Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

3-19-2021 Editorial: Folla de Ruta 2021, parte 2: É a economía, neno!

Na editorial de onte, falamos das funcionalidades que imos sacar para a tempada que ven. Neste ímonos centrar na economía. Queremos ir cara un sistema máis dinámico con estabilizadores automáticos, e co obxectivo de darlle ó usuario a posibilidade de tomar máis decisións na súa viaxe de usuario.
Como íamos dicindo, xa no outono comezamos a facer unha revisión da economía do xogo. Isto foi a raíz dos cambios previstos para atallar a problemática cos Futuros Adestradores, cambios que finalmente foron cancelados.

Esta problemática xurde do feito que moitos equipos invisten en xogadores con liderado alto aínda que non xoguen. Isto débese a que estes xogadores non baixan de valor cos anos, polo que son un bo activo de refuxio, ó escaparen das fouces do sistema de Reservas.

Para arranxar isto, a nosa primeira proposta foi subir o prezo de conversión a adestrador, o que mataría o mercado dun día para outro. Isto amosou ser un pouco drástico de máis, polo que achantamos. E aínda por riba, esta medida non ía senón facer que outros tipos de xogadores se converteran no novo activo de refuxio. Polo que marchamos a cama para consultar as cousas coa almofada (e coa dona).

Cando creamos as Reservas Da Xunta Directiva, o obxectivo é que fose unha devesa para que os equipos máis ricos non puidesen gastalo todo dunha sentada, facendo un equipo galáctico no medio da tempada. Seguimos a pensar que isto ten sentido, pero a aparición de activos de reserva fíxonos reflexionar, xa que isto adoita ser un síntoma de que as restricións de mercado sonche restritivas de máis, o que fai aparecer un mercado paralelo ou mercado negro—como ben saberán os consumidores de mercancías restrinxidas pola lei.

No canto disto, queremos cambiar cara un sistema onde a Xunta aínda teña o seu papel absorbendo os excesos de caixa, pero que por outra banda se poida acceder a eses cartos dun xeito ordenado.

O primeiro paso será unha nova mecánica na que a Xunta se quedará cunha porcentaxe das ventas de xogadores que non teñan xogado moito últimamente. Isto afectará non só a Futuros Adestradores, senón a calquera xogador que leve moito tempo sen xogar.

Para cada xogador que teñas no equipo, terás a opción de ver a porcentaxe que te quedarás en líquido se o vendes, canto irá á Reserva. Os xogadores que xoguen acotío non se verán afectados, nin tampouco as fichaxes recentes ou os xuvenís ascendidos fai pouco.

Pero cando teñas un rapaz que leve xa tempo no equipo sen xogar, a Xunta vai deixar de telo en conta e non vai incluír no presuposto cartos para reemprazalo. En canto ás lesións, a Xunta non terá en conta as lesións cun tempo definido e non descontará nada por elas, pero os xogadores con lesións ilimitadas si que contarán no caso dunha venta. Vamos, como se o teu rapaz morrera ou liscara ó entroido sen billete de volta.

Exemplos:

1) Compras un xogador e o vendes xusto despois, dándolle tempo a xogar un encontro. O 100% dos ingresos (descontando comisións) estarán dispoñibles en efectivo, non indo nada a reservas.

2) Vendes un rapaz do teu equipo que nas últimas catro semanas xogou sempre menos de 60 minutos, non superando nunca esa cifra. O 24% dos ingresos despois de comisións irán á reserva, e o resto estará dispoñible en efectivo.

3) Un dos teus titulares comeza a frecuentar o banquiño. Por cada dúas semanas que xogue menos de 60 minutos nalgún encontro, precisará outras tres semanas xogando 60 ou máis minutos na liga ou na copa para volver á porcentaxe de partida. E se só xoga amigables, levaralle 6 semanas recuperalo.

Deste xeito, a porcentaxe de efectivo que recibirás da venta dun determinado xogador cambiará dunha semana a outra. A Xunta non cheirará un can se vendes un titular, pero podería quedarse ata cun 100% se vendes a un xogador que leva tempo sen xogar máis dunha tempada.

Este novo sistema entrará en vigor para a tempada que comeza en agosto de 2021.

Queremos salientar que cando os cartos vaian parar á Xunta, non son cartos que vaias perder. Imos desenvolver novos xeitos de relacionarte coa xunta e acceder ó diñeiro, polo que se tes unha boa relación coa Xunta, esta cooperará máis e soltará máis cartos. Como na vida mesma.

Isto enlaza coa nosa monitorización da economía. Nos últimos anos, o nivel de prezos ten subido de xeito constante, e aínda temos un exceso de cartos fluíndo na economía. Esta inflación provocou entre outras cousas que moitos equipos aforrasen de máis, xa que os equipos non teñen onde gastar os cartos.

Os ingresos no Hattrick son maiormente fixos, mentres o custo salarial son variables e dependen das decisións do usuario. Temos poucos mecanismos que equilibren a economía, como si que pasa nunha economía real.

O obxectivo do Hattrick non é ser unha simulación extremadamente realista da economía real, senón ser un xogo divertido e accesible. O problema que vemos coa economía agora mesmo e que a súa situación deixou ós managers sen moitas eleccións reais, sendo a maioría delas automáticas ou non moi significativas. Por outra banda, os cartos en poder dos máis ricos fan que os novos equipos o teñan máis difícil cada vez. Por isto queremos ir dun xeito moi coidadoso cara unha economía máis dinámica, onde os custos e os ingresos sexan determinados pola situación real da economía. Haberá máis estabilizadores automáticos, e tentaremos non incentivar estratexias extremas, como acumular grandes sumas de diñeiro. Isto afectará tamén ós equipos vellos, reducindo a súa vantaxe e facendo un pouco máis doado a cousa ós equipos emerxentes. A Xunta Directiva será un dos instrumentos, pero haberá máis.

Non será a revolución, polo que se ti es un mánager vello, non che preocupes, a túa cachola aínda non ten que temer. De momento. Pero si que se reducirán algunhas vantaxes. Cando deixes de manexar activamente ó teu equipo estas reduciranse, pero cando volvas a manexalo activamente, as poderás recuperar nun chas. Con isto tentaremos facer que o Hattrick sexa máis activo en todas as súas divisións.

Calculamos que as novas medidas económicas comezarán a ter efecto a finais deste ano. Cando chegue o momento revelaremos máis detalles, e incluso proporemos algunhas medidas para a súa discusión, tanto no foro como por medio da nosa enquisa de usuarios, prevista para o mes que ven.

Isto foi todo. Vémonos na próxima editorial, na mesma bathora no mesmo batcanal!

O equipo de HT
 
Server 070