Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

4-18-2014 Editorial: Un Hattrick onde cada encontro sexa importante

Queremos construír un Hattrick onde a competición e as vitorias conten máis para o éxito a longo prazo do teu equipo. Tamén queremos facer que máis encontros sexan relevantes, simplemente porque deste xeito é máis divertido. Aquí poderás botarlle unha ollada aos cambios nos que estamos a traballar para os vindeiros meses e o que queremos acadar con eles.
Comeza unha nova tempada e por fin podemos anunciar que xa entrou en funcionamento o novo sistema de empregados, un dos maiores cambios en Hattrick en moito tempo. Sabemos que aínda é cedo e que seguramente queda moito traballo por facer antes de poder dicir que o sistema de empregados que temos é exactamente como queremos que sexa, pero de momento é un bo comezo. Hai cousas novas no xogo e pensamos que para os managers será interesante adaptarse a elas e, ademais, farán o xogo en xeral máis divertido. E nós, como programadores, tamén podemos por fin descansar un pouco a cabeza despois de meses escribindo código, facendo probas e definindo novos proxectos e obxectivos para o xogo.

Se tivésemos que escoller unha unha cousa que caracterice a visión que temos agora do Hattrick, despois de que recuperásemos o xogo o ano pasado, sería a nosa determinación de revisar as necesidades e posibilidades do núcleo do xogo e de preguntarnos a nós mesmos que podemos facer para satisfacelas e aproveitalas ao máximo. Anteriormente, moi a miúdo tentamos evitar tomar decisión comprometidas acerca do xogo, engadindo sistemas sobre o núcleo do xogo en vez de facer os cambios necesarios dentro do mesmo. Pero isto non vai volver pasar. Este ano temos as miras postas en comezar a reinventar o núcleo do sistema de competición de Hattrick, empezando pola liga.

Queremos facer que cada encontro sexa importante, para tantos managers como sexa posible. Queremos facer a actual competición en Hattrick máis excitante e darlle máis significado, para tantos equipos como sexa posible.

O primeiro cambio, que xa podemos anunciar agora mesmo, é que imos renovar completamente o sistema de ascenso para as ligas inferiores. Ademais dos postos de ascenso e descenso directo, introduciremos encontros de promoción para un maior número de equipos das ligas inferiores (nivel 6 en diante). Este cambio está deseñado para conseguir que haxa máis partidos importantes durante un período máis longo da tempada. Deste xeito, tentamos tamén facilitar e axilizar o ascenso dos equipos máis ambiciosos no sistema de ligas. As liñas que marcan os postos de promoción xa se poden ver nas táboas de clasificación, en calquera caso, aquí tes un resumo dos detalles:

Divisións V e superiores: Ningún cambio.
División VI: Os equipos que rematen nos postos 5º e 6º agora xogan a promoción de descenso.
División VII: Os equipos que rematen nos postos 3º e 4º agora xogarán a promoción de ascenso, e os equipos dos postos 5º e 6º a promoción de descenso.
División VIII: O equipo que remata no 2º posto xogará a promoción de ascenso. Os equipos dos postos 5º e 6º, xogarán a promoción de descenso.
División IX: As mesmas regras que para a división VII.
División X: As mesmas regras que para a división VIII.

E así sucesivamente.

Como anteriormente, tendo en conta que os equipos bots son eliminados ao finalizar a tempada, poden aparecer postos de promoción adicionais. Ademais, eliminaremos o vello sistema no que manualmente debías facer un seguimento de se, a pesares de rematar no terceiro posto, podías ter acceso a un ascenso. En troques diso, faremos un sorteo de repesca no que escolleremos un número de “perdedores afortunados” de entre os equipos que perderan os seus partidos de promoción. Este sorteo de repesca terá lugar o luns despois dos partidos de promoción e non é posible que ningún equipo renuncie a participar nel (seareiros, xogadores e patrocinadores non aceptarían esa decisión)

Outro cambio que podemos anticipar é que ademais de tódolos novos partidos de promoción que se xogan ao final da tempada, abriremos a posibilidade para todos os interesados de xogar amigables durante as semanas 15 e 16. Deste xeito, non existirá máis a vantaxe de optimizar o adestramento xogando partidos de promoción. Xa era hora!

Inda máis, os premios en metálico tanto pola copa como a liga veranse incrementados. A nosa intención é que sempre debería compensar economicamente xogar nunha liga máis avanzada, e que a todas luces isto se debe reflectir tamén nos premios en metálico. Ampliaremos a información sobre estes premios máis adiante, durante a tempada.

Ademais das promocións e os premios en metálico, tamén traballamos en formas de mellorar o xeito no que as ligas se crean e os equipos se enrólan nelas. Xa esta tempada ampliamos o número de equipos que tiñan a posibilidade de cambiar manualmente de división durante a pretempada, deixando atrás aburridos bots e pasando a xogar unha liga formada por vellos camaradas, por exemplo. A pasada tempada máis de 7000 equipos de Hattrick elixiron esa posibilidade que ofrecemos para tornar a experiencia do xogo en algo máis divertido, e estaremos encantados que sexan aínda máis equipos no futuro. Isto xa é posible nas tres divisións máis baixas de cada liga. Con todo, seguimos buscando formas de que as interaccións sociais sexan un principio de organización para as divisións máis baixas, nas que pensamos que xogar contra outros usuarios activos pode ter un valor engadido. Para as divisións máis altas todo permanecerá como até agora, sen a opción de que os equipos elixan a súa liga.

Xa que logo, esperamos teñas moita ilusión polo comezo da na nova tempada de Hattrick. Nós devecemos por que empece!
 
Server 070