Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

10-25-2015 Editorial: Nova Tempada: Cambios no Sistema de Empregados e na Economía

Ó comezo desta tempada imos introducir o Auxiliar Táctico, un novo empregado que ampliará as alternativas tácticas para o teu equipo. Este era un cambio xa anunciado, que imos completar cun redeseño parcial do sistema de empregados, introducindo un sistema de contratos para os mesmos, con diferentes duracións e custo. O noso principal obxectivo co redeseño é mellorar a situación económica dos clubes, o cal é bastante necesario e de paso, arranxar problemas puntuais co sistema de empregados.
Nos últimos meses estivemos a observar e a analizar a economía do Hattrick, e vimos dúas tendencias preocupantes. Unha delas é que os gastos dos equipos tiñan aumentado máis aló do que os seus ingresos podían soportar, o cal tiña unha das súas raíces nun gasto excesivo en empregados. Tamén nos chamou a atención o feble estado do mercado de fichaxes, o que, en parte, está causado pola inflación de xogadores de nivel á venta.

Namentres preparabamos a introducción do Auxiliar Táctico, decidimos que, de paso, iamos tentar arranxar algúns destes problemiñas económicos e, tamén, algúns dos problemas que ven arrastrando o sistema de empregados dende a súa introdución.

ELIMINACIÓN DO VOCEIRO

A primeira medida é a retirada do Voceiro. Este é un tipo de empregado que, basicamente, cambia cartos por máis cartos, polo que non plantexa ó manager ningunha escolla interesante. Se tes un Voceiro e non queres perder o seu efecto, non te preocupes: todos os equipos van ter a partir de agora un bonus comparable a ter un Voceiro do nivel 5. Isto acontecerá automaticamente ó remate desta tempada.

NOVO SISTEMA DE CONTRATOS PARA TODOS OS EMPREGADOS

Ó longo da nova tempada, imos introducir un novo sistema para contratar e despedir empregados. Este sistema entrará en funcionamento na semana 8, pero será posible ir configurándoo para entón xa desde este mesmo momento.

No novo sistema, ó contratar un empregado deberás tamén especificar a duración do seu contrato, de 1 a 16 semanas. O contrato de 8 semanas vai costar o mesmo que o que pagas hoxe por cada nivel de empregado. Canto máis curto sexa o contrato, maior será o salario semanal a pagar, mentres que os contratos máis longos terán un menor custo semanal. Será posible rematar os contratos antes de tempo, pero para iso deberás pagar unha indemnización equivalente ó 25% do salario que quede por pagar nese momento. Tamén será posible a renovación automática, para os empregados que saibas que vas querer manter a longo prazo.

Cos contratos terás unha escolla estratéxica non só con respecto a quen contratar, senón tamén co periodo do contrato. Os contratos máis curtos evitarán algúns beneficios non intencionados que traía o despedir e contratar empregados cada semana. Cambiar os empregados cada semana seguirá sendo posible, pero moito máis caro.

INCORPORACIÓN DO AUXILIAR TÁCTICO

O Auxiliar Táctico (AT) estará dispoñible dende o comezo da nova tempada. Terá os seguintes efectos:

Ordes/substitucións extra (1 por nivel)
No canto do límite actual de 5 ordes por encontro (contando substitucións, cambios de comportamento e de posición), agora poderás dispor dunha orde extra por cada nivel do teu asistente táctico, ata un máximo de 10 ordes co asistente nivel 5. Por descontado, ter un AT non cambia o límite máximo de 3 substitucións por encontro.

Estilo de xogo
Isto permitirache cambiar o estilo de xogo para cada encontro. Esta variable, ata agora, só estaba determinada polo tipo de adestrador escollido (ofensivo, defensivo ou neutral). O novo estilo de xogo irá dende o 100% defensivo (actual adestrador defensivo), ata o 100% ofensivo (actual adestrador ofensivo), co neutral no término medio. Serás capaz de modular isto para cada partido na interface de ordes do encontro, onde terás un 20% de flexibilidade extra por cada nivel do teu AT, partindo do estilo de xogo do teu adestrador. Por exemplo, se tes un adestrador defensivo e un TA nivel 5, agora terás un intervalo de estilo de xogo posible que irá do 100% defensivo ó neutral. Se tes un adestrador neutral, o intervalo irá a partir de neutral, por un lado para defensivo (50%) e por outro para ofensivo (50%).

Terás que ter na nómina ó teu AT ó comezo do encontro. No caso de que enviases as ordes cun AT, e logo o despedises ou rematase o seu contrato sen ser renovado, o encontro será simulado sen as ordes/substitucións extra, e usando o estilo de xogo por defecto do teu adestrador.

RESTRICCIÓN ÓS DIRECTORES FINANCIEIROS

Sorprendentemente, unha boa chea de equipos que non teñen necesidade de ter Directores Financieiros dispoñen deles. Isto está a afundir a economía, sobre todo a niveis baixos. Por esta razón, imos restrinxir a posibilidade de contratar un Director Financieiro só a equipos que teñan cartos na Reserva ou alomenos 15 mill. € en metálico. Se tes un Director Financieiro como empregado, e non cumples estes criterios, non poderás renovar o seu contrato cando o novo sistema de contratos entre en funcionamento na semana 8 da nova tempada.

SUPRESIÓN DO TERCEIRO ADESTRADOR ASISTENTE E DUNHA DAS PRAZAS PARA EMPREGADOS DO CLUB

O último dos cambios que haberá na semana 8 será o de que imos suprimir a posibilidade de ter 3 Adestradores Asistentes. Ó mesmo tempo, imos incrementar un chisco a velocidade de adestramento dos dous restantes, do 3,2% actual ó 3,5% por nivel.

Como resultado disto, e da supresión do Voceiro, imos reducir o número de prazas para empregados do club de 5 a 4. Isto significa que a partir da semana 8, so poderás ter 4 empregados a traballar para ti.

A TRANSICIÓN Ó NOVO SISTEMA

Na semana 8, o actual sistema de contratos rematará e todos os empregados deberán asinar novos contratos co novo sistema. Todo o que non asine un contrato novo terá que marchar.

Para facer a transición o máis suave posible, imos facer visible unha nova interface ó comezo da nova tempada. Serás capaz de decidir antes de tempo que empregados quererás a partir da semana 8, e a duración dos seus contratos, e poderás ver que gastos terás cando entre o novo sistema. Ata a semana 8, poderás facer tantos cambios como quixeres, xa que istos non afectarán ó teu equipo ata entón. Pero ándate con ollo e non corras o risco de perder un empregado que quixeses manter no club.
 
Server 070