Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

3-30-2009 Editorial: O equipo de HT de hoxe en día

Se te paras un momento a pensar en todo o que sucedeu no Hattrick nestes últimos anos, repararás en que teñen pasado moitísimas cousas neste tempo. O mesmo ten sucedido con nós, o equipo dos HT, os programadores que nos encargamos de desenvolver o xogo. De feito, somos o dobre de persoas que hai dous ou tres anos e aínda estamos á procura de máis xente que se una a nós! Quen dixo que hai unha crise global financeira por aí adiante?

Pasaron xa máis de dous anos dende a última vez que vos demos algunha nova sobre o que fan os diferentes HT no seu traballo cotián e xa vén sendo tempo de que actualicemos esa información. Son moitos os novos membros do equipo dos HT e tamén cambiamos as nosas tarefas.
O equipo dos HT fundouse alá por 2001. Compartían as responsabilidades do desenvolvemento do Hattrick, durante os primeiros anos case todos como traballadores voluntarios, xa que os ingresos do xogo eran moi limitados. Co paso do tempo continuamos desenvolvendo e mellorando o Hattrick, e conseguimos facer a páxina moito máis estable, fiable e mesmo rápida. Tamén medramos en número, pasando dun pequeno grupo case todos voluntarios a ser un grupo de máis de 20 persoas que, de feito, podemos vivir desenvolvendo un xogo que nos apaixona. Permitídeme presentarvos ao equipo do Hattrick a marzo de 2009:

HT-Johan
Johan é un dos fundadores do equipo dos HT e o noso xefe de deseño. Isto significa que é a persoa a quen debemos convencer para levar á práctica as nosas brillantes ideas. Ademais disto, Johan tamén está metido noutras áreas, como os negocios e o desenvolvemento da comunidade. É un verdadeiro adicto aos xogos, o seu ordenador case é xa unha parte do seu corpo e non se afastan un do outro en todo o día.

HT-Jacob
Jacob é o novo Director executivo de Hattrick Ltd, a compañía propietaria de todo o relacionado con Hattrick e que pon á vosa disposición o xogo. Jacob traballou anteriormente na industria dos teléfonos móbiles e vén sendo o irmán maior de Johan… Un pouco de nepotismo non lle fai mal a ninguén, din eles ademais de que, polo que puidemos ver até agora de Jacob, definitivamente gañouse o seu trono nas nosas oficinas de Xibraltar.

HT-Daniel
Daniel é o noso experto en bases de datos. Ten o control absoluto sobre o motor dos partidos e mesmo sobre outros aspectos importantísimos, como os traspasos e as actualizacións diarias. Sen dúbida é o home máis positivo de todo o equipo, mesmo quizais de todo o mundo. Ten unha verdadeira obsesión por calquera tipo de vehículos, xa sexan coches, escavadoras, tractores… ou todo o que se vos ocorra.

HT-Thomas
Thomas é programador web e de bases de datos e tamén o noso guía no fantástico mundo do .NET. Xoga ao Hattrick dende 2003 e ten sido administrador CHPP, de feito aínda o é, antes de unirse ao equipo dos HT, alá por agosto de 2006. Tamén leva, xunto con Daniel, o mantemento dos nosos servidores e software. Vamos, que creo que non se lle pode dicir que poida ter problemas para atopar algo que facer.

HT-Sarah
Sarah forma parte do equipo dos HT dende novembro de 2004 e hoxe en día é a xefa de moitos de nós. É a Directora executiva de Extralives, a empresa que desenvolve o Hattrick para Hattrick Ltd. e a compañía que nos dá emprego a case todos nós. Acaba de regresar de estar varios meses picando xeo no Polo Sur, outra máis desas cousas que adoitan facer as mulleres…

HT-Hommik
Hommik antes pasaba o tempo mellorando o noso sistema de administración do xogo, pero en realidade agora encárgase un pouco de todo. É parte do equipo dos HT dende 2006 e se non o atopades no xogo probablemente é porque estará xogando coa súa Xbox…

HT-Tjecken
Ese son eu! Comecei a xogar polo 1998, así que teño xogado a isto un terzo da miña vida. Fun moderador das conferencias, GM e membro do equipo do HT dende primeiros de 2001. A miña principal tarefa é a relación coa comunidade e son o encargado de transmitir a información sobre o xogo, facendo todo o posíbel para que as novas sobre el cheguen aos vosos oídos. Xa que logo, paso moito do meu tempo nas conferencias, discutindo e respondendo ás vosas preguntas e suxestións.

HT-Josef
Josef era un friki dos xogos por internet e das conferencias. Un día o seu pai díxolle que xa chegara o momento de que atopara un traballo e viñemos ao seu rescate. Dende entón traballa para nós como un friki das conferencias. Josef é o noso programador principal nesa parte do xogo e pasa moito do seu tempo (principalmente polas noites) traballando niso. Tamén quere remarcar que de cando en vez ve algunha película!

HT-Jyrg
Jyrg e un programador web e de bases de datos con moita experiencia e uniuse ao noso equipo o ano pasado. Tomou a responsabilidade da tenda de Hattrick e tamén tivo algunha cita co sistema de administración do xogo, e polas miradas que lles vemos, poderían formar unha boa parella nun futuro. Jyrg é o fotógrafo do equipo.

