Novas
7-3-2009
Editorial: O seguinte será mellorar o corazón do xogo
Nestes últimos dous anos traballamos moito para mellorar a estabilidade do sistema e mellorar a páxina, e con grande éxito, por certo. Hattrick é agora máis rápido e fiábel ca nunca, e o novo deseño foi moi valorado pola maioría se temos en conta o resultado da recente enquisa.
Satisfeitos de como a páxina está a funcionar é hora para nós de cambiar de obxectivo e comezar a traballar polo que realmente amamos: o xogo. En especial o corazón do mesmo: a xestión do equipo, a simulación do partido e a experiencia no mesmo. Non obstante, primeiro aproveitaremos o verán para continuar coa nosa limpeza de erros (bugs).
O noso obxectivo nos últimos anos foi mellorar a calidade da páxina. Pero mentiría se dixese que foi a etapa máis excitante da nosa historia en Hattrick. Quero dicir que nós, ante todo, somos programadores e o noso principal interese está en traballar no xogo e non na páxina. Pero está claro que non podemos ignorar o feito de que este traballo era moi necesario. Dende que eu xogo ao Hattrick (e xa van 11 anos) o servidor caía, o servidor atrasábase e ocorríanlle todo tipo de problemas técnicos que os hattrickeiros tiveron que soportar. Púxose como obxectivo principal, xa que quixemos arranxar dunha vez por todas estes problemas. Tanto vós coma nós mereciamos ter unha páxina que fose máis rápida e máis fiábel despois de todos estes anos, e ademais para nós significou poder centrarnos agora no desenvolvemento do xogo sen preocuparnos polas inestabilidades da páxina. Non vos facedes nin unha idea da tranquilidade que dá (pero a verdade é que a tranquilidade chegou do mesmísimo inferno).
Satisfeitos co novo deseño
O novo deseño foi a parte final do proxecto de mellora da páxina, e debo dicir que cremos que quedou moi ben. E se facemos caso á recente enquisa, a grande maioría está satisfeita co novo deseño. Responderon 523.000 usuarios e sobre un 80% das respostas amosáronse satisfeitos ou moi satisfeitos co novo deseño. Só un 6% respondeu negativamente. Á maioría gustoulle o deseño gráfico e as imaxes, e aos nosos Supporters tamén lles gustaron as novas funcionalidades. O 8% di que experimentaron algún problema técnico, un dato que é moi inferior ao 2006 (18% foi daquela), pero aínda é mellorábel.
Primeiro de todo, a limpar o rocho!
Aínda que a páxina hoxe en día é rápida e bastante fiable, hai algún noxento problema técnico no sistema, os temidos bugs. Esta primavera estivemos traballando arreo para limpar o almacén de vellos bugs. As academias de xuvenís e os logros son dúas das áreas que podedes tomar como exemplo do noso traballo ultimamente, e continuaremos con este traballo de limpeza durante o verán para eliminar toda esa roña dos nosos ordenadores e asegurámosvos que non permitiremos que volva aparecer despois do verán!
Temos que recoñecer que se as novas funcionalidades teñen menos bugs é principalmente grazas ao Stage (a nosa área de probas, con máis de 5000 hattrickeiros) e seguimos pensando que aínda podemos mellorar o Stage e o noso método de traballo para que todo o proceso sexa máis efectivo. Por iso, todos eses bugs que agora se nos escapan terán unha maior prioridade no noso traballo diario de agora en adiante. Estaría ben non ter ningún bug, ningún problema en absoluto, pero sexamos realistas, traballamos nun entorno vivo e cunha base de datos incriblemente grande : vai aparecer algún problema con toda seguridade. Así que o que debemos facer é tratar de contelos, que sexan os máis pequenos posíbeis e actuar o máis rápido que poidamos unha vez nos atopemos con eles. Vamos, que confiamos en que todos vós poidades gozar máis do xogo do Hattrick, dende o punto de vista da técnica.
E despois… a polo corazón do xogo!
Tal e como xa dixen na introdución, o noso maior interese vai ser sempre desenvolver o xogo, e iso é precisamente no que nos centraremos de novo. Estamos especialmente interesados en volver aos nosos orixes e mellorar o corazón do xogo; en particular o simulador de partidos e a xestión dos equipos… e a experiencia que tendes sobre o xogo nesas dúas áreas. Polos resultados da enquisa parécenos bastante claro que eses son os temas nos que preferides que nos centremos… e é un verdadeiro pracer dicir que estamos de acordo!
