Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

8-8-2016 Editorial: Presentando o novo Visor de Encontros

Hoxe presentamos o novo visor de encontros, o noso meirande proxecto deste ano. O noso obxectivo foi redeseñar por completo a túa experiencia cando vexas o encontro en directo, facendo máis emocionantes os reportes, e proporcionando máis datos sobre o encontro, e ademais a posibilidade de actuar con outros usuarios por medio da nosa parola. Todo isto irá acompañado dun deseño totalmente renovado.
A cor do Hattrick é o informe do encontro. Dende hai 20 anos, este vagaroso informe de texto tivo unha sorprendente aceptación entre os nosos usuarios, e moitos de nós aínda hoxe seguimos os nosos encontros en directo pola web, aínda que teñamos complementos como a app do móbil ou as notificacións de texto. Ó longo dos anos resistimos a tentación de facer un visor 3D que fose simplemente un complemento estético do motor do xogo, xa que pensabamos que os nosos usuarios se aburrirían pronto del. Se nos decidiamos a mellorar a experiencia, tiña que ser dun xeito que sacase partido das fortalezas do Hattrick como xogo, e non con fantochadas.

NOVOS REPORTES

Polo tanto, decidimos redeseñar os reportes. Imos engadir comentarios totalmente novos, que serán exclusivos da versión en directo, nos que os eventos serán reportados segundo a segundo. Estes eventos estarán interconectados, polo que haberá eventos que comecen do mesmo xeito pero non rematarán igual. Nunca saberás o que vén despois!

Tamén engadimos unha nova clase de eventos, nos que o comentarista fala do contexto do encontro —como por exemplo, como lle afectará unha victoria ou unha derrota ás posibilidades do equipo de gañar o título, ou cando algún xogador chegue a unha cifra remarcable (como poden ser 100 encontros xogados no mesmo equipo). Isto vai ser unha morea de información nova, que aínda que non é crítica como para incluíla no informe post-partido, si pode profundar na experiencia en directo. O noso obxectivo foi reducir os tempos mortos durante os partidos onde nada acontecía.

Moitos eventos foron redeseñados para facelos máis acordes co directo. Por exemplo, os informes sobre a duración exacta das lesións iranse revelando durante o partido, así como a asistencia exacta ó encontro.

O resumo post-partido —máis concentrado— seguirá como hoxe en día, e o informe en directo será máis rico e máis informativo, pero non se gardará máis dunha semana dende que o encontro é xogado.

O DESCONTO

Fixemos a transición entre os diferentes tempos un chisco máis fluida, engadindo tempo de desconto. Cando o encontro teña moitos eventos, o árbitro engadirá uns minutos adicionais ó encontro. Tamén haberá unha pequena posibilidade de que os eventos que normalmente acontecen durante o encontro aparezan neste tempo de desconto. O tempo engadido indicarase cando o tempo regulamentario estea a piques de esgotarse.

AMOSAR TODAS AS OCASIÓNS

Ata o de agora, non todas as ocasións eran reportadas. No novo visor de encontros, seremos máis xenerosos e amosarémolas todas. Para os usuarios que non sigan o directo, haberá información completa das ocasións no informe post-partido.

O VISOR DO CAMPO

A peza principal do novo visor vai ser a vista en perspectiva do campo, na que verás en todo momento ós dous equipos, os xogadores e a formación actual. Tamén haberá gráficos para as condicións atmosféricas, o banco dos suplentes, e para amosar onde estea a acontecer o ataque. O campo terá tres lapelas, nas que poderás ver as formacións, as cualificacións e as estrelas dos xogadores, respectivamente. Todas estas estadísticas serán en directo.

OS CARTÓNS

Ó clicar o nome do xogador ou do equipo dentro do novo visor, agora terás estatísticas actualizadas de goles, cartóns e lesións —no canto de ir a unha páxina estática, como acontecía antes. Isto darache a posibilidade de comprobar a situación dos teus xogadores sen deixar o visor.

SEGUINDO OUTROS ENCONTROS

Coma de cotío, poderás seguir varios partidos co visor. Imos engadir suxestións de encontros que che puidesen interesar, como os da selección nacional da liga na que xogues ou outros partidos do teu grupo. Cando abras un encontro no visor, verás os resultados actuais dos equipos que esteas a seguir directamente por enriba do visor do campo.

A PAROLA

A parola deixarache falar con outros mánagers que estean en liña ó mesmo tempo ca ti. As parolas estarán ligadas ó encontro ou á competición que se estea a xogar. Aínda que sempre poderás ler a parola que esteas a seguir, só poderás escribir se eres parte desa competición. Todos os mánagers do teu grupo compartirán a mesma parola, polo que poderás falar con eles (pero non cos mánagers doutros grupos). Na copa, nas primeiras roldas, cada encontro terá unha parola, para logo en roldas superiores abrilo a todos os mánagers que sigan no torneo. Nos torneos privados, todos os participantes poderán falar entre eles. A parola da web estará sincronizada coa do móbil, polo que poderás continuar nun lado a discusión que comezaches noutro.

COMO FAREMOS O LANZAMENTO

O novo visor ven dando unha boa chea de traballo, especialmente coa tradución dos eventos —foron rescritos polos nosos caralludos LA's, quen traduciron os novos eventos a todas as linguas. Aínda así, non foi posible que todos os equipos de LA completaran a tarefa a tempo deste primeiro lanzamento, polo que fixemos o lanzamento de cada lingua flexible.

Cando visites o novo visor, sairache automaticamente na túa lingua predefinida, se esta está xa dispoñible. Se non, darache a opción de escoller o inglés ou outra lingua que elixas. Isto aplicarase só no visor, polo que poderás seguir gozando do xogo no teu idioma predefinido. Cando a túa lingua estea lista no visor, aplicarase automaticamente, sen que teñas que facer nada máis.

Se prefires NON usar outra lingua temporalmente, poderás tamén seguir usando o novo visor, pero empregando os reportes de toda a vida (que agora chamaremos reportes post-partido) no canto dos novos eventos en directo.
 
Server 070