HT-Magnus
Magnus é o noso experto en usabilidade, presentación e o principal artífice do noso novo deseño. Nun futuro moi próximo centrarase noutros proxectos de Extralives, pero seguirá tendo contacto con Hattrick, principalmente en tarefas de deseño. Tamén quere dedicarlle un pouco máis de tempo á súa carreira como estrela de rock.

HT- Stefan
Stefan é tamén un programador moi centrado nas tarefas de presentación e usabilidade. Axudou a Magnus a crear o novo deseño, mentres remataba os seus estudos universitarios, e uniuse ao equipo xa de modo máis profesional o pasado verán. Esta soamente é a súa segunda tempada en Hattrick, xa que xogou durante moitos anos no pasado. Tamén lle van as estrelas, pero doutro tipo: é un trekkie e un adicto ao Starcfraft.

HT-Mattias
Mattias é o noso negociador. Non hai ninguén como el na mesa de negociación e facendo acordos para Hattrick. Tamén é famoso por non ser quen de parar quieto mentres fala por teléfono, e por ser o último de nós en pasar polo altar.

HT-Aartspam
Aartspam xoga a Hattrick dende 2003 e ten sido LA, GM e mesmo GM veterano. Hai pouco máis dun ano convencémolo para que deixara a súa Holanda natal para virse a vivir a Suecia, aprender algo de sueco e dirixir o equipo dos nosos colaboradores e abofé que non nos arrepentimos do que fixemos!

HT-Frid
Frid xoga ao Hattrick dende 2001 e entrou a formar parte do equipo dos HT en 2004. Frid é o que leva o sistema de administración do xogo, en outras palabras, que se asegura de que se leven a cabo tódalas actualizacións do xogo. Tamén é un cantante de ópera afeccionado, e desafortunadamente poida que deixe o noso equipo esta primavera. Só o noso equipo, de todas formas, xa que de seguro continuará xogando ao Hattrick.

HT-Klas
Klas tamén entrou no noso grupo despois de levar xogando varios anos, dende o 2000, en concreto, e tamén ten sido GM. Klas é un programador web cun moi agudizado sentido do estilo Hattrick. Seguramente é o máis futboleiro de todos nós; asiste regularmente aos adestramentos e partidos do seu equipo favorito, o Örebro.

HT-Per
Per, o "construtor", como o chamamos nós, traballa como programador e é o encargado do código en xeral. Polo menos dúas veces á semana publicamos un novo código, con novos engadidos e reparación de errores. Per é o encargado de "construír" ese novo código, e por iso démoslle ese alcume. Como el é unha persoa moi estrita, ben podería ser o noso xeneral. Tamén di que devece por que chegue o seguinte festival de Roskilde e cubrirse alí de lodo.

HT-Oxidus
Oxidus é todo un cabaleiro inglés vivindo en Alemaña e o noso xenio do Flash. O marabilloso deseñador de uniformes, por exemplo, é un dos seus traballos. Oxidus é outro programador que atopamos xogando ao Hattrick. Comezou a xogar no ano 2003 e forma parte do noso equipo dende 2007.

HT-weird_ed
weird_ed tamén é un programador con raíces no Hattrick dende hai ben tempo. É noruegués e comezou a xogar no ano 2004. Un tempo despois creou a súa propia páxina de estatísticas con certificado CHPP. Neste momento traballa coa integración de Alltid en Hattrick, e despois disto continuará desenvolvendo máis estatísticas para Hattrick.

(HT-)Durelas
Outro máis cunha longa historia no Hattrick. Durelas comezou a xogar en 2003 e chegou a ser un colaborador no noso equipo de Chile en 2004. Dende entón foi moderador, GM e GM veterano pero dende agora será o noso home en América Latina, axudándonos a desenvolver o xogo nos mercados latinoamericanos, dende México até a Patagonia.

HT-Trapper, HT-Pelle, HT-Calle e HT-Hasse
Trapper, Pelle, Calle e Hasse traballan principalmente noutros proxectos de Extralives, pero sempre podemos aproveitar a súa experiencia, por suposto. Trapper en concreto tamén ten a súa historia en Hattrick, e durante este último ano traballou arreo no Hattrick.

Flameron
En realidade Flameron non é un membro do equipo do Hattrick, pero ás veces ben o parece. Ron é israelí e ten moita experiencia no xogo e dende hai un par de anos traballa como o noso asesor, tanto no campo das estatísticas como axudándonos a desenvolver o xogo (especialmente nos aspectos económicos).

Isto é o equipo dos HT ao completo, polo de agora, porque como xa dixen anteriormente, tamén estamos buscando xente que se una ao noso equipo e traballe nas nosas oficinas de Estocolmo. Non só porque precisamos cubrir as baixas de Frid e Magnus (aínda que Magnus poida que siga estando por aquí), senón porque precisamos máis xente para o equipo. Estamos especialmente interesados en programadores familiarizados co entorno .NET, e sería moito mellor se tiveran un pasado hattrickeiro, por suposto!

Ademais da xente que xa vos presentei, tamén están Lars e Alejandra (tamén dous vellos hattrickeiros, por suposto) que traballan no noso servizo de atención ao cliente, e recibimos a axuda imprescindible dos nosos colaboradores, os GM, LA, Mod, CHPP e editores. Estamos todos aquí porque queremos facer do Hattrick un lugar aínda mellor do que é!
 
Server 071