O 24% de vós manifestastes que credes que o noso traballo a partir de agora se debe centrar no simulador de partidos e despois diso o apartado máis votado foi o da xestión dos equipos, seguido por algún aspecto tamén relacionado con estes temas (os informes dos partidos, o mercado de traspasos e as tácticas). Do que menos demandabades eran melloras na comunidade (1%) ou que nos centrásemos máis na páxina en si (3%), aínda que quizais non é tan raro, xa que estas son algunhas das cousas nas que estivemos traballando ultimamente.
Outros resultados da enquisa que poden parecer interesantes son que case todo o mundo (97%) dixo que se ve xogando ao Hattrick de aquí a un ano (e case todos recomendaríanlle o xogo a algún amigo); a maioría tamén pensa que as substitucións melloraron o xogo (soamente o 6% non pensa así); ademais agora dispoñemos dunha boa perspectiva da vosa forma de competir: a maioría da xente pensa que é mellor construír un equipo forte e con futuro no canto de ascender a toda costa esta próxima tempada (incluso se unha grande parte non desaproveitaría a ocasión de poñérselle ao alcance). Outras cousas interesantes que apareceron trala enquisa é que case todos pensades que a actual tranquilidade no desenvolvemento do xogo é agradábel, e que ninguén manifestou que houbera poucos cambios nese aspecto. Algunhas veces ao ler as conferencias podes chegar a pensar o contrario, pero tamén pode ser que iso sexa por outras razóns.
Debemos agradecervos a todos os que respondestes as nosas enquisas. Para nós é unha fonte de información moi válida sobre todo como complemento das opinións que recollemos nas conferencias e noutros sitios. Non é só que estes resultados sexan moi apreciados ao tomar as decisións sobre que aspecto do xogo traballar a continuación, senón tamén son importantes ao mirar atrás e comparar estes resultados cos das enquisas que virán nun futuro… porque abofé que haberá máis enquisas nun futuro! Realmente pensamos que son parte do camiño que debemos seguir no noso traballo.
E por que queredes tocar o corazón do xogo?
A pregunta pode parecer un tanto estraña, porque de feito sería raro que non tocásemos algunhas das cousas fundamentais do Hattrick en toda a eternidade, pero como pode haber algunha xente que poida pensar que algunhas partes son case sagradas (ou polo menos merecedoras de entrar na lista de Monumentos Patrimonio da Humanidade da Unesco!) e que endexamais cambiarán, temos que dicir que se queremos conseguir que gocedes aínda máis do xogo non podemos deixar de lado que tamén temos que entrar no corazón do xogo. A presentación é importante, por suposto, pero é o corazón o que realmente importa e fai que todo o demais sexa divertido. Por exemplo, cremos que a percepción que moitos de vós tendes sobre a importancia do aleatorio no Hattrick é un problema, e pensamos que en realidade isto non é porque haxa tantas cousas ao chou nun partido, senón tamén pola forma de presentarvos a información sobre os partidos. Pero aínda que mellorásemos ese aspecto estamos seguros de que non solucionariamos o problema ao completo sen tocar o corazón do xogo. Por outro lado, tamén é verdade que ás veces o motor dos partidos é predicible de máis, o que arruína un chisco o interese en sentarse a ver un partido no ordenador.
Pero non temades, o xogo non vai variar radicalmente da noite á mañá, asegúrovolo. A nosa regra de ouro sempre foi e seguirá sendo "que o xogo sexa sinxelo", pero realmente estamos convencidos de que podemos cambiar algunhas pequenas cousas e conseguir con iso o efecto revolucionario que procuramos.
Principalmente o corazón, pero non soamente o corazón
Creo que tamén debo mencionar que se ben o corazón do xogo vai ser a nosa tarefa principal isto non significa que nos esquezamos da páxina, a comunidade e outras cousas, así que non vos sorprendades se vedes que lle engadimos algo novo á páxina unha nova ferramenta para a comunidade ou algo do xénero, porque certamente isto tamén vai acontecer, inda que os nosos principais esforzos se centren noutros aspectos. Naturalmente, tamén lle botaremos un ollo aos servidores, para asegurarnos de que a actual rapidez e fiabilidade se manteñen.
Cara onde nos diriximos
Non quero darvos moitos detalles sobre que pasará e que partes retocaremos (por favor, non preguntedes tampouco nas conferencias, xa que non queremos dar os detalles exactos). Pero si queremos que saibades o noso punto de vista e cara onde pensamos que se debe dirixir o Hattrick para que sexades un pouco conscientes do que vos pode afectar no voso traballo como xestores dun equipo de fútbol. Publicaremos outro editorial a próxima semana. Vai ser unha desas que teredes que reler varias veces nun futuro e non queremos estragar a sorpresa dando agora demasiadas primicias.
Un saúdo a todos!