Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

Axuda »   Manual »   Adestramento 

Adestramento

Cada semana terás que escoller o tipo de adestramento no que queres que os teus xogadores se concentren nas sesións de traballo dos adestramentos. Os efectos do adestramento semanal aparecen sempre durante o Xoves ou o Venres, dependendo do país. O tipo de adestramento escollido cando comeza a actualización é o que se adestrará esa semana. Os trocos na forma actual e de fondo tamén ocorren nese intre.

Idade do xogador e nivel de habilidade

Os xogadores máis novos xeralmente aprenden máis axiña que os máis vellos, pero a velocidade de aprendizaxe do teu xogador nos adestramentos tamén depende do nivel que teña na habilidade en cuestión. Canto máis baixo estea ese nivel, máis rápido adestrará.  Adestrar en niveis moi baixos é, a miúdo, varias veces máis rápido que facelo en niveis de habilidade medios, mentres que o adestramento en niveis moi altos é máis lento que en niveis medios.

Aparte da idade e o nivel de habilidade hai catro factores que deciden os efectos do adestramento: A intensidade do adestramento, o tipo de adestramento, a porcentaxe de adestramento de resistencia e o equipo de adestradores (adestrador e axudantes).

Intensidade do adestramento

Canto máis duro adestres, mellor será a forma do equipo en xeral, e os efectos do adestramento incrementaranse. Ti decides a intensidade do adestramento indicando un número entre 0 e 100.  Un alto nivel na intensidade fará que o risco de lesións aumente. Terás que decidir ti mesmo que nivel de intensidade é o apropiado para o teu equipo. Tamén podes preguntarllo a outros mánagers nas conferencias.

Unha baixada significativa da intensidade pode provocar unha ampla subida do espírito de equipo. Unha vez que mandes aos teus xogadores adestrar con máis intensidade de novo, o seu espírito de equipo loxicamente caerá. Se queres cambiar a intensidade do adestramento, ten en conta que para que teña efecto esa semana, tes que actualizar o valor antes da última actualización anterior á do adestramento.

Tipo de adestramento

Hai 11 tipos de adestramento para escoller. Todos fan que os teus xogadores melloren nalgo. Os diferentes tipos de adestramento móstranse na táboa de máis abaixo.

Equipo de adestradores

Se tes un bo adestrador, o adestramento será máis efectivo que se é malo. Os adestradores auxiliares tamén incrementan o efecto do adestramento.

Adestramento de resistencia

A resistencia debe ser adestrada cada semana, como unha porcentaxe do adestramento total do equipo. A súa eficiencia caerá para niveis máis altos de intensidade. É mellor adestrar un pouquiño cada semana que moito de cando en cando.  Os xogadores máis vellos precisarán de máis adestramento cada semana para manter un certo nivel de resistencia, o que, á súa vez, significa que cada mánager terá que atopar o seu adestramento de resistencia particular adaptado ao seu equipo e obxectivos.  Os xogadores que participasen polo menos 90 minutos durante a semana recibirán o 100% do efecto do adestramento de resistencia do equipo. Os que xogasen menos de 90 minutos, os substituídos, por exemplo, recibirán un 75% do efecto do adestramento, ao que se lles engadirá unha bonificación por cada minuto que estivesen no campo. O resto de xogadores do equipo que non disputasen ningún minuto durante a semana pero que estean en condicións de adestrar (xogadores lesionados por unha semana ou menos) recibirán a metade do efecto.

O adestramento de resistencia afecta negativamente á forma global do teu equipo; canta máis resistencia adestres, maior será o efecto negativo sobre a forma.  Hai que ter en conta que só a forma actual, e non a forma de fondo, se ve afectada polo adestramento de resistencia.

Principios básicos

A cantidade de adestramento que recibe un xogador depende do número de minutos que xogara co teu equipo durante a semana na posición que esteades a adestrar. Os encontros xogados con outros equipos contarán unicamente para a actualización da forma, e non se recibirá adestramento ningún. Se un xogador non participa polo menos un minuto en "accións reais" durante a semana, non adestrará nada. Un xogador pode recibir 90 minutos (como máximo) de adestramento durante unha semana. Xogar máis de 90 minutos na posición que se adestra non dará máis adestramento. Xogar menos dos 90 minutos, por exemplo 50, si que dará menos adestramento, neste caso 50 minutos sobre 90.

