Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

5-5-2009 Editorial: O pracer é noso...

Ser o xestor dunha academia de xuvenís non ten sido fácil até o de agora: sempre atento á progresión dos teus xogadores, atopar un amigábel non era sempre doado e os adestradores adoitaban ser seres esquecedizos e non moi consistentes nos seus comentarios sobre os seus pupilos. Pero eses días xa forman parte do pasado.

Hoxe presentámosvos con moito orgullo e satisfacción unha nova actualización das academias de xuvenís que fará a vosa tarefa de mánagers máis doada e agradábel. Seredes quen de facer un seguimento das habilidades dos xuvenís, empregar a Lista de amigábeis ao modo dos primeiros equipos, cambiar o nome do estadio e do propio equipo… e os partidos que se gañan por non comparecer un dos dous rivais tamén son historia! Ademais, inclúense unha actualización da xeración dos xogadores, tanto da academia como da secretaría técnica (o vello sistema de xuvenís) e algunhas cousas máis.
Deixádeme dicir en primeiro lugar que inda que esta mellora facilitará a xestión das academias, facendo que poidades gozar máis delas, iso non significa que se converta nunha tarefa moi simple e sen ningún misterio que descubrir. Levar unha academia seguirá sendo un reto do xogo, pero dende agora será un reto máis agradable e divertido. Dito isto, profundemos máis nos novos cambios!

Cambios nos informes dos adestramentos e descubrindo as habilidades

A nova máis importante desta actualización é que as habilidades dos teus xuvenís poden ser reveladas. Estes descubrimentos están baseados nos informes do teu adestrador. A partir de agora, antes de comentarche o contido do seu informe avisarache de que ten algunha nova en especial sobre algún dos xogadores, de forma que se o queredes podedes ir primeiro á ficha dos xogadores e desvelar por vós mesmos as habilidades das que tivo noticia.

Como xa dixen antes, estes descubrimentos baséanse no que digan nos informes tanto os adestradores como os olladores. Tamén temos mellorado os propios informes, e xunto coa revelación das habilidades o teu adestrador proporcionará mellores comentarios, e ademais non se repetirá a si mesmo, tendo así este informe un pouco máis de sentido. Estes son os cambios máis polo miúdo:

- Cando o teu ollador mencione que algún xogador ten un certo nivel ou pode acadar un certo outro nivel, a súa habilidade revelarase na páxina do xogador. Ademais, dende agora podes ter unha confianza absoluta en que cando mencione algún nivel de habilidade non se trabuca (nos informes anteriores non podías estar de todo seguro disto).

- Do mesmo xeito que até agora, o adestrador revelará a habilidade dun xogador do equipo por cada tipo de adestramento que elixas. O que engadimos agora é que ese nivel amosarase na páxina do xogador e que o teu adestrador sempre che dará novas sobre un xogador do que non te informara xa da súa habilidade no pasado.

- Cando o teu adestrador comente que falta un certo período de tempo antes de que un dos teus xogadores alcance o seu potencial máximo nalgunha habilidade, tanto o seu potencial como a habilidade actual serán desveladas na ficha do xogador.

- O adestrador soamente informará de subidas de habilidade naquelas habilidades que xa desvelara o seu nivel. Se aínda non o fixera non che informará de ningunha das subidas que despois puidera ter un xogador. Para compensar, nos informes do adestrador figurarán todas e cada unha das subidas das habilidades que xa te revelara, e do mesmo xeito poderás ver como se corrixen os niveis despois dunha subida na páxina dun xogador.

- Cando o adestrador comente que algún xogador non aproveita xa algún tipo de adestramento, ou o que é o mesmo, cando chegue ao seu máximo potencial nesa habilidade, o seu nivel actual e o seu potencial serán desvelados. Aínda máis, a barriña na que se indica o nivel desa habilidade tornarase amarela, para indicar que ese xogador xa completou o seu adestramento nesa habilidade en concreto. E coa boa morea de rabos de pasas que distribuímos entre os adestradores, a bo seguro que non se esquecerá diso e non repetirá o seu informe nunca máis.

- Se xa foras informado antes do potencial dun xogador e do seu nivel de habilidade, cando este chegue ao seu máximo nivel a barriña volverase amarela, incluso se o adestrador non repara niso e non cho di nos seus informes.

- O teu adestrador non se preocupará máis de preparar festas de aniversario para os rapaces e tampouco te informará se paparon unha boa torta ou se algún deles levou caramelos ao adestramento para celebralo.

Ademais, nesta actualización tamén incluímos algúns erros arraxandos: os informes sobre a agresividade dos xogadores serán dende agora máis correctos, o mesmo que o erro de presentación que ocorría nos aniversarios dos xogadores.

