Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

6-29-2011 Editorial: Novidades no xogo

Neste editorial poñereivos ao día sobre o que temos preparado para o xogo. Temos un cambio que xa está listo para a próxima tempada: salarios máis baixos para os xogadores. O Sindicato de Xogadores e a Federación de Propietarios de Clubs asinaron un novo acordo para os salarios, o cal implicará unha diminución de aproximadamente o 10-15% dos salarios de media. Segue lendo para ter máis detalles.

Tamén queremos compartir varias novidades importantes e realmente boas para dentro de dúas tempadas (a que empeza a finais de outubro): primas por fidelidade para os xogadores e o novo sistema de empregados, ademais dalgunhas cousas a maiores.
Neste editorial centrareime nas novidades do xogo, aínda que comezarei dicindo unhas palabras sobre a situación actual.

A situación económica actual
Cando anunciamos o adestramento máis rápido hai un ano, tamén dixemos que era de esperar unha baixada nos prezos do mercado. Isto tamén era algo que queriamos xa que os ingresos polas transferencias convertían en insignificantes e irrelevantes os outros custos e ingresos, facendo que o xogo fose un pouco "unidimensional". Os prezos empezaron a caer dende entón, especialmente esta última tempada, e queremos que continúen caendo algo máis. Pero a velocidade da devandita caída está sendo demasiado alta como para que sexa saudable.

Se miramos outras cifras da economía do xogo, o usuario medio aínda saca beneficios semanalmente, pero obtén menos que hai un tempo e a cantidade está a decrecer lentamente conforme avanzan as semanas. A razón principal diso está no incremento dos salarios (como resultado do adestramento). Aínda que a situación económica non é moi crítica agora mesmo, chegará a selo e o equipo medio comezará a perder diñeiro cada semana se non facemos algo ao respecto. Pero farémolo!

(Se estás interesado nas razóns e motivos disto, podes ler o antigo editorial de xullo de 2007 sobre a economía. Aínda que a situación agora está lonxe de ser a mesma daquel entón (e especialmente lonxe de ser tan mala), as razóns e necesidades de facer algo ao respecto son as mesmas.)

Que faremos ao respecto
Para evitar que aconteza unha situación crítica temos planeadas dúas accións:

- Diminuír os salarios a próxima tempada (abaixo tes máis detalles).
- Empezar a implementar o novo sistema de empregados ao rematar o verán (abaixo tes máis detalles).

O novo sistema de empregados realmente non é un cambio económico, pero tamén terá bastante impacto na economía para equilibrala en boa medida. Dependendo de se este novo sistema está listo para publicarse en outubro (que é o que quixeramos) ou non e dependendo naturalmente de como progrese a situación económica ata o final da próxima tempada, podería haber máis accións ao respecto.

Tamén debería quedar claro que non pretendemos aumentar os prezos das transferencias coas nosas accións, que xa os consideramos demasiado altos como para que sexa bo para o xogo. Pero a velocidade da caída dos prezos é demasiado alta como xa mencionamos.

Salarios máis baixos a próxima tempada
Os teus xogadores terán un salario máis baixo a próxima tempada (no aniversario de cada xogador), comparado co que terían en condicións normais. O Sindicato de Xogadores e a Federación de Donos de Clubs acordaron os seguintes termos:

- Un 50% de desconto no salario das habilidades secundarias (e terciarias, etc.).

- Todos os xogadores de campo terán un desconto no salario e, canto maior sexa a habilidade, maior será o desconto. Por exemplo, un xogador de campo especializado nunha habilidade (monoskill) obterá un salario arredor dun 30% inferior se é divino, sobre o 15% se é titánico, 10% se é abraiante e un excelente un 5% menos. "Pases" terá un desconto menor cas outras habilidades (pero se beneficiará moito dos descontos en habilidades secundarias).

- Os porteiros tamén terán descontos, pero serán maiores canto menor sexa a habilidade. Por exemplo, os porteiros titánicos e superiores obterán un desconto arredor dun 4-5%, mentres que os clases mundiais un 14%, abraiantes sobre 20% e excelentes case un 40%.

A estrutura dos salarios dos porteiros e os xogadores de campo é totalmente diferente, de aí os descontos distintos. Os salarios dos porteiros son moito máis altos en niveis baixos e medios que para os outros xogadores, pero inferior nos niveis máis altos e moito menores en niveis moi altos (a pesar de que eles contribúen moito máis ao teu equipo que outros xogadores). Non queremos que os porteiros con moita habilidade sexan mais poderosos do que xa son.

Novas importantes para dentro de dúas tempadas
Como vos contara en febreiro no meu último editorial sobre o desenvolvemento do xogo, queremos que sexa máis beneficioso que manteñas os xogadores no teu equipo durante un período maior de tempo. Tamén, facer que os teus xuvenís sexan máis valiosos. Dentro de dúas tempadas (a finais de outubro) introduciremos a prima por fidelidade nos xogadores:

- Os teus xogadores xogarán gradualmente cada vez mellor canto máis tempo estean no teu equipo (ata certo límite).
Para ilustrarvos: un xogador titánico que xogase tres tempadas co teu equipo xogará mellor ca un titánico que acabes de comprar. Non obstante, un xogador que xogou durante nove tempadas recibirá a mesma prima que un que xogase sete.

