Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

9-26-2014 Editorial: O próximo: Un Hattrick móbil máis xeitoso

Vai sendo hora de revisar e tamén revelar a nosa folla de ruta para o Hattrick. Agora que xa lanzamos un bo feixe de novidades relacionadas co xogo en si —como por exemplo o novo Sistema de Empregados ou o novo sistema de Copa—, agora decidímonos a resolver dunha vez por todas o problema do acceso móbil ó Hattrick. O noso meirande proxecto para o outono será a nova web móbil do Hattrick, así como as aplicacións para plataformas como iOS e Android. Nin que dicir que todo é de balde.
Ó longo dos últimos anos quedou claro que a "web móbil" foi collendo moita importancia e que nos achegamos rapidamente a un tempo onde máis e máis xente vai usar o Internet dende teléfonos e tabletas en vez de facelo dende ordenadores de sobremesa ou portátiles. Isto sabémolo por experiencia propia, abofé que si, pero tamén o podémos ver nas estatísticas da páxina de Hattrick: o tráfico móbil segue a aumentar, e o tráfico total "de escritorio" segue a minguar. E aínda que a nosa web actual vai bastante ben no navegador dun smartphone, está moi lonxe de ter sido deseñada pensando nun móbil. Isto é algo que queremos cambiar nos próximos meses.

Primeiro de todo, non imos cambiar a nosa web actual, senón que imos desenvolver unha nova páxina —que substitúa a nosa actual m.hattrick.org— que vai simplemente ser outro xeito de acceder ó mesmo xogo de sempre. Pero esta páxina vai estar optimizada para pantallas pequenas e interfaces táctiles, e isto tamén se vai traducir en aplicacións axeitadas para as principais plataformas de smartphones. Sempre quixemos que o Hattrick fose un xogo fácil de xogar e de acceder cando tes un ratiño libre, e hoxe iso significa que temos que ter as nosas propias aplicacións.

Non vai ser posible ter todas as funcionalidades da páxina principal na interface do móbil, polo menos non na primeira versión. Sabemos xa que as conferencias, as seleccións nacionais e outras cousas que teñen relación coa comunidade as imos deixar fóra nun principio. Pero si vai ter máis funcionalidades que a aplicación actual do Hattrick, e todo o que precisas para manexar o teu equipo vai estar aí.

Entón, por que agora, e que vai significar para as aplicacións actuais como son as propias do Hattrick para iOS e Android, ou á variedade de aplicacións CHPP?

Pois ben, a razón pola que o imos facer agora é que isto é máis necesario que nunca, e temos bastante claro que a experiencia de usuario simplemente non é boa dabondo no Hattrick hoxe en día. Precisamos comezar cun novo deseño que teña só en conta o móbil. As aplicacións propias do Hattrick para iOS e Android deixarán de ter soporte e serán substituídas polas novas, por suposto. Comezaremos por iOS e Android, pero as outras plataformas irán de seguido. En canto ó CHPP, imos continuar asistindo os desenvolvedores externos para que fagan aplicacións específicas tanto para móbil como para escritorio.

Entón, cando se espera ver algo máis do novo Hattrick móbil?

Temos pensado lanzalo a finais de novembro. Neste último mes temos estado a tope programando as funcionalidades básicas para a nova plataforma. En outubro imos empezar a implementar o novo deseño, e a principios de novembro comezaremos coas probas. Ata o de agora as cousas van segundo o planeado, pero aínda non queremos dar unha data exacta. Con todo, é o noso humilde desexo que xa neste Nadal poidas estar sentado nunha boa paparota familiar, exercendo un control total sobre o teu equipo de Hattrick dende o teu smartphone, sen ter que deixar a mesa entre prato e prato para ver como vai o teu partido de liga. Como un rei!

Permanecede atentos ás próximas novas, na mesma bathora e no mesmo batcanal.

O equipo do HT
 
Server 071