaxe ou aos que te subscribiras) e as "Mensaxes de usuarios favoritos" (fíos nos que os teus usuarios favoritos publicaran algunha mensaxe).
Todas é o que xa pensas que é: unha lista de tódalas túas conferencias.

Buscar e engadir unha conferencia
Para atopar e engadir unha conferencia hai unha ferramenta de procura na páxina principal, e tamén podes elixir no mesmo sitio algunha das conferencias recomendadas. Cando premas nunha conferencia poderás lela como convidado. Para unirte á conferencia, preme en "Unirme á conferencia" no menú da esquerda. Se desexas abandonar unha conferencia faino dende a páxina de preferencias.

A área de lectura
Cando premes nun fío amosaranse as mensaxes na zona principal da páxina, e debes usar as frechas para desprazarte dunha páxina a outra. Podes configurar nas preferencias cantas mensaxes queres ver por páxina. Se non che gustan as barras de desprazamento para ir ao final da páxina podes engadir nas preferencias unha barra de desprazamento a túa área de lectura . A área axustarase ao tamaño da pantalla. Tamén podes engadir unha barra de desprazamento ao menú esquerda.

Hai un despregábel na parte superior de cada fío que por defecto di "Amosar tódalas mensaxes". Podes empregalo para ver quen publicou unha mensaxe no fío e para filtrar as mensaxes dun usuario en concreto.

Subscricións e usuarios favoritos
Podes subscribirte a algún fío e así sairá na sección de "Atallos", o que cho fará máis doado de seguir sen precisar escribir nada nel. Se publicas algunha mensaxe tamén che sairá entre os "Atallos".

Se tes algún usuario entre os teus favoritos das conferencias, cando el (ou ela) escriba nun fío, este amosaráseche automaticamente na súa sección nos "Atallos."

Avatares e sinaturas
Os nosos Supporters teñen a posibilidade de poñer tanto un avatar como unha firma. Se non che gusta velos, podes seleccionar a opción para que non che saian nas Preferencias das conferencias. As sinaturas tamén se poden recortar, se queres. Isto é, que soamente se amosarán os primeiros 50 caracteres.

Ignorar fíos (e usuarios)
Podes elixir ignorar fíos no menú da esquerda, facendo clic na icona que ten unha x. Tamén atoparás a opción de ignorar un fío na parte superior da área de lectura, unha vez dentro do fío. Os fíos ignorados poden atoparse cando se expande a conferencia e se elixe a opción de "Amosar fíos ignorados". Tamén é posíbel ignorar a un usuario en concreto e as súas mensaxes non serán amosadas cando leas as conferencias.

Cousas que deben saber os usuarios máis experimentados
Pensamos que vós tamén vos adaptaredes axiña ás novas conferencias. En xeral, pódese dicir que soamente hai dous cambios grandes, aparte do novo deseño: A "Ollada rápida" está agora integrada nas conferencias normais e o vello sistema de prioridades renovouse por un novo e moito mellor (si, xa o veredes, ho!). Ordenar as túas conferencias na páxina das preferencias é quizais o primeiro que deberías facer (non esquezas gardar os cambios!). Ademais diso, aquí tes algunha información extra que che ha vir ben:

• Atoparás a vella "Ollada rápida" na páxina principal das conferencias (a parte de "Mensaxes para min") e na pestana de "Atallos."
• As prioridades das conferencias (alta/baixa) foron cambiadas por un novo sistema de prioridades. Agora podes ordenar as conferencias segundo o teu gusto.
• As mensaxes dos usuarios que teñas marcados como favoritos, que anteriormente te poñían como de alta prioridade, agora teñen o seu propio espazo, na pestana dos "Atallos."

E se estabas xa habituado aos marcos (frames), repetimos! Se non che gustan as barras de desprazamento até o final da páxina, podes engadir unha barra á área de lectura nas Preferencias das conferencias.
 
Server 071