Novas
8-30-2017
Editorial: Vinte anos do Hattrick!
Imos vellos, rapaz... ou seica non tanto! O Hattrick cumpre hoxe 20 anos. Ademais dun vicio en forma de mánager de fútbol que ocupa parte da nosa xornada laboral e provoca discusións coas nosas mozas, o Hattrick éche un dos xogos online máis lonxevos do mundo—toda unha vella gloria do Internet. Cremos que é algo do que todos deberiamos estar orgullosos, e como non, celebralo como merece! Hoxe ímosche desvelar un feixe de cousas, e continuaremos coa festa ata o final desta tempada.
A semana pasada lanzamos a nova páxina de aliñacións, onte fixemos o propio coa marcaxe ó home—que estará xa dispoñible nos encontros de Torneo—, e hoxe lanzamos unha nova páxina de inicio para celebrar o aniversario. E isto quere dicir que hai un bo feixe de novidades esperando a ser lanzadas durante esta tempada.
Pero hoxe, para celebrar o aniversario, temos unha morea de novas funcionalidades centradas nos vellos tempos! Quixemos facer que a historia do Hattrick sexa representada mellor, e facela máis viva, tanto para os mánagers individuais, como para o xogo en xeral.
Logros da carreira como mánager
Sentiches algunha vez que Hattrick non recoñeceu o teu leal servizo como mánager? Vale, pode ser que teñas razón. Hattrcik ten un gran número de usuarios leais que levan 5, 10 e ata 15 anos connosco—nalgúns casos ata 20 anos! Isto vai a ser recompensado con logros, eventos de partido polo aniversario como mánager e insignias opcionais que poderás engadir ó teu avatar. Tamén engadimos avisos en directo no xogo cando se obtén un logro.
Historial como mánager
Para aqueles que dirixistes varios equipos no xogo, engadimos un historial como mánager no voso perfil, no que se poden ver as estadísticas de liga e copa para os antigos equipos.
Salón da fama máis sinxelo
Algúns xogadores xa non forman parte do teu equipo, pero aínda son lendas que deben ser recordadas. Agora poderás poñer un xogador no teu Salón da fama aínda que xa estea no salón de outro equipo, sempre que cumpra os requisitos no teu club. Tamén poderás nominar xogadores en activo noutros equipos e, cando estes os envíen ao Salón da fama, sexan despedidos ou acaben nun equipo inactivo, serán enviados ao Salón da fama do teu equipo!
Trofeos
Se es un mánager serio que xogou durante moito tempo, de seguro que tes trofeos a moreas. Para estas persoas, engadimos un editor que permite organizar os trofeos da maneira que desexes.
Copas da túa quinta
Durante esta tempada de aniversario, celebrarase o torneo de escada A Gran Xuntanza, para todos aqueles usuarios que volveron a Hattrick durante a nosa campaña de reinvitación. Continuaremos con unha nova copa ao final desta tempada, que será un torneo internacional e gratuíto que se xogará nas pretemporadas e enfrontará a todos os mánager que comezaron no Hattrick a canda ti. Non será unha competición oficial, pero xogaraste a honra da vitoria!
Algo máis?
Estamos traballando en unha nova páxina de adestramento, que sairá á luz durante a primeira metade desta tempada. Tamén seguimos o traballo coas novas especialidades e eventos especiais, das que teredes noticias moi pronto. Finalmente, temos varias cousas máis que farán deste outono unha estación moi emocionante!