Novas
10-5-2010
Editorial: O que nos agarda a vindeira tempada
Estamos diante dun final de tempada bastante tranquilo desta vez. O único que ocorrerá son dúas cousas das que xa vos avisaramos a pasada tempada:
- Supresión do adestramento Xeral
- Axuste de salario para os xogadores maiores
Atoparás máis detalles dentro, así como algúns dos motivos e outras novas de desenvolvemento.
Cando comecei a xogar a Hattrick en 1998 e durante algúns anos máis, ter xogadores con idade superior a 26 considerábase cousa de tolos e adestrar xeral era tirar os cartos. Hoxe pasa todo o contrario: é unha boa estratexia usar xogadores maiores (cunha boa relación salario-experiencia) e adestrar sempre xeral para mantelos nunha forma alta. En realidade, esta estratexia convertiuse en demasiado poderosa.
Aínda que encontro divertido que o adestramento xeral e os veteranos fixesen esta viaxe de aborrecidos a desexados, teño que dicir que coleccionar velliños como gran estratexia e tan divertido como considerar ós xogadores mortos ós 26 anos. Non hai diversión.
Usar xogadores maiores seguirá a ser unha alternativa viable, pero con estes dous cambios para a nova tempada, recortaremos algunhas das vantaxes desta estratexia. Como dixemos moitas veces, debería haber moitos camiños cara ao éxito, mais ningunha delas debería ser mellor cás outras.
Desaparición do adestramento Xeral
Ao comezo da vindeira tempada non se poderá escoller o adestramento Xeral nunca máis, terás que elixir outras opcións de adestramento. Inda que nos guste a idea de que os mánagers sexan quen de controlar a forma dos xogadores dalgún xeito, non debería ser posíbel facelo acotío semana tras semana. Por agora eliminaremos esta opción, pero pode volver nun futuro cun lavado de cara.
Respecto á forma excelente
Durante algún tempo non foi posíbel acadar a forma excelente sen o adestramento Xeral. Isto cambiará agora, e será posíbel conseguir esa forma excelente de novo.
Axuste dos salarios para os xogadores máis vellos
Subirán os salarios dos xogadores máiores (29 ou máis) en dúas etapas. Actualmente os xogadores maiores teñen un desconto anual por idade de 1/8 do seu salario normal. Na vindeira tempada será 1/9, e na posterior 1/10.
Isto significa que os xogadores realmente non terán un salario máis alto (mentres as súas habilidades sexan as mesmas). Eles terán un desconto por idade máis baixo do normal na súa vindeira actualización de salario (no seu aniversario).
Coma exemplo:
Daniel Castelao ten 28 anos e o seu salario son 80.000. Actualmente o seu desconto anual por idade é de 1(8 (80.000/8 = 10.000). Isto significa que o seu salario sería 70.000 cando faga 29, e de 60.000 cando faga 30, etc.
Usando o mesmo exemplo con un desconto anual de 1/9 sería 8.889, polo tanto o seu salario sería 71.111 con 29 e de 62.222 con 30. E co desconto anual de 1/10 serían 8.000, polo tanto 72.000 con 29 e 64.000 con 30.
Actualmente o último desconto que se lle dá a un xogador é cando fai 35 anos. A vindeira tempada, será cando pase a 36 e despois cambiará a 37. Ten en conta que calquera cambio nas habilidades afecta ao salario normal dun xogador, e polo tanto tamén ao seu desconto por idade.
Un xeito doado de saber os salarios da vindeira tempada para os xogadores maiores
Se só queres coñecer como vai afectar isto aos soldos dos teus xogadores maiores para a vindeira tempada, aquí tes un xeito doado de sabelo:
Pasar de 1/8 a 1/9 a vindeira tempada significa na práctica que os xogadores maiores verán como lles baixa o seu salario un 10% máis ou menos. Isto é independentemente de que teñan 29, 32 ou 35 anos, e tampouco importa o nivel dos seus soldos. É así para tódolos xogadores maiores. Se o salario dun xogador é de 100.000 antes do seu aniversario a vindeira tempada será de 90.000 cando sexa o seu aniversario.
E pasar de 1/9 a 1/10 a vindeira tempada significa na práctica o mesmo: máis ou menos un 10% de rebaixa sen que importe a idade do xogador. Se o soldo é de 90.000, logo será de 81.000.
O vindeiro sistema de empregados
No meu editorial da última tempada adiquei unhas verbas ao novo sistema de empregaod que actualmente se está a deseñar. Como é normal, teredes curiosidade por saber cando se introducirá. E inda que non podo darvos ningunha data concreta, pode que o que vai a continuación diminúa un pouco esas ansias:
O novo sistema de empregados será a seguinte gran reforma do xogo que se vai facer. Como moi cedo o novo sistema introducirase dentro de dúas tempadas ou incluso máis tarde. Xa vos iremos informando ao respecto.
Novidades xerais sobre o desenvolvemento
Xa nos trasladamos a Malmö e nestes momentos estamos a establecer a nosa nova organización. Levaranos un tempo adaptarnos e en parte esta é a resposta a por que non podemos darvos unha data concreta para a introdución do novo sistema de empregados. Simplemente é moi complicado dicirvos canto traballo seremos quen de levar a cabo durante este outono.
Queremos tamén deixar por un tempo os grandes cambios, en parte porque fixemos hai pouco algúns cambios e sería mellor que primeiro a cousa se estabilizara. E tamén en parte porque temos abertos outros proxectos (non do corazón do xogo) que en realidade desexamos cerrar agora antes de comezar con outros novos.
Durante este outono a idea prioritaria é pechar eses proxectos abertos (como por exemplo o CHPP), e tamén darémoslle unha atención extra a solucionar pequenos detalles que normalmente están pendentes por atender a temas "máis importantes".