Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

3-19-2010 Editorial: Unha mirada detallada aos cambios no motor

Imos comezar a fin de semana cunha lectura interesante! Aquí están tódolos detalles da mellora do motor dos encontros para a vindeira tempada.

Para aqueles que queirades ler unha versión simplificada, podedes atopar un resumo publicado na páxina dos editoriais.
Teño que confesar que senta moi ben lanzar unhas das meirandes actualizacións da historia de Hattrick. Aínda é mellor sabendo o propósito deste cambio: incrementar as opcións tácticas creando un mellor equilibrio entre as distintas formacións e a importancia do colectivo. Neste texto poño á túa disposición os detalles e a lóxica destes cambios.

Para aqueles que non teñades interés en ler as descricións detalladas, hai un editorial máis curto para vós. E para aqueles que olvidastes as nosas intencións con este cambio, por favor lede o editorial do pasado 24 de febreiro acerca dese tema.

Contribución dos xogadores centrais (medios, defensas centrais e dianteiros)
Haberá un novo principio para definir a contribución dos xogadores nunha posición central (defensas centrais, medios e dianteiros).
- Cando un único xogador ocupa unha posición central contribúe ó 100%.
- Cando dous xogadores xogan nunha posición central, ambos perderán un chisco da súa contribución
- Cando tres xogadores xogan nunha mesma posición central, os tres perderán algo máis da súa contribución
As razóns detrás disto é que cando máis dun xogador coincide na mesma área, comezan a depender uns doutros e non contribúen con toda a súa capacidade. Como comparten o mesmo espazo no terreo de xogo, significa que todos eles se ven afectados por esta perda de contribución, coma no fútbol real.

Esta perda de contribución afecta a tódolas cualificacións do equipo (e non só á correspondente á habilidade principal), como ocorre coa perda dos xogadores reposicionados na actualidade.

En resumo: Un único xogador nunha posición central (central, medio e dianteiro) contribúe ó 100%. Usar dous xogadores implica unha perda de contribución (que afecta a ambos xogadores), e usar tres significa unha perda aínda maior (que afecta ós tres).

A cantidade perdida non é a mesma para tódolos sectores
O principio de perda de contribución é o mesmo para tódolos sectores do equipo, pero a cantidade difire. A perda para os centrocampistas é, aproximadamente, o dobre que para os defensas. A dos dianteiros atópase no punto medio, aproximadamente.

Tamén é importante mencionar que os defensas centrais e os dianteiros contribuirán máis ca antes. Esta gañancia será equivalente á perda de contribución que supón aliñar dous xogadores, o cal significa que xogar con dous centrais ou dous dianteiros será igual de bo que ata o de agora. Para máis sobre estes cambios na contribución dos xogadores, ler máis abaixo.

Necesítanse diferentes perdas para diferentes posicións centrais para que exista un mellor equilibrio. Por exemplo, o centrocampista é máis poderoso que os outros dous sectores centrais hoxe en día, polo que se a perda non é maior que para os outros postos non habería suficientes incentivos para usar un extremo en vez dun terceiro centrocampista.

En resumo: A cantidade de contribución perdida é maior para os medios que para os dianteiros, e maior para os dianteiros que para os defensas. Tamén deberías saber que esta perda afecta á contribución total dos xogadores ás cualificacións do equipo. Non obstante, non afecta ós lanzamentos de balón parado (nin directos nin indirectos) ou ó nivel de táctica do equipo.

Promovendo equipos máis amplos e equilibrados
Hai un efecto secundario do principio de contribución que debes ter en conta: un mal central pode facer que as túas cualificacións sexan peores se os seus compañeiros de posición son moito mellores ca el.

Isto é porque a penalización da contribución tamén vai afectar ós xogadores nese aspecto. Isto quere dicir que a contribución engadida polo terceiro xogador ten que ser maior que a penalización para que se note. Non é algo do que te debas preocupar demasiado: se tes dous medios titánicos, o terceiro deberá ter un nivel tan baixo que nin sequera equipos na división X acostuman a aliñalos. Polo tanto, situacións como estas serán moi raras.

Isto tamén é algo lóxico e realista. Se eu, por exemplo, xogase con Iniesta e Xavi no Barcelona, probablemente empeoraría as cousas en vez de axudar, e iso que me considero un xogador bastante decente.

Aínda que isto non ocorrerá a miúdo, será máis importante que teñas un equipo máis amplo e equilibrado e que os teus suplentes sexan o suficientemente bos.

En resumo: Asegúrate de que os teus xogadores centrais non teñan habilidades moi diferentes e de que os teus substitutos sexan suficientemente bos. Un mal xogador central pode facer que as túas cualificacións baixen se os compañeiros cos que comparte posición son moito mellores.

