Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O mundo »   Novas 

Novas

5-9-2017 Editorial: Novo marco para as Especialidades e os Eventos Especiais

O novo sistema de especialidades vai ser máis equilibrado e vaiche ofrecer máis escollas tanto tácticas como estratéxicas na confección da plantilla.

A xeración de eventos farase dun xeito máis transparente, haberá cambios significativos nos efectos das especialidades xa existentes, e haberá dúas novas posicións especiais e un novo especialista.
Imos aló, rapaces.

Un novo especialista e novas posicións especiais

Imos presentar unha nova especialidade, o «Patrón», imos darlle un novo pulo á especialidade «Rochoso» e imos presentar dúas novas posicións especiais, o «Dianteiro Potente» e o «Mediocentro Defensivo Potente».

Maior relación entre habilidades e especialidades

As habilidades dos xogadores que participen no evento terán a partires de agora un maior peso á hora da xeración do mesmo.

Xeración dos eventos

O cambio máis importante neste aspecto ten que ver con como se deciden, cando e que eventos especiais se activan e como se materializan.

Hoxe en día, o motor do xogo decide primeiro que equipo terá un evento especial, dándolle máis posibilidades de obtelo ó equipo con máis posesión. Unha vez decidido, escóllese un xogador ó chou dese equipo. E, finalmente, escóllese unha categoría de eventos (meteorolóxicos, de rápido, córners, etc.), para así dar paso a ver cal deles pode ser activado polo xogador escollido.

Este sistema fai que sexa bastante complicado predicir como se desenvolverá o partido, e tamén resulta complexo para nós á hora de equilibrar e mellorar o sistema como conxunto. É por iso que decidimos facer borrón e conta nova.

No futuro, este proceso vai seguir una lóxica distinta. Primeiro de todo, o motor do xogo decidirá se activa algún evento ou non. En caso de que o active, escollerá entre as dúas principais categorías de evento: os eventos colectivos—ou de equipo—e os eventos individuais. E finalmente escollerá un tipo de evento dentro da categoría anteriormente escollida.

Como podes supoñer, calquera cousa relacionada co equipo como conxunto—como por exemplo os córners e as faltas indirectas—, pertence á categoría de eventos colectivos ou de equipo, namentres que calquera situación na que interveñan somentes un como ou dous xogadores, considérase como eventos individuais. Polo xeral, esta última categoría será a máis frecuente.

Un dos cambios importantes é que cada evento especial vai poder aparecer máis dunha vez por encontro. Por outro lado, cada vez que apareza un evento, as posibilidades de que o mesmo evento volva a aparecer serán menores.

Eventos individuais
Os eventos individuais son os eventos especiais máis comúns, como por exemplo cando un Rápido fai unha xogada veloz para anotar ou o evento de xogador Técnico facéndolle o lío a un Cabeceador.

Cando o motor do xogo decida que vai a efectuarse un evento individual, xa non vai ter en conta a posesión do balón para decidir que equipo acaba levándose o evento, senón que en canto diso vai ter en conta a especialidade e a posición no campo dos xogadores de ámbolos dous equipos.

Exemplo: Se o motor do xogo decide xerar un evento de xogador rápido, primeiro terá en conta que xogadores poden desencadear esa clase de evento, e logo escollerá un deles ó chou. Deste xeito, tendo en conta as aliñacións previas do teu rival e mailas túas, poderás saber que probabilidades terás de obter un evento en concreto, e isto proporcionarache un novo aliciente á hora de idear a túa estratexia.

Eventos colectivos ou de equipo
Os eventos colectivos seguirán dependendo da posesión do balón, polo que, se o motor do xogo activa un deles, será distribuído como ata agora, baseándose nunha comparación lineal entre as cualificacións do mediocampo.

Eventos meteorolóxicos
Os eventos meteorolóxicos van saír do proceso xeral de xeración de eventos. No seu lugar, a comprobación farase ó comezo de cada parte. Se se activa un deles, TÓDOLOS xogadores que estean no campo e teñan a especialidade afectada gañarán ou perderán unha porcentaxe fixa sobre o seu rendemento total. Un evento meteorolóxico adoita a durar dende que se activa ata o final do encontro. Ás veces, sen embargo, un evento que teña lugar no primeiro tempo pode ser anulado no segundo tempo.

O tempo meteorolóxico vai ser máis importante para os xogadores con especialidade do que o é hoxe en día.

Con este novo proceso de xeración de eventos, cremos que imos poder equilibrar mellor as especialidades tanto na súa contribución esperada como na frecuencia de cada evento, algo que era demasiado complicado co proceso actual.

