Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

12-7-2009 Editorial: Novo motor de encontros: Resultados máis equilibrados e dúas tácticas melloradas

Nun editorial deste ano, amosámosvos o noso plan de desenvolvemento para Hattrick, e prometemos melloras no núcleo da experiencia de xogo. Dende aquela, estivemos traballando exclusivamente niso. Hoxe presentamos unha importante mellora na simulación dos encontros.

Estes cambios no motor tratan a distribución de ocasións, como se crean e se reparten dentro do terreo de xogo. Tamén hai importantes cambios nas tácticas de "Contraataques" e "Presión".

O novo motor será usado nos amigábeis que quedan nesta tempada, e en tódolos encontros do primeiro equipo a partir da próxima tempada.
O noso obxectivo ó introducir este novo motor é reducir a varianza (o que algúns chamarían aleatoriedade) e conseguir que o motor sexa máis equilibrado. Como tódolos cambios, segue os principios que nos impuxemos (explicados no editorial de xullo), e posto que trata co motor dos encontros é especialmente importante para nós tratar de manter as cousas sinxelas.

Esta nova versión do motor do xogo afecta principalmente ó xeito en que as ocasións son creadas e distribuídas entre os contendentes. Mediante este cambio, faremos o xogo máis equilibrado, con máis encontros igualados e emocionantes, e menos resultados "extremos" e difíciles de explicar. Tamén se inclúen neste novo motor cambios nas tácticas de contraataque e presión, que serán explicadas máis abaixo.

A nova simulación dos encontros
Neste novo motor substituiranse algunhas das ocasións existentes -as que se gañaban a expensas do outro equipo- por un novo tipo, exclusivo de cada equipo. O teu mediocampo segue a ter que competir contra o do teu opoñente e "gañar" a ocasión para poder convertela nunha oportunidade de anotar (exactamente como ata o de agora). Pero se o teu mediocampo non consegue a ocasión, esta perderase. O teu opoñente non pode conseguir as túas ocasións exclusivas e viceversa.

É dicir, algunhas das ocasións están "abertas" a ámbolos dous equipos e outras só podes conseguilas ti (ou o teu rival). O número de ocasións exclusivas é o mesmo para ambos equipos.

Isto tamén significa que non volverá a haber un número fixo de ocasións normais nunca máis (mais haberá un número máximo e un mínimo), xa que poderá variar dependendo do número de ocasións exclusivas convertidas en oportunidades de gol.

Razóns para o cambio no motor
Agora, os dous equipos no campo usan a súa cualificación de mediocampo para competir por cada ocasión de gol potencial. Estas ocasións son, como xa sabes, limitadas en número e "abertas" ós dous equipos, o que significa que cada ocasión gañada por un equipo é unha ocasión perdida para o outro equipo.

Isto ten bastante lóxica, pero crea algúns efectos non desexados. Por exemplo, posto que só hai 10 ocasións normais por partido, incluso unha mínima variación no reparto de ocasións gañadas (6-4) dalle a un equipo un 50% máis de oportunidades para marcar (e a seguinte diferencia mínima (7-3) dalle ó equipo beneficiado un 133% máis de oportunidades). Os eventos especiais poden contrarrestar ese feito, pero preferimos que as ocasións normais se poidan dar nun número variable (por exemplo, 5-4).

O sistema actual tamén implica que a varianza -o rango de resultados potenciais nun encontro- é bastante alta. Agora, o equipo máis forte gañará nunha probabilidade similar á do fútbol real. Mais comparado co fútbol real, seguerá a haber menos empates e máis vitorias (e, polo tanto, derrotas) avultadas en Hattrick.

Características principais do novo motor
O novo motor trata os "problemas" mencionados anteriormente. Poderíase dicir que o novo motor incorpora estas novas "características":

- Obter un número variable de ocasións (como 5-4, por exemplo) vólvese posíbel.
- Varianza reducida; encontros máis disputados e menos resultados extremos.
- Mellor experiencia en directo, posto que non sabes cantos ataques se poden dar.
- Mellor manexo das tácticas de contraataque e presión (os detalles, máis abaixo).

Paga a pena recordar que, se ben a varianza foi reducida e veremos menos resultados "extremos" a partir de agora, estes non desaparecerán por completo. Seguerá a habelos. E estou seguro de que seguerá a haber fíos nas conferencias sobre derrotas moi desafortunadas e resultados extremos, e pode que sexan tan numerosos como o son agora.

É moi común entre nós, os seres humanos, o darnos de conta de todo o que non é normal (coma os resultados extremos), pero non darnos de conta do que é normal. Xa que cada semana se xogan arredor de 1 millón de encontros, entra dentro do posíbel que se produzan algúns resultados sorprendentes -aínda que serán menos que antes. Non obstante, é imposíbel para nós saber ata que punto ides notar a redución da varianza. Por suposto, esperamos que a notedes, pero non podemos dicir ata que punto.

Despois de todo, os resultados sorprendentes son parte do fútbol real e posíbelmente sexa o que o fai tan atractivo. Polo tanto, é natural que tamén deba haber sorpresas en Hattrick. O equipo máis forte non ten garantida a vitoria en cada encontro -pero o equipo máis forte dunha liga ocupa case sempre o primeiro posto ó remate da tempada. A túa tarefa como mánager dende agora é facer todo o que estea nas túas mans para aumentar as túas opcións de vitoria.

Un cambio importante, pero non tanto
Esta nova simulación dos encontros é un cambio moi importante, e tamén un cambio no mesmo núcleo do motor. Pero tamén se podería dicir que non é tan importante. A mecánica do resto do xogo segue a ser a mesma -para anotar un gol segues necesitando gañar a batalla do mediocampo polas ocasións e despois superar a defensa rival, coma sempre.

Como xa mencionamos, o noso propósito é facer un Hattrick máis equilibrado, e nada máis. Polo tanto, non queremos nin esperamos un grande impacto nos encontros (a parte de que haberá máis encontros igualados e excitantes, e menos resultados extremos, por suposto). Dende a perspectiva do encontro é un cambio importante, pero dende a perspectiva do mánager non o é tanto.

Cambios no contraataque e a presión
Hoxe en día, a posibilidade de conseguir un contraataque diminúe con cada contraataque que xa conseguiches (e o mesmo ocorre coa presión). Isto facía que fose sinxelo conseguir un evento, pero moito máis complicado conseguir moitos.

Co novo motor, a probabilidade de conseguir un contraataque (ou evitar un ataque mediante a presión) é, máis ou menos, a mesma durante todo o encontro. O motor só modifica lixeiramente esa probabilidade dependendo do nivel da táctica e de cantos eventos obtiveches anteriormente. En xeral, isto quere dicir que a probabilidade de obter eventos de contraataque/presión vaise ver aumentada, pero tamén a probabilidade de non obter ningún.

Para ambas tácticas, o nivel que obteñas volverase moito máis importante: niveis altos darán mellores resultados (e niveis baixos darán peores resultados). Ten en conta que a táctica de presionar volveuse máis forte que antes (agás para niveis baixos da táctica), se o teu equipo é bo á hora de presionar deberías parar máis ataques a partir de agora.

Ambas tácticas funcionarán con todo tipo de opcións normais (tanto abertas como exclusivas) no novo motor.

O novo motor funcionará dende a próxima tempada
Como foi mencionado ó comezo, o novo motor será usado nos amigábeis do que resta de tempada e en tódolos encontros a partir da próxima tempada. Os equipos de xuvenís usarán o antigo motor dos xuvenís.
 
Server 070