Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

8-12-2008 Editorial: Achégase a xubilación do actual deseño

Durante oito longos anos, concretamente dende o ano 2000, o Hattrick tivo sempre o mesmo deseño gráfico. Funcionounos moi ben durante un tempo que foi unha eternidade para unha páxina web, pero agora chegamos ao final do seu camiño. Dende ese ano 2000 houbo moitos cambios nos ordenadores, nas pantallas e no deseño das páxinas, e temos que decatarnos que o HT non ten un deseño actualizado aos estándares que existen hoxe en día. E para ser totalmente honestos, non é só un tema da "idade" que xa ten o deseño, existen tamén outros problemas, especialmente no que se refire á navegación. É o momento de darlle ao noso actual deseño unha merecida xubilación.

Neste editorial sinalaremos algúns dos problemas que nos temos atopado co noso antigo deseño, que son as verdadeiras razón para este cambio. Por suposto, tamén vos informaremos do noso traballo sobre o vindeiro novo deseño, o cal tardará uns poucos meses.
Durante case que unha década o Hattrick tivo sempre o mesmo deseño gráfico. O actual deseño remóntase ao ano 2000, onde o xogo ao completo foi reescrito para darlle cabida a máis xente dos 1.700 usuarios que tiñamos naquel momento en Suecia. Ese duro proxecto foi realizado por dúas persoas nos seus tempos libres, e o deseño finalizouse nunha xuntanza feita nunha tardiña ao final do verán do ano 2000. Ao longo destes anos o xogo medrou moito, engadíronse novas funcións e moitos novos países e usuarios. Todo o relativo ao xogo foi reescrito polo menos unha ou dúas veces agás o deseño. Sen ter en conta un par de retoques, o deseño aínda é o mesmo.

Como dixemos antes, non é só polo tema da súa "idade". Non obstante, é imposíbel negar que o tempo non sexa un factor importante. Como usuarios que somos de internet, temos un xeito de actuar e unhas necesidades completamente diferentes hoxe das que tiñamos no 2000. Moito ocorreu tamén dende aquela no apartado técnico e outras cousas. Algúns dos problemas que lle atopamos ao noso deseño son os que están directamente relacionados coa súa "idade" e coa evolución da páxina. De calquera xeito, pensamos que é importante dicirvos o porqué do novo deseño. Así entenderedes as razóns, e tamén as vantaxes, cando o mundo do HT mude a faciana.

A nosa web actualmente está construída en frames (marcos). Calquera podería dicirvos que esta técnica era moi común no 2000, pero hoxe en día non o é. O gran problema dos frames é que dificultan facer ligazóns a páxina concretas. Se abres unha páxina nunha nova pestana (ou nunha nova ventá do navegador), toda a navegación polos menús desaparece así como o ticker (visor de novas en directo da parte superior). Ademais, os frames tamén llo fan máis difícil aos motores de busca para atopar información.

Se nos centramos nos problemas de navegación, temos que sinalar que segundo crecía o xogo, tamén aumentaban as alternativas nos menús e as opcións de cada páxina. Xa que logo, a día de hoxe, á verdade é que o menú da esquerda ten demasiadas alternativas. Tes que ser un usuario realmente experimentado para poder navegar con liberdade. Para os novos usuarios pode ser realmente difícil atopar o seu camiño e leva tempo de máis aprender o sistema de menús (se algunha vez chegas a facelo). Por exemplo, hai varios camiños para chegar ás páxinas de transferencias, pero ningún deles é bo nin lóxico. Dun xeito similar, moitas páxinas están ateigadas de información e de diferentes opcións (pero inda así, en moitas bótanse en falta textos de axuda!). As páxinas de detalles dos xogadores é un bo exemplo disto. Esta fartura vén orixinada en parte polos engadidos que lle fomos metendo ao xogo, xunto con que non teñamos feito unha limpeza de información no sitio en todo este tempo.

Outro defecto que agora lle vemos ao deseño é que o tamaño das letras é moi pequeno. Debería ser un pouco máis grande e así ser tamén máis doado de ler. Pero agrandándoo co deseño actual levaríanos a que o menú e outras opcións dos lados se ensanchasen moito e ocupasen demasiado espazo. Todo é porque o sitio está deseñado para pantallas de ordenador máis pequenas, que eran as que tiñamos aló polo ano 2000. Dende aquela, as nosas pantallas téñense feito máis e máis grandes, e hoxe xa non ten sentido que o sitio permaneza como se precisaba daquela. Especialmente cando moi poucos dos nosos usuarios empregan xa baixas resolucións de pantalla e non cremos que se xerasen moitos problemas ao pasarse ao novo deseño.

Tamén temos que dicir que inda que medramos e maduramos con este deseño, e foi unha gran compañía durante todos estes anos, hai que admitir que ten un pouco un toque dos noventa. Non hai nada malo niso, pero gustaríanos que tivese un aire un pouco máis moderno e actual. Sería bo poder ter unha serie de iconas ben feitiñas, co mesmo estilo e coa mesma orixe (as que temos agora teñen estilos e orixes diferentes), e sería bo que fose máis sinxelo crear diferentes skins ou "máscaras" que modificaran o estilo no que se vos presenta as propias páxinas de Hattrick, algo que tamén é moi complicado coa programación que temos hoxe en día.

Estamos traballando nun novo deseño, centrándonos especialmente en todas esas cousas. O enorme beneficio que podemos ter ao facelo todo dende cero é que podemos realmente pensar cada páxina por si mesma. Podemos estruturar mellor que cousa debe ir en cada sitio e preparar as páxinas para novas e emocionantes ferramentas. Outro beneficio é que para nós, os programadores, será bastante máis sinxelo (e rápido!) traballar co novo deseño comparándoo co antigo. Será un grande aforro de tempo unha vez que todo estea rematado.

O noso novo deseño terá entón un aire moderno e deberá estar en consonancia co comportamento que ten unha persoa normal en internet. Deberá ter unha boa estrutura, máis lóxica que a actual. De todas formas, é tamén importante manter o xeito de Hattrick, así que non esperedes que nos vaiamos de guais... Dito isto, somos conscientes de que retirar un deseño ao que moitos de vós estades afeitos pode ser complicado ao principio, pero inda se non caedes rendidos a primeira vista co novo deseño, estamos convencidos que non pasará moito tempo antes de que o fagades. Amosarémosvos algún exemplo do novo deseño, queremos saber o que pensades sobre el durante o proceso de xubilación e para que o cambio non sexa moi drástico. E se algunha vez sentes que precisas ver o vello deseño outra vez, unha vez que xa estea retirado, sempre podes visitar o museo, onde o gardaremos xunto co deseño orixinal do 97.
 
Server 071