Esta prima introducirase en dúas fases: a primeira delas na tempada que comeza en outubro, completándose o seu efecto na tempada seguinte. A máxima prima que un xogador poderá chegar a obter será arredor do 10-15% cando estea completamente implementado (sobre un 5-7,5% na primeira tempada). Terase en conta o tempo que leven os xogadores no teu equipo no momento do seu lanzamento.

- Os xogadores que pertenzan ao teu equipo durante toda a súa carreira (e cando o teu equipo sexa o seu club de orixe) terán unha bonificación no seu rendemento cando xoguen para o teu equipo, xa que eles sempre darán un pouco máis polo club que levan no seu corazón.
Por favor, ten en conta que calquera xuvenil que vendeses unha vez e recomprases despois non obterá esta bonificación.

Durante a próxima tempada daremos información máis detallada sobre isto.

Novos empregados
Falamos sobre o novo sistema de empregados en numerosas ocasións xa, pero nesta ocasión ímosvos proporcionar máis detalles. O que queremos co novo sistema de empregados é que teñas información clara sobre os efectos de cada empregado para que poidas tomar as decisións axeitadas. Tamén debería abrir máis opcións á hora de xogar a Hattrick, apoiar e balancear distintas estratexias, sentilo como máis persoal e proporcionarche un mellor sentimento de club. E permitir que a economía se equilibre a si mesma de acordo coas decisións que tomen os mánagers.

Isto parece demasiado, seino, pero é perfectamente posíbel. Déixame explicar o concepto básico:

- Contratas unha persoa para un posto de empregado, dun nivel determinado da túa elección. Canto maior sexa o nivel, mellor será no seu labor.

- Coñecerás os efectos que terá no teu equipo, xa que estarán claramente descritos.

- Só poderás contratar un empregado de cada tipo e terás un número limitado de postos. Noutras palabras: terás que tomar unha decisión de que opcións queres empregar.

- Os fisioterapeutas e os doutores estarán combinados nun só tipo de empregado, pero aínda así haberá máis tipos de empregados que agora.

- Todos os empregados terán, naturalmente, efectos positivos para o teu equipo pero tamén terán efectos negativos. Poderíase dicir que o custo dos empregados non é unicamente monetario, senón que tamén custa outros recursos como adestramento, forma ou afeccionados.

- O custo salarial dun empregado depende de cantos mánagers escollesen ese tipo de empregado. É dicir, o prezo establécese de forma colaboradora entre todos os usuarios e ademais variará ao longo do tempo.
Durante a próxima tempada proporcionarase máis información sobre os empregados.

Como axudará á economía do xogo
Como seguramente terás entendido, isto terá un efecto considerable na economía do xogo, pero quizais non é tan doado comprender por que axudará á economía. A resposta é que podes trocar adestramento por diñeiro. O que significa que podes desbordar parte (ou todo) do teu adestramento e obter diñeiro (máis espectadores e patrocinadores, por exemplo) a cambio.

Así que se encontras difícil obter beneficios dos teus xogadores adestrables no mercado de transferencias, podes tomar a decisión de abandonar o adestramento e obter diñeiro a cambio desta forma. Á vez, esta acción será boa para a economía do xogo xa que inxectará máis diñeiro no sistema, diñeiro que poderá empregarse en comprar xogadores e axudar a manter os prezos estables.

Ademais, se moi poucos mánagers utilizan un tipo de empregado en particular, este será realmente barato e chegará un punto en que será unha boa elección. E viceversa, os tipos de empregados que utilicen moitos mánagers serán caros, facendo máis beneficioso elixir outras opcións. Isto axudará tamén a equilibrar as distintas estratexias entre si.

Límites para as estratexias ilimitadas
Co novo sistema de empregados tamén introduciremos límites máximos á acumulación de diñeiro e ao comercio de xogadores. Outras estratexias xa o teñen: por exemplo, hai límite para o número de xogadores que podes adestrar e a que velocidade á que os podes adestrar. Pero tes o control destes límites, contratando máis adestradores auxiliares para incrementar a túa velocidade de adestramento, etc.

Introduciranse límites controlables como este para a acumulación de diñeiro e o "tráfico" de xogadores. Para as transferencias, haberá un límite no número de veces que poderás poñer á venda xogadores cada semana (aínda que poderás acumulalos ata unha certa cantidade). E poderás poñer máis xogadores á venda se contratas un axente.

Aqueles que teñan moito diñeiro nas súas arcas (e teñan a intención de gastalo) terán que lidar co cobrador de impostos, pero un contable pode axudarte a incrementar o límite a partir do cal se empezan a aplicar impostos e tamén a pagar menos impostos.

Aínda hai algúns axustes que facer a estes límites, de aí que non poida darvos máis detalles agora mesmo. Pero que quede claro que ningún deses límites afectará moito ao usuario medio.

Que hai sobre as cualificacións melloradas?
Falei sobre as cualificacións melloradas no meu último editorial e que era a máxima prioridade para o xogo. Pero debido á situación económica, o novo sistema de empregados volveuse máis importante e unha máxima prioridade para o xogo. Por suposto, aínda traballamos nas cualificacións melloradas, pero virán máis tarde.
 
Server 070