Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

3-19-2014 Editorial: Guía do novo sistema de empregados

Por fin chegou a hora de amosarche o novo sistema de empregados de Hattrick que se introducirá ao comezo da próxima tempada. O propósito deste editorial é poñerte en antecedentes acerca do novo sistema de empregados e explicarche algo máis en detalle o seu mecanismo de funcionamento en comparación co que actualmente coñecemos.
Cando se porá en marcha o novo sistema de empregados?

O novo sistema de empregados xa é visible na túa páxina do Club, pero non entrará en funcionamento ata o inicio da vindeira tempada, o 14 de abril. Ata entón, poderás fozar todo o que queiras no novo sistema (non terá consecuencias sobre o teu equipo). Próbao e pensa na configuración que mellor lle irá ao teu equipo. Os axustes que teñas cando se poña en funcionamento o sistema serán os que conten para o teu equipo á primeira semana.

Como funciona todo isto?

No Manual e nas páxinas do Cadro de Persoal no stio web atoparás a descrición en detalle de todo o novo sistema. Non obstante, tamén queremos facilitarche unha guía comparativa entre o novo e o vello sistema.

Antes de nada, por que facemos este cambio?

Queremos que as decisións dispoñibles no xogo teñan sentido e provoquen interese. Temos a ambición de facer que estas decisións sexan máis claras para que os usuarios coñezan o impacto que estas terán sobre os seus equipos.

O vello sistema de empregados afectaba máis ou menos as mesmas áreas que o fará o novo sistema, pero tiña un deseño que apenas incentivaba os usuarios a cambiar a composición do seu cadro de persoal ou a que os distintos clubs elixisen diferentes estratexias. Moitos usuarios elixían unha configuración óptima de traballadores e deixábana así durante anos.

Co novo sistema querémoslle dar sentido ó proceso de selección do persoal. Terás que decidir en que empregados concentrarte, xa que non é posible contratar tódalas categorías de empregados. O custe tamén se converte nun factor a ter en conta, xa que contratar aos especialistas máis cualificados pode chegar a ser inaccesible. O máis seguro e que teñas que combinar especialistas máis e menos cualificados.

Establece as túas prioridades. Xa non se pode ter todo

O antigo sistema era doado de optimizar e a maioría dos usuarios cun mínimo coñecemento do xogo escollía unha configuración similar e xa non a modificaba durante anos. O novo sistema pretende fomentar a existencia dunha maior diversidade de opcións e facer que a elección óptima varíe máis entre os distintos clubs.
Agora hai un límite máximo de 5 empregados que poden estar contratados á vez. Isto quere dicir que non podes contratar empregados para cada unha das categorías do cadro de persoal, polo que terás que centrarte nas necesidades do equipo antes de escoller. A vantaxe do novo sistema é que permite un maior número de combinacións.

Como entender as habilidades do persoal e salarios

Os membros do cadro de persoal deixan de ser individuos anónimos que se engadían ou desbotaban á vontade. Teñen nomes, niveis de habilidades individualizados (entre 1 e 5), e dispoñen, polo menos, dun bosquexo de dereitos laborais. Son capaces de facer máis que antes polo teu equipo.

No vello sistema, cada empregado novo recibía o mesmo salario que os antigos, pero nalgunhas categorías, cantos máis contratases, menos contribuían cada un deles. Moitas veces, o primeiro contribuía só moito máis que os seguintes 7 ou 8 xuntos.

No novo sistema, os efectos por cada novo empregado están claramente descritos e cada novo nivel de habilidade contribuirá tanto como cada un dos anteriores. A chave está en que, en troques, o salario aumentará exponencialmente, así que este será o factor que teñas que vixiar agora. Podes progresar máis rapidamente, pero... pagará a pena?
Un adestrador cunha habilidade de nivel 5 terá 5 veces maior efecto que un de nivel 1, o que é estupendo, pero ao mesmo tempo, será 16 veces máis caro. O cadro de persoal con habilidades baixas son claramente máis rendibles, pero contratar ao mellor, aínda así, pode compensar. Atopar o equilibrio para o teu equipo convértese nunha importante misión.

Como lle afecta o novo sistema de empregados ao teu equipo en comparación co anterior

O novo sistema de empregados non substitúe ao anterior en absoluto. Aínda que non teñas ningún empregado dun determinado tipo, o teu equipo renderá mellor neste apartado do que rendía co sistema anterior cando non tiñas ningún especialista para dito apartado. Por exemplo, o risco de lesións será menor hoxe sen ningún doutor que cando non tiñas fisioterapeutas no sistema anterior. Este efecto "gratuíto" varía segundo a categoría, pero xeralmente é menor do que obterías co primeiro especialista de calquera categoría. Outra maneira de ver este cambio é pensar que o obxectivo agora é atopar os límites do teu equipo máis que cubrir as súas necesidades básicas. Incrementamos tanto o limiar inferior coma o superior. Co novo sistema é máis doado conseguir maiores efectos modificadores que co vello para as áreas nas que decidas concentrarte. Como resultado disto, tamén é posible que as bonificacións obtidas difiran máis entre os equipos.

Confiamos en que che guste o novo sistema e esperamos que deixes os teus comentarios e suxestións nas conferencias!
 
Server 071