Sobre informes pasados
Este novo sistema vén funcionando en segundo plano dende hai un pouco máis de dúas semanas, polo que como pequena sopresa xa tes algúns xogadores/habilidades para desvelar. Non obstante, os informes máis vellos do adestrador ou dos olladores non están afectados por este cambio, polo que os comentarios feitos polo adestrador no seu momento non levarán a desvelar ningunha habilidade.

Cambios nos eventos do adestramento. Fase II
Tamén nos gustaría darvos un adianto sobre unha segunda fase de cambios para os eventos do adestramento. A seguinte fase está lonxe de ser tan grande como esta actualización, pero incluirá algúns cambios da información que proporcionan os adestradores. A razón de esperar un pouco con esta segunda fase é ver primeiro os efectos desta actualización (que xa é bastante grande por si mesmo), antes de decidir exactamente o que facer na segunda fase. Non obstante, esta segunda fase comezará a funcionar nun mes máis ou menos.

Lista de amigábeis para os xuvenís
Ata este momento atopar un amigábel para os xuvenís non foi precisamente un camiño de rosas, pero coa lista de amigábeis todo será máis doado. A lista de amigábeis dos xuvenís é moi semellante a lista de amigábeis do primeiro equipo. Poderás engadir o teu equipo á lista dende a páxina de amigábeis e despois disto o teu equipo concertará automatiamente un partido contra outro equipo. Os Supporters poden especificar a liga ou rexións e tamén mirar na lista dos equipos dispoñíbeis, ao igual que na lista do primeiro equipo.

A diferenza na lista dos xuvenís é que terás un intervalo de horas no que o partido pode ser xogado cando engadas o teu equipo á lista. Entón, automaticamente, a lista elixirá a primeira hora posíbel na que ti e o teu rival podan xogar o amigábel (e aseguráte de que teñas tempo de viaxar alí e non ter un enconro de liga ese mesmo día). Non obstante, se es Supporter podes mirar na lista de equipos dispoñíbeis e deste xeito podes elixir a hora. A lista elixirá o minuto exacto na hora escollida, e o normal sería que fora a unha hora en punto ou a e media.

Cambiar o nome do equipo e do estadio
Os nomes do teu equipo e do teu estadio non teñen que ser eternos, se queres, agora podes cambialos. O nome do equipo só pode ser cambiado entre dúas tempadas, pero o nome do estadio pode ser modificado en calquera momento. Para cambiar o nome do estadio debes ir á páxina do estadio (O meu club -> Estadio). Os gastos por estes cambios é a metade dos gastos normais, pero os teus seareiros non o terán en conta se o fas.

Historial dos olladores
Moitas discográficas cometeron o erro de deixar marchar a The Beatles aos inicios da década dos 60, e co tempo lamentarían isto "moito moitísimo" por non utilizar outras palabras. Agora tamén serás quen de ver aos equipos que deixaron marchar ao teu xuvenil "súperestrela" antes de darlle unha oportunidade (se lla queres dar). O historial dos olladores atópase nos momentos inesquecíbeis do xogador.

A fantástica xente do barrio
Se o teu rival non presenta unha aliñación válida, atoparás a algúns rapaces do barrio amosándose dispostos a enfrontarse ao teu equipo nun partido improvisado. Isto quere dicir que os teus xogadores sempre conseguirán xogar (se ti fas unha aliñación válida, por suposto) e polo tanto non serás "penalizado" polo erro do teu rival.

Axustes na xeración dos xogadores
Nesta actualización tamén fixemos algúns pequenos axustes na xeración dos xogadores tanto para a academia de xuvenís como para a secretaría técnica. Estes axustes fixéronse para conseguir igualar os diferentes sistemas, pero tamén para informar mellor o que se espera dos porteiros de hoxe.

Para a academia, o máximo nivel de balón parado a partir de agora será excelente. Este máximo tamén será válido para a academia de porteiros, os cales terán agora un mellor nivel de balón parado (de media), un máis alto nivel de defensa e pola contra un lixeiro menor nivel de portería.

O máximo nivel de balón parado será excelente tamén na secretaría técnica. O balon parado dos porteiros e o nivel de defensa serán semellantes á academia de porteiros. Ademais, a idade dos porteiros na secretaría técnica estará a partir de agora entre 17 e 19 anos.

Estas son as melloras polo momento. Como xa dixen hai tamén unha "moito máis pequena" segunda fase pendente de saír. Ademais vemos como unha necesidade facer que a administración das Ligas de xuvenís sexan un pouco mellores nun futuro, pero por desgraza está é unha tarefa demasiado grande e teremos que agardar a outro momento. Así que polo momento suxerimos botarlle unha ollada aos teus xogadores xuvenís xa que debería haber algunhas habilidades por desvelar. Un momento para gozar.
 
Server 070