Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

7-9-2009 Editorial: A nosa visión do Hattrick

Hattrick é un xogo fantástico, e queremos facelo aínda mellor

Neste editorial queremos compartir convosco a nosa visión do xogo, contándovos cara onde pensamos que debe ir e como afectará ó labor na xestión do teu equipo.
"Construíde o xogo ao que vós mesmos quereriades xogar e seredes recompensados". Esta foi, polo que sei, a primeira frase onde se tentou establecer como debía ser o Hattrick, cando non era máis que un proxecto feito no tempo libre por un grupo de entusiastas afeccionados. Moitos dos que estabamos naquel grupo aínda continuamos por aquí, coa diferenza de que Hattrick xa non só ocupa o noso tempo libre, é a nosa vida. Se botamos a vista atrás Hattrick xa era un gran xogo, pero o noso propósito segue sendo o mesmo: Queremos facer del un xogo aínda máis grande.

Xa sabes que nos próximos tempos queremos centrarnos en mellorar o corazón do xogo e pensamos que podería ser de moita axuda para tódolos xestores dos equipos coñecer de primeira man a nosa visión do xogo e cara onde debe ir o Hattrick nun futuro. Estas son as cousas nas que cavilamos nas nosas reunións sobre o xogo. Moitas delas sempre estiveron aí, pero tamén hai algún cambio ao que hai que prestarlle atención:

O equipo, en primeiro lugar
Hattrick baséase en construír e controlar un equipo de fútbol. Xa que logo, o equipo, a parte da súa xestión, e os partidos deberían ser sempre o centro de todo o xogo.

A competición
As competicións son o motor que move o Hattrick. Aquí ti compites contra persoas reais, non contra o sistema. Tódolos equipos participan na súa liga oficial e nunha competición de copa e deberían ter a oportunidade de tamén participar en competicións creadas polos propios usuarios.

Moitos medios para acadar o éxito
Hai moitas formas de conseguir os teus obxectivos, pero ningunha delas debería estar por enriba das outras, ou non se deberían poder empregar todas ao mesmo tempo.

Queremos un xogo sinxelo
Tódalas opcións do xogo deben ser fáciles de entender e manexar. Ademais, tódalas decisións que se toman sobre o equipo deben ter un sentido e estar en relación ás demais.

Un pasatempo
O Hattrick é un xogo lento, sen unha recompensa instantánea, pero confiamos na túa paciencia. Non se debería precisar máis de 30 minutos do teu tempo libre unha vez á semana para manter o teu equipo (inda que para chegar ao máis alto poidas precisar algún tempo máis).

Un xogo con unha comunidade detrás
Debémonos guiar pola comunidade, pero non cremos que debamos estar dirixidos por ela. Debemos animar, que non esixir, a que as comunidades medren e se fortalezan.

Algúns cambios de futuro
Se ben os principios que acabamos de expoñervos poden parecer moi simples, a verdade é que din moito máis do que poida parecer á primeira vista. Se os analizades en profundidade quizais vos poidades decatar de que non están conseguidos ao completo a día de hoxe, e que aínda nos falta por mellorar o xogo para poder acadar todos eses obxectivos.Moitos dos cambios simplemente significan que algunhas das cousas que xa están ben pódense facer aínda mellor, pero hai dous puntos que queremos sinalar, porque afectan á planificación dos equipos e á vosa xestión dun xeito directo:

• Hoxe en día podes empregar tódolos medios que están na túa man para que o teu equipo mellore ao mesmo tempo. Por exemplo, podes adestrar á vez que obtés beneficios na compravenda de xogadores. Como xa dixemos antes, nun futuro isto non debería ser así: Non se debería poder obter o efecto completo dos medios postos á túa disposición. Deberás escoller que estratexia queres utilizar, e a túa decisión debería ser ponderando outros aspectos do teu equipo.

• Na actualidade hai moitos equipos que non poden xogar a competición de copa. A nosa intención é que nun futuro tódolos equipos poidan disputar a copa oficial.

Outros puntos importantes para o futuro

Centrarse no que xa temos
Cando tentamos mellorar o Hattrick debémonos centrar nas áreas do xogo que xa existen máis que en engadir algunhas totalmente novas. Ou noutras palabras, en vez de crear novas opcións que afecten ao corazón do xogo, como as substitucións, traballaremos nesas partes do xogo das que actualmente non se explota todo o seu potencial. Un exemplo disto é a psicoloxía do equipo.

Limpeza de cousas inútiles
Isto ten que ver co punto anterior pero tamén coa nosa pretensión de ter un xogo que sexa sinxelo de manexar: Tódalas decisións que se vos pide que tomedes teñen que ter sentido. Hai cousas no xogo que se aparecen inútiles tras un tempo, porque as tocas unha vez e nunca ou case nunca máis as volves variar. Deberiamos ou retomar esas opcións para dotalas novamente de significado ou eliminalas, dependendo do caso. A intensidade do equipo e a composición do grupo de asistentes son bos exemplos disto.

Simplificar e equilibrar o motor dos partidos
Os puntos básicos do motor dos partidos están ben establecidos pero poderían estar mellor equilibrados, especialmente no que se refire ás diferentes formacións, pero tamén no relativo á importancia das diferentes partes do equipo. A opinión xeral é que algúns aspectos dos partidos son aleatorios de máis mentres que outras son demasiado predicibles. Para mellorar o goce do seguimento dos partidos precisaríase un maior equilibrio entre o aleatorio e o predicible, pero sempre mantendo as cousas dentro da sinxeleza necesaria. Temos que recoñecer que hai partes que poderían ser máis fáciles de entender e quizais puidera axudar á súa comprensión que se puidera elixir a formación sen depender do reposicionamento dos xogadores, desprendéndose da limitación ao 4-4-2 no que se basea actualmente.

Control indirecto sobre a economía
A única maneira que temos agora de controlar a economía é inxectar ou retirar cartos do sistema e iso non nos parece que sexa unha ferramenta moi axeitada. Cremos que para que a economía funcione mellor se precisa unha conexión entre os dous recursos do sistema, os cartos e as habilidades dos xogadores. Pensamos que se debería poder intercambiar un recurso por outro dalgún xeito. Cando agora nos centramos en mellorar diferentes áreas do corazón do xogo farémolo tendo en conta que eses cambios deberían ter un efecto positivo na economía global, especialmente se nos diriximos a un control da economía indirecto, sen que se precisen intervencións externas.

Algunhas palabras para rematar
Espero que agora teñades unha mellor perspectiva sobre o conxunto do Hattrick e cara onde pensamos que debemos tentar levalo. Creo que paga a pena que lembre que Hattrick nunca cambiou da noite á mañá e que nunca o fará, pero sen embargo si que vai cambiando co paso do tempo. Por tanto, tódolos cambios que comentamos neste editorial non sucederán de súpeto, senón que os introduciremos gradualmente durante os próximos anos. Nesta viaxe, naturalmente, manterémosvos informados sobre como os nosos plans poden afectar aos vosos para os equipos, pero non queremos adiantarnos dándovos detalles específicos sobre un cambio antes de introducilo no xogo.

Unha cousa si que é certa: Achéganse tempos ben interesantes e divertidos! E estamos preparados, cheos de ánimo e enerxía para cando cheguen!
 
Server 070