Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

10-22-2016 Editorial: Novidades da folla de ruta do Hattrick

Estamos traballando en varias novidades para este outono. Os sistemas de xuvenís recibirán varias melloras (que falta lles facían), as lesións serán máis dinámicas e lanzaremos unha chea de variacións dos eventos para o novo visor de encontros, de xeito que os reportes sexan todavía máis substanciosos.
O novo visor de encontros que estreamos este verán foi un éxito total: o número de encontros que se ven en vivo cada semana aumentou un 20%. Tamén estamos moi agradecidos polos vosos comentarios e suxerencias en canto O’laboratorio, que vos axuda a analizar os vosos rivais para escoller a mellor estratexia posible. Se aínda non probastes estas ferramentas non sei a que agardades!

O traballo non para nas oficinas do Hattrick e xa estamos argallando máis melloras. Fai unhas semanas celebramos a nosa reunión trimestral para decidir o plan de traballo dos vindeiros meses. Desta volta, imos dedicar o noso esforzo a unha serie de pequenos proxectos.

Sistemas de xuvenís

En primeiro lugar, darémoslle un repaso xeral ós sistemas de xuvenís. Queremos que o manexo da Academia de Xuvenís sexa máis cómodo, polo que amañaremos algúns problemiñas da interface e engadiremos novas posibilidades, como un análise financieiro co que poderedes comprobar a rendibilidade da vosa canteira.

Tamén revisaremos o desequilibrio entre os dous sistemas, coa intencíon de facer menos evidente a elección entre un e outro sistema do que é hoxe en día. Non falamos dunha reforma, senón dunha serie de axustes e melloras que aplicaremos antes da próxima tempada.

Cambios nas lesións

Imos engadir contexto ás lesións e facelas máis interesantes. O motor dos encontros terá en conta o tipo de lesión que sufre un xogador, o que servirá para que este tipo de eventos sexan máis detallados. Por outra parte, algunhas veces teredes que pensar moi ben se incluír un xogador no once dependendo do estado da súa lesión. Tamén melloraremos neste proxecto o cálculo estimado da duración das lesións.

Visor de encontros

Co engadido de novas variacións dos eventos existentes, a próxima tempada este proxecto estará completo – isto significará unha gran mellora na experiencia global do encontro. Confiamos que para a nova tempada teremos traducidas máis linguas.

Algunha cousiña máis…

Nalgúns encontros xogados en campo neutral de Copa, Masters ou Mundial, instalaranse localidades provisionais para que ningún seareiro se quede fóra se a capacidade do estadio non é dabondo. Isto pode pasar se o dono do estadio reduciu o seu aforo recentemente ou se a distribución dos distintos tipos de asento non é axeitada, de xeito que moitos afeccionados non poidan entrar resultando nun prexuízo económico para os equipos. Este amaño xa se aplicou e probou en Tanzania.

Tamén nos gustaría sinalar que a mención ó “Peor Xogador” desaparece, mentres que a do “Mellor Xogador” agora terá en conta as accións determinantes do encontro.

Por último, traballaremos en novas opcións de Hattrick Gears, os pequenos extras que se poden mercar con Credits. Revisaremos tamén a experiencia dos novos xogadores cunha serie de pequenas melloras.

Isto é todo por agora! Grazas por lernos.
 
Server 070