Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

2-12-2016 Editorial: O Novo Visor de Encontros e Algunhas Cousiñas Máis

Traémosche novas fresquiñas sobre a nosa folla de ruta. O noso meirande proxecto para esta primavera vai ser unha renovación do visor dos encontros. Tamén che contaremos un feixe de pequenas cousas que temos no forno, e te poremos ó día do estado da economía do xogo.
Este ano pasado levamos a cabo cambios nas aportacións e o sistema de empregados, para así equilibrar un chisco o xogo e estabilizar a economía do mesmo. Dende entón temos traballado moito rescribindo o código que fai traballar a nosa simulación do encontro, así como pasándoo a un contorno de desenvolvemento máis actual. Como usuario, non vas notar moito cambio a curto prazo, pero para o noso equipo de desenvolvedores, isto vai significar poder engadir novas funcionalidades e tamén atopar erros dun xeito moito máis sinxelo. Con estas melloras, o noso sistema será máis accesible para os novos desenvolvedores, e menos frustrante para a xente que traballa dentro do Motor do Xogo.

Estas melloras farán posible o noso meirande proxecto para esta primavera, algo ó que levabamos moito tempo querendo meterlle o dente. Estamos a traballar nunha renovación do visor dos encontros. Imos atopar o xeito de facer uns reportes máis cheos de acción, suspense, información e cun chisco máis de interactividade. Noutras palabras, festa rachada durante as dúas horas que pases diante do teu ordenador vendo o encontro. O noso obxectivo é deixar os reportes como cremos deberían ter sido dende o principio—...e non, non imos implementar ningún visor 3D.

O novo visor do encontro vai ser máis visual e dar máis "sensación de directo" que o actual. Imos tentar sacar o máximo partido dos datos do encontro, presentando información sobre aspectos do xogo que non eran reportados ata o de agora. Queremos tamén contextualizar máis o encontro en cadansúa competición e todo o que a rodea—na liga, na Copa e coas táboas de clasificación. Temos unha visión de onde queremos chegar, que non plasmaremos por completo neste primeiro visor. Pero pensamos que este primeiro lanzamento—que cremos que sairá a comezos do verán—vai molar bastante e mellorará o que temos agora.

Ademais, temos un feixe de pequenos proxectos.

Dende o comezo da tempada que vén, imos suprimir os últimos restos do antigo "botarse atrás" (pullback), que será totalmente substituído polas novas e máis predecibles dinámicas do xogo. Para saber máis detalles sobre o comportamento dos equipos cando aumenten ou disminúan unha vantaxe decisiva, por favor bótalle unha ollada ó manual

Outro pequeno cambio que entrará en funcionamento unhas semanas máis tarde do comezo da tempada é que volveremos a mostrar os niveis por riba de Caralludo. Polo tanto, a partir de agora un nivel por riba de Caralludo mostrarase como Caralludo (+), dous niveles como Caralludo (++), e tres ou máis niveles como Caralludo (+3), Caralludo (+4) e así ata o infinito e máis alá. Un cambio ben caralludo.

O sistema de apadriñamento vén mostrándose moi eficaz na retención dos novos xogadores, polo que imos darlle unha nova volta para manter a padriños e apadriñados máis motivados no xogo.

Imos tamén facer melloras nas seleccións, baseándonos na lista que votaron os seleccionadores nacionais. Os cambios máis importantes serán que os adestradores da selección xa non serán antigos xogadores, senón que todas as seleccións terán acceso ás mesmas opcións de adestrador e ó novo Auxiliar Táctico que lanzamos o pasado verán. Isto parécenos máis xusto. Imos crear tamén unha xanela de ordes do encontro, catro horas antes do comezo, na que todos os cambios na aliñación serán invisibles para todos menos para o seleccionador. Isto será de gran axuda ós seleccionadores das zonas horarias onde os encontros de seleccións se xogan de noite. Imos tamén engadir cualificacións en directo para os encontros de seleccións, e unha ligazón para que todos os usuarios poidan promocionar a súa selección cando estea xogando.

Por último, queremos falarvos dos últimos cambios na economía. O balance entre os ingresos e os gastos dos equipos está agora equilibrado, por causa, sobre todo, do novo sistema de empregados. Cremos que isto, xunto co cambio das velocidades do adestramento que o novo sistema de empregados provocou, van ter un impacto positivo no mercado de traspasos a longo prazo. Polo de agora estamos contentos co que estamos a ver, e non temos planeado cambios, pero como sempre, seguimos a ter un ollo enriba da economía.
 
Server 070