Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

6-3-2020 Editorial: A nova e lustrosa Copa do Mundo de Hattrick

En xaneiro do 2021 lanzaremos un novo formato para as competicións de seleccións nacionais do Hattrick. O novo sistema será máis flexible, permitindo participar a tódalas ligas de Hattrick. Este sistema introduce tamén as Copas Continentais, o que significa que haberá campións das Américas, de Europa, de África e de Asia/Oceanía no futuro.
Como moitos sabedes, as seleccións nacionais son unha forma fantástica de que as distintas comunidades compartan un proxecto común: subir xuvenís da academia, adestralos e despois escoller un manager que poida facer da selección un equipo gañador. Para moitos usuarios esta é a parte máis divertida de Hattrick. A realidade é que nos gustaría que máis de vós coñecerades este recuncho, o cal é un obxectivo que nos plantexamos a longo prazo.

Ao largo do ano pasado xa estreáramos algunhas ferramentas novas para os seleccionadores nacionais como parte desta renovación. Estes poden nomear a un segundo adestrador e a olladores para axudarlle nas súas tarefas, ademais de poder crear listas moi elaboradas para seguir aos mellores xogadores do país. Agora é o turno da peza máis importante do crebacabezas: o novo formato da propia competición.

Tendo en conta que a planificación a longo prazo é unha parte primordial para as seleccións nacionais e os seus mánagers, queremos que vos quede moi clariño o funcionamento do novo sistema. Hoxe presentamos tódolos detalles para o novo formato da Copa do Mundo, aínda que non terán efecto ata xaneiro do 2021.

O que ven a continuación é un breve resumo do novo sistema da Copa do Mundo; tódolos detalles poden atoparse nos manuais actualizados para as seleccións.

Copas Continentais

América, África, Europa e Asia/Oceanía terán os seus propios torneos, tal e como ocorre na vida real. As Copas Continentais xogaranse na primeira tempada do ciclo da selección nacional, inmediatamente despois de que o novo seleccionador colla o mando. Tódalas seleccións do Hattrick terán garantida a súa participación na súa Copa Continental, que ademais funcionará como método de clasificación para a Copa do Mundo. A Copa Continental xogarase en grupos de 6 equipos, con partidos en casa e fóra, durante 10 semanas. Os mellores 8 equipos da fase de grupos acadarán as eliminatorias, que decidirán o campión continental.

Outro dos cambios é que durante esta Copa Continental as horas dos partidos se establecerán en función das horas locais—non necesitarán estar despertos durante o "prime time" europeo, como ocorre actualmente.

A Copa do Mundo

Dependendo dos resultados nas Copas Continentais, algúns equipos se clasificarán directamente para a Copa do Mundo, mentres que outros terán que xogar unha repesca para intentar conseguir unha praza. Os resultados das Copas Continentais tamén decidirán a formación de grupos nesa Copa do Mundo. Un total de 96 equipos participarán na Copa do Mundo, que comezará na semana 13 da primeira tempada. Os grupos da competición decidiranse a través dun sorteo en rigoroso directo.

A Copa do Mundo continúa durante toda a segunda tempada. Divídese en 5 fases de grupos, seguidas das semifinais e a final.

O Mundialiño

Os equipos que non se clasifiquen para a actual Copa do Mundo xogarán un torneo de consolación chamado "O Mundialiño", que terá lugar ao mesmo tempo que a Copa do Mundo.

O novo sistema da clasificación xeral das seleccións nacionais

Os resultados de tódalas competicións afectarán á clasificación xeral das seleccións nacionais, un listado que decide a formación de grupos para as próximas Copas Continentais. Deste xeito, tódolos partidos serán de vital importancia para as seleccións nacionais, incluso se non son capaces de ter opcións de clasificarse debido a un mal comezo. Queremos que os equipos sempre loiten por algo para que den o mellor que teñen.

Novos límites de idade: a U20 pasa a ser U21

Coma hoxe en día, haberá unha selección nacional para xogadores senior e outra para xogadores máis novos, ambas con adestradores e calendarios distintos. Nembargantes, estamos facendo cambios para limitar as idades dos xogadores que poidan ser escollidos para as seleccións.

A selección U20 converterase na selección U21, na cal os xogadores comprendidos entre os 19 e os 21 anos poden formar parte del. Os xogadores menores de 19 poden ser futuribles da selección nacional, pero non seleccionados para xogar.

Ademais, estamos introducindo un límite de idade para a selección nacional senior de 22 anos—en adiante.

O novo límite de 19 anos para as seleccións U21 terá efecto inmediato. O límite de 21 anos, polo contrario, non se fará efectivo ata maio de 2021. Estamos introducindo os límites de idade paso a paso para facer as transicións máis suaves para os equipos con plans activos.

A federación da selección nacional—á que todos podemos unirnos de balde

Un dos nosos principais obxectivos é facer que as seleccións nacionais sexan unha experiencia máis atractiva para o "usuario medio"; xente que podería estar interesada só en seguir os partidos da súa selección nacional, ou quizais tratando de adestrar a un xogador para ser futurible. Se cadra, o mellor modo de impulsar este interés é ser parte da federación da túa selección nacional, algo que ata o de agora só podían facer os Supporters. Durante a próxima tempada comezaremos a ofrecer a todos os usuarios ese acceso libre á federación da selección nacional do seu país, tanto se es Supporter coma se non o es! Permanecede atentos ás novas sobre este tema, xa que é algo que falaremos antes cos propietarios das federacións que teñen que ver coas distintas seleccións nacionais.


E algo máis: o noso agradecemento á comunidade

Aparte dos cambios máis profundos, imos a trocar unha morea de pequenas cousas; cousas que probablemente só lles interese aos seguidores máis acérrimos das seleccións nacionais. As seleccións nacionais terán a súa propia bolsa de amistosos, haberá máis flexibilidade para os seleccionadores nacionais recentemente elixidos para cambiar formacións sen ser penalizados e estamos aumentando a transparencia dos candidatos durante os períodos de eleccións. Tamén estamos reducindo a cantidade de experiencia que un xogador recibe por xogar un partido coa sua selección, aínda que isto será compensado co maior número de partidos que xogarán os combinados nacionais cada tempada. Moitas destas ideas, así coma unha morea de suxerencias sobre o novo formato da Copa do Mundo, chegaron a nós a través de debates durante todo o último ano con seleccionadores nacionais actuais e pasados ós que invitamos a un fío exclusivo. Agradecemos a todo aquel que participou naquel fío pola súa paciencia e a súa incansable enerxía para tratar de mellorar o formato.

Estamos moi contentos co resultado, con moitas gañas xa de que chegue o 2021 para velo en marcha.

 
Server 070