Experiencia das formacións
Serás quen de ter experiencia en formacións como as 5-5-0, 5-2-3 e 2-5-3, e por outro lado agora a 4-4-2 será tratada igual cás outras formacións. As formacións extremas (máis de 3 centrais na defensa/medio/dianteira, como 7-3-0 ou 4-6-0) non será posíbel utilizalas de ningún xeito. Isto fará que non volvas ter risco de perder o adestramento por utilizar formacións extremas.

Ademais agora poderás acumular experiencia nas formacións uns poucos niveis por enriba de excelente (o máximo actualmente). O teu equipo non xogará mellor por iso, pero pode ser usado como unha especie de reserva para conseguir manter un bo nivel en moitas formacións ao mesmo tempo.

O nivel de experiencia nas formacións comezará en pobre para as novas formacións. Para a 4-4-2 comezará en excelente.

Resumindo: Podes obter experiencia para tres novas formacións, e a 4-4-2 será tratado coma calquera outra formación. Debería ser máis doado para o teu equipo manter a experiencia grazas á zona de reserva por riba de excelente.

Confusión
En canto ao tema do risco de confusión no campo a experiencia das formacións terá máis importancia e a propia experiencia global do equipo menos (pero sen perdela de todo). En concreto, unha experiencia alta do equipo non será garantía total para evitar a confusión.

O risco de ter confusión será máis alto canto máis baixa sexa a experiencia da formación (e a experiencia do equipo). Ademais, o nivel de confusión dos xogadores depende do nivel de experiencia na formación. Canto máis baixa sexa a experiencia da formación máis confusos estarán os xogadores.

Resumindo: A experiencia da formación será importante cando apareza a confusión, por outro lado unha experiencia alta do equipo non será garantía para evitar a confusión. O nivel de confusión dependerá do nivel de experiencia na formación.

Cambios na contribución dos xogadores
Para achegarnos ao noso obxectivo de mellorar o equilibrio entre as diferentes formacións tamén necesitamos facer algúns cambios na contribución dos xogadores. Algúns cambios son necesarios para mantener o actual equilibrio relativo entre medios e outras posicións que usan a habilidade de xogadas, deste xeito e como agora os medios teñen menos poder, conseguimos que non sexan máis importantes os extremos cara ao medio e os dianterios defensivos. Aquí está a listaxe completa dos cambios:

En xeral:
- Os defensas centrais e os dianteiros gañan máis poder. Esta ganancia é igual á contribución que perden os dous xogadores centrais. Ten en conta que isto non ocorre para os dianteiros defensivos (ver máis abaixo).

Xogadas:
- Os extremos, defensas centrais e dianteiros defensivos perden algo de xogadas (debido á razón mencionada antes).

Pases:
- Os dianteiros técnicos defensivos tamén perden algo dos seus pases no medio pero gañan un pouco nas bandas. En xeral, a perda é maior que a ganancia.
- Os dianterios defensivos, non técnicos, chegarán a aportar case o mesmo que os técnicos. A única diferenza será que os técnicos aportarán un pouco máis dos seus pases ás bandas.

Extremo:
- Os extremos, laterias e dianteiros (en especial os que estean cara á banda) farán un pouco máis de uso da súa habilidade de extremo, agás os laterais cara ao medio que a perderán.

Defensa:
- Os extremos ofensivos e defensivos utilizarán máis a súa habilidade de defensa.
- Os defensas centrais cara á banda contribuirán máis coa súa habilidade de defensa na banda.
- Os laterais defensivos perderán un pouco de defensa no medio.

Portería:
- Os porteiros contribuirán lixeiramente menos coa súa habilidade de portería, afectando tanto ás bandas como ao medio.

A razón para estes dous últimos cambios é debido en parte a equilibrar as forzas cando se teña un único defensa central. Quen xa sexa bastante forte (grazas á portería e aos laterais), cun só central bonifícase e se é aínda máis forte. Isto, por outro lado, fará que o uso de dous defensas centrais sexa bastante pouco atractivo, ou incluso innecesario.

Resumindo: Os defensas centrais e os dianteiros (non defensivos) terán unha contribución maior en xeral, igual á penalización que terán os dous xogadores centrais. A contribución dos pases para os dianteiros defensivos técnicos baixará, e ademais centraranse máis nas bandas que no medio. Os extremos, laterais e dianteiros beneficiaranse un pouco máis da súa habilidade de extremo. Os porteiros perderán lixeiramente a súa contribución de portería.
 
Server 071