AS ESPECIALIDADES E OS SEUS EVENTOS

Imos ir por partes, como facía Xacobe o Destripador. Se queres ver todos os detalles de cada evento, podes ver unha descrición das habilidades que teremos en conta en cada evento no noso Blog de Desenvolvedores.

Eventos de Rápido

Gol de Rápido
Extremos, Mediocampistas e Dianteiros poderán facer unha carreira rápida e marcar. Se o xogador rival na posición exactamente oposta é tamén rápido, terá un 100% de probabilidades de deter o ataque. Doutro xeito, xogadores rápidos nas posicións próximas tamén poderán paralo, pero con probabilidades moito menores.

Pase de Rápido
Extremos, Mediocampistas e Dianteiros poderán facer unha carreira rápida e dar un pase de gol.

Evento negativo en sol ou choiva
Cando chove ou fai sol, os xogadores rápidos poden sufrir un baixón.

Bonus nos Contraataques
Se queres ser un mestre dos contraataques, non vas ter dabondo só con ter bos pasadores, senón que tamén vas precisar de xogadores rápidos para sacarlle partido a estes pases. Calquera Extremo, Mediocampista ou Dianteiro rápido darache un pequeno pulo no nivel de Contraataque. O efecto non che é lineal, e estará comprendido nun rango que vai de 0 a 2,8 niveles da táctica. Ten en conta que o teu rival podería neutralizar este bonus dependendo do número de Extremos, Mediocampistas e Dianteiros rápidos que poña no campo.

Eventos de Técnico

Técnico canea a un Cabeceador, tamén coñecido como Técnico vs Cabeceador. Calquera Extremo, Mediocampista ou Dianteiro técnico poderán facerlle un lío se o seu par exacto no campo é un Cabeceador.

Evento negativo na choiva, positivo no sol
Calquera xogador técnico pode apagarse un pouco na choiva e mellorar o seu rendemento no sol.

Dianteiros Defensivos Técnicos
Sen cambios. Seguirán a ter un bonus do 33% do seus pases nos ataques laterais.

Creación de Contraataques non tácticos
Cando recuperas a bóla no teu campo, sempre ven ben ter un xogador cunha boa saída de balón. A partires de agora, todo defensa—xa sexa central ou lateral—darache unha pequena posibilidade de crear un Contraataque non táctico cando o teu opoñente falle unha ocasión normal. As posibilidades de activar o evento aumentarán con cada defensa que teñas—pero non de xeito lineal.

Marcaxe ó Home
Na marcaxe ó home, se o marcado é un xogador técnico, haberá posibilidades de que o efecto sexa máis elevado que sobre calquera outro xogador. Se o marcas ben preto, non vai ter espazo para facer os seus truquiños!

Eventos de Imprevisible

Pase Longo Imprevisible
Porteiros e Defensas Imprevisibles poderán crear unha ocasión cun pase longo «ó estilo Laudrup»

Gol de Imprevisible
Un contra un co porteiro. Poderán facer este evento Medios, Extremos e Dianteiros Imprevisibles.

Acción Especial Imprevisible
Calquera xogador Imprevisible—agás os porteiros—poderá irse de todos os opoñentes e atopar un pase de gol. O receptor do pase poderá ser un Extremo ou un Dianteiro.

Erro Imprevisible
Defensas e Mediocampistas poderán ter un mal día e cometer un erro dándolle o gol en bandexa ó rival. Calquera Extremo ou Dianteiro rival poderá sacarlle partido a este agasallo.

Imprevisible sube o nivel de Xogar Creativo
Os pases e a experiencia van ser moi importantes para incrementar o nivel da táctica Xogar Creativamente, e os Imprevisibles terán un bonus. Explicámolo máis detalladamente ó final desta Editorial.

Marcaxe ó Home
Xa que non podes adiviñar o que vai facer un Imprevisible, estes xogadores serán máis difíciles de marcar que ningún outro.

Conceder Contraataques non tácticos ó rival
Se os eventos «Gol de Imprevisible» e «Acción Especial Imprevisible» son fallados por un Extremo ou un Dianteiro propio, poderán dar lugar a un Contraataque non táctico por parte do teu opoñente.

Eventos de Potente

Táctica Presionar
Sen cambios. A habilidade de Defensa conta o dobre no nivel da táctica.

Evento negativo no sol, positivo na choiva
Os potentes poden sufrir no sol, e gozar coa choiva—como marráns na lama.

Dianteiro Potente («Dianteiro Normal Potente»)

O tamaño importa. Un dianteiro normal que sexa poderoso e saiba colocar o seu corpo pode forzar e aproveitar segundas xogadas despois de que o teu equipo marre unha ocasión. Ten en conta que este estilo de xogo tan físico pode facer que ó teu xogador lle saquen máis cartóns amarelos! Aínda así, se xa ten unha amoestación, irá con máis coidado no resto do encontro.