Se un xogador participou en máis dunha posición diferente durante a semana, os 90 minutos que lle dan a maior cantidade de adestramento elixiranse na actualización do adestramento. Os comportamentos individuais dos xogadores durante os partidos non afectan o adestramento.

Os xogadores na posición de extremo recibirán só a metade do adestramento cando adestren xogadas. O mesmo ocorrerá cos laterais cando adestren extremo.

Non ten importancia se o encontro no que participou o xogador era amigable, de copa ou liga, son todos igual de efectivos desde o punto de vista do adestramento. Con todo, se non tes os xogadores necesarios para comezar un encontro de competición daráselle a vitoria ao equipo contrario por non presentarte (walkover) e perderás o adestramento correspondente a ese encontro. Por outro lado, se fas a aliñación e o teu rival non, gañarás por incomparecencia do rival e os 11 xogadores titulares recibirán o adestramento completo, pero naturalmente non recibirán experiencia.

Parénteses indican efectos pequenos. Dobres parénteses indican efectos moi pequenos.

Tipo de adestramento Mellora ...para...
Balón parado Balón parado Tódolos xogadores no campo, cun 25% de bonificación para o lanzador de balón parado e o porteiro
Defensa Defensa Defensas ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Anotación Anotación Dianteiros ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Lateral (Extremo) Extremo Extremos (Defensas laterais) ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Tiros (Anotación) (Tódolos xogadores que disputen o encontro)
(Balón parado) ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Pases curtos Pases Mediocampistas, extremos e dianteiros ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Xogadas Xogadas Mediocampistas (Extremos) ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Portería Portería Porteiro
Pases longos Pases Defensas, mediocampistas e extremos ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Posicións defensivas Defensa (Porteiros, defensas, mediocampistas e extremos) ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Ataque por bandas Extremo Dianteiros e extremos ((Tódolos xogadores que disputen o encontro))
Individual (Só Academia de Xuvenís) Habilidade(s) de importancia para a posición no encontro (Tódolos xogadores que disputen o encontro)

Exemplo

O equipo adestra "Lateral" (Extremo) esta semana. Ten en conta que o día exacto do encontro pode variar: Domingo refírese ao encontro de liga do fin de semana, mentres que Mércores é o encontro amigable ou de copa de metade da semana.

  • Mario Marpapu xogou 90 minutos como extremo o Domingo e non xogou o encontro do Mércores. Este xogador recibe 90 minutos completos de adestramento de extremo.
  • Carlos Cotroso xogou 90 minutos como extremo o Domingo e 90 minutos como dianteiro o Mércores. Este xogador recibe 90 minutos completos de adestramento de extremo.
  • Nacho Díaz xogou 50 minutos como extremo o Domingo e 90 minutos como defensa lateral o Mércores. Este xogador recibe 50 minutos completos de adestramento de extremo máis 40 minutos dun adestramento de extremo pero cun rendemento menor.
  • Alfonso Daniel Rodríguez xogou 40 minutos como extremo o Domingo e 90 minutos como dianteiro o Mércores. Este xogador recibe 40 minutos completos de adestramento de extremo e 50 minutos residuais dese mesmo adestramento.
  • Castelao Galiza xoga 90 minutos como defensa lateral tanto o encontro do Domingo coma o do Mércores. Só recibe 90 minutos de adestramento de extremo cun efecto menor.
  • Manolo Cabesón non xogou nin o domingo nin o mércores. Non mellorará a súa habilidade.

Baixada de habilidades

Cando un xogador chega a unha idade preto dos 30 perde un chisco de habilidades cada semana. A magnitude da perda depende do vello que é o xogador e do alto que sexa o nivel de habilidade no que estea. Canto maior sexa o nivel de habilidade, a perda será maior. Os xogadores máis vellos tamén sofren maiores baixadas que os máis novos.

 
 
Server 095