Mediocentro Defensivo Potente

Se o teu Mediocampista Potente xoga defensivo, poderá presionar os ataques do teu rival e anular algunha das súas ocasións.

Marcaxe ó home
Os Potentes terán máis efectividade á hora de marcar ó home.

Eventos de Extremo

Extremo a Xogador de Campo
Se o teu extremo vaise dos seus defensores laterais, poderá pasarlle a bóla a outro Extremo, Dianteiro ou Mediocentro Ofensivo do teu equipo para que marque gol. Ou non.

Extremo a Cabeceador
O mesmo que o evento anterior, pero se o receptor é cabeceador, seralle máis doado marcar.

Eventos de Córner
Os corners serán máis frecuentes, pero pode que sexa máis difícil marcalos.

Córner a Xogador de Campo
Precisarás dun bó lanzador, pero tamén o teu nivel ofensivo de Faltas Indirectas será confrontado co nivel defensivo de Faltas Indirectas do rival. Se o receptor ten nivel de anotación dabondo para marcarlle ó porteiro, entón é gol.

Córner a Cabeceador
O mesmo que o evento anterior, pero se o receptor é un Cabeceador, terá que gañar a confrontación de Cabezóns de ambos equipos.

Ámbolos dous eventos poderán provocar un cartón amarelo para o equipo atacante. Pero se o xogador está xa apercibido, andará con máis coidado.

Eventos de Inexperiencia

Ata o de agora comparábase o total de experiencia de ámbolos dous equipos cando calculabamos este evento. Pero se un dos equipos tiña un xogador menos, o nivel total caía moito, polo que era moi probable que lle saíra este evento en contra. Isto ímolo cambiar, para que sexa a media a que conte.

Gol de Dianteiro Experto

Se o teu Dianteiro ten moita máis experiencia que a media dos opoñentes, e anotación dabondo para marcarlle ó porteiro, entón é gol.

Defensa Inexperto

O mesmo que o anterior. Se o teu Defensa ten moita menos experiencia que a media do equipo rival, pode ser que a líe. Se o evento se activa, un xogador do equipo rival poderá quitarlle a bóla e marcar gol.

O «Rochoso» (anteriormente coñecido como Recuperador)

Seica os Recuperadores non che son cousa de meigas. Habelos, hailos, pero agora imos facer que sexan máis frecuentes. Imos aumentar a súa frecuencia de aparición por 50. Ademáis, cando sufran unha lesión, ésta será sempre moito menos grave do habitual, e curarán máis rápido. Tamén sufrirán menos baixadas de habilidades coa idade. Para reflectir mellor o seu vigor e durabilidade, ímolos rechamar como «Penedosos».

Xogar Creativamente

Co novo redeseño esta táctica, agora o seu nivel será visible como no resto de tácticas. Ó xogares creativamente, incrementarás o número máximo de eventos especiais no encontro, pero tamén reducirás as túas cualificacións defensivas. O nivel de pases e a experiencia serán importantes (máis os pases ca experiencia), e os xogadores imprevisibles terán efecto dobre.

Asemade, os equipos que xoguen creativamente terán máis posibilidades de levarse o evento cando este sexa activado—independentemente da posesión ou do número de especialistas no teu equipo. Se ámbolosdous equipos xogan creativamente, este efecto compénsase e anúlase.

Penalización por Sobreocupación para xogadores especiais

Coas novas especialidades, temos tres combinacións únicas de especialidade e posición: Dianteiro Defensivo Técnico (DDT), Dianteiro Normal Potente (DiNoPo), e Mediocentro Defensivo Potente (MeDePo). Se pos dous do mesmo tipo, vas ter unha penalización nas súas aportacións. Se pós tres, a penalización será maior aínda. Aínda así, estes efectos serán pequenos, pero dabondo para que teñas que pensar dúas veces se che cunde ou non.

Nova Especialidade: o «Patrón»

Temos especialista novo na oficina. O seu nome é «Patrón». Será difícil de atopar, pero non tanto como o «Rochoso». Comezará a chegar a tempada que ven ás academias, pero polo momento non che imos comentar moito máis sobre este asunto.

E todo isto para cando é?

O plan é que saia para o final da próxima tempada, pero en principio só será nos encontros de Torneo, para que todo o mundo poida botarlle un ollo antes de que entren en funcionamento nos encontros oficiais, daquí a dúas tempadas (a comezos do 2018).

Neste período de tempo pode cambiar algún detalle, xa que imos considerar ás túas opinións, así como as nosas probas co obxectivo de equilibrar o sistema. De facelo, avisarémosche de contado.

E se chegaches ata o fin da editorial, parabéns, seica es un hattriqueiro ben paciente :)